Sábado. 02.11.2024
El tiempo
08:55
10/10/11

Eucaliptos, ¿unha praga ou unha saída económica?

Eucaliptos, ¿unha praga ou unha saída económica?

O outono é unha das estacións do ano que nos invita ao paseo, principalmente polo monte onde gozar das múltiples cores que nos proporciona a natureza e da recollida de cogomelos e castañas que se atopan en zonas predominadas polas especies autóctonas, tales como os carballos. Estes son lugares difíciles de atopar debido a unha especie que invade o montes da Nosa Costa: o eucalipto.

O eucalipto é unha árbore orixinaria de Australia da cal existen máis de setecentas especies. Unha delas, a máis común, é a que está presente na Costa da Morte: o Eucalytus globulus.De todos é coñecido que esta especie caracterízase polo seu rápido crecemento, a cal fixo que fose unha especie que se expandise por todo o mundo para o seu aproveitamento industrial (produción de madeira, fabricación de papel e obtención de aceite esencial). Un eucalipto tarda entre quince e vinte anos en acadar o seu tamaño forestal.

O importante beneficio industrial que xera o eucalipto reflíctese dende hai uns anos no porto de Laxe, lugar elixido para o traslado dos eucaliptos da zona para as fábricas de celulosa de Portugal que quedaron sen esta materia prima despois dos incendios que sufriron entre o 2003 e o 2005.

Non cabe dúbida de que o uso industrial do eucalipto xera postos de emprego nunha zona onde as saídas laborais son escasas, aínda que estes beneficios económicos son en detrimento da riqueza ambiental. As plantacións de eucaliptos favorecen a propagación dos incendios forestais coa súa consecuente lesión do chan que tamén se ve afectado pola maquinaria pesada que se emprega para xestionar esta madeira.

As súas orixes

As razóns polas que fan que esta especie predomine en Galicia remóntase ao ano 1860, data na cal Fray Rosendo Salvado, misioneiro en Australia, enviou sementes a súa familia de Tui polo seu valor ornamental. A especie comezou a gañar terreo en Galicia xa que se adaptou perfectamente ás condicións ambientais.

A época de gloria do eucalipto foi durante o franquismo, momento no se aplicou unha política de reforestación do monte mediante especies de crecemento rápido, tales como o pino e o eucalipto. Ademais, esta especie australiana empregouse para desecar as brañas a pesar do enorme dano ambiental que sofren os ecosistemas pola disección da terra.

Esta política de “eucaliptización” continuou e continúa ata os nosos días debido aos fortes intereses da industria papeleira. Este atractivo económico chegou ata tal punto que nos anos 60 instálase en Pontevedra un complexo industrial capaz de producir toneladas de pasta de papel coa polpa do eucalipto, para posteriormente converterse en celulosa.

Outro dos factores que propiciou o avance do eucalipto foi o Plan Forestal de Galicia, aprobado pola Xunta en 1992 e cun horizonte ata o 2032, co que se perseguiu aumentar as masas puras de eucalipto a través de subvencións para a repoboación e para a transformación do monte arboredo. Os obxectivos acadáronse sen problema, polo que dende o ano 2000 a Xunta de Galicia deixou de subvencionar a plantación de eucaliptos.

Segundo o Instituto Galego de Estatística, no ano 2009 producíronse en Galicia 3.084.295 metros cúbicos con cortiza de eucalipto, o que supón a metade do total da madeira producida nese ano na comunidade galega (6.140.667 metros cúbicos con cortiza). Este dato converte a Galicia na comunidade autónoma española con maior superficie de eucaliptais.

A toda esta cantidade de situacións que propiciaron o avance do eucalipto en Galicia hai que sumar o carácter invasor da especie.

A pesares de que case non se perciba, a superficie dedicada a esta especie viuse reducida por dous feitos que provocaron a crise madeireira: a vaga de incendios do 2006 e a praga de Gonipterus; o gurgullo do eucalipto. Nembargante, a crise do pino e a revalorización do eucalipto provocou que a pasada primavera se plantasen en Galicia trinta millóns de plantas.

O avó de Chavín, un Monumento Natural de Galicia

Pode parecer contraditorio con todas as descricións feitas anteriormente pero o certo é que en Galicia atópase a árbore máis grande de España que, precisamente, se trata dun eucalipto de 75,2 metros cúbicos. O avó de Chavín, situado no concello lucense de Viveiro, está declarado como Monumento Natural de Galicia. Esta singular árbore ten 126 anos, mide 65 metros de alto, conta cun perímetro de base de 10,5 metros, cun perímetro normal de 7,9 metros e cun diámetro de copa de 26,8 metros.

Recentemente púxose en marcha un plan de urxencia para protexer a árbore, propiedade da Xunta de Galicia, xa que é vítima dunha praga que roe as súas follas.

Outros artigos de Lorena Martínez Canosa sobre A Costa en Verde

Outras novas medioambientais

Fonte

Foto: Eucaliptos no porto de Laxe ; o avó de Chavín

Comentarios