Xoves. 28.03.2024
El tiempo
07:59
27/10/14

Dame o teu Messenger

Dame o teu Messenger
Messenger morriu-IMaxe-CDRcz

Poucas frases tan sinxelas supuxeron tanto para a humanidade como “Dame o teu messenger”. A algúns lles soará a unha época arcaico dixital que pasou a mellor vida. Pero para outros, entre os cales me atopo, supoxo toda unha revolución na forma de comunicarnos e relacionarnos cos demais. Pero non só iso, tamén permitiu que as persoas “normais” empezaramos unha relación de amor/odio coa tecnoloxía. Pensaredes que me volvín tolo falando do meu ben querido messenger, pero todo ten unha explicación: o vindeiro 31 de outubro Messenger desaparecerá definitivamente, quedando en negro unha parte importante da nosa historia.

Se falamos de historia é bo coñecer algúns datos deste innovador servizo de mensaxería. Foi creado no 1999 por Microsoft. Nun primeiro momento, era un programa moi básico que permitía manter conversas con outro ordenador conectado a internet. É evidente que un dos seus éxitos foi que viña instalado de fábrica en tódolos ordenadores de Microsoft que, se ben recordades, eran a maioría. No ano 2003 contaba con 100 millóns de usuarios, chegando ós 330 millóns no 2009 despois da súa fusión con MSN (servizo de noticias de Microsoft). A partir de aí, o declive foi imparable: primeiro loitou contra Skype, despois contra Facebook e demáis redes sociais para, finalmente, acabar sucumbindo ante o todopoderoso Whatsapp.

Pero volvamos á parte romántica. Ese sentimento que fai que sinta pena pola desaparición dun simple programa informático. Messenger supoxo o comezo dunha era de hiperconectividade. Pedir o teléfono da casa quedaba anticuado (alguén o pide agora?) e o uso de móbil non estaba arraigado coma na actualidade. As fotos de perfil e os estados foron introducíndose no noso día a día con frases filosóficas, sentimentos ou simples definicións de nós mesmos nas que mezclabamos mAiÚsCuLaS e MiNúScUlaS, os emoticonos comezaron a formar parte da nosa vida e os zumbidos poñíante en alerta se te despistabas e tardabas en contestar. As conversas eran, case sempre, con amig@s e familiares; persoas, en calquera caso, que coñecías da vida real, polo que o EU era moito menos ególatra do que o é hoxe nas redes. Non importaba onde ibas de vacacións, só que contestaras as conversas. Cantas veces tedes oído últimamente “facemos un grupo e quedamos”... Foi Messenger quen introduciu esa novidade nas nosas vidas! Cun matiz, cando apagabas o ordenador, deixaban de molestarte con zumbidos e mensaxes, moitas veces absurdas, como os que recibimos hoxe. Facebook e o resto das redes sociais lle deben todo ó Messenger, en especial Whatsapp.

A Messenger debémoslle todos moito máis do que imaxinamos. Co seu uso, empezamos a familiarizarnos con termos coma .jpg ou .mp3. Sei que hoxe tod@s sabedes eses e moitos máis pero naqueles anos (recordade) eran moi poucos os que dominaban esos temas. Tal foi a súa influencia que estou seguro de que moitos de nós non saberiamos manexar o ordenador hoxe en día.

Messenger foi tamén o precursor da revolución dixital que vivimos. Para moitos de nós supuxo o descubrimento dun novo mundo, dun futuro que naqueles momentos estaba moi lonxe das redes. Por iso, vos pido a todos un recoñecemento a aquel programa que cambiou a nosa forma de comunicarnos.

Q.D.E.P..

Outros artigos de Arturo Simón

Comentarios