Sábado. 07.09.2024
El tiempo
09:30
25/05/12

Eufemismos

As últimas semanas son ben reveladoras do como e en que dirección viaxa a Costa da Morte en Materia socio-económica.

Por una banda, esta semana coñecíamos da existencia dun mapa que a Xunta e o goberno central barallan como o máis acertado dentro da reestructuración municipal da Galicia, resumida baixo o eufemismo “Fusión de Concellos”.
En concreto, trátase de refacer ata o extremo o que ten sentido e o que non, en canto á formación de unidades municipais. Basicamente, por exemplo, o Ézaro está máis preto de Cee e de Fisterra que de Dumbría capital así que, por que non xuntalo a eles na vez de permitir que siga sendo parte dun concello de interior? Igualmente, partes de Muxía teñen máis relación con Cee que coa propia Muxía, por que manter como está o concello? E etc, etc…

Algúns levamos tempo dicindo que Carballo non pertence a Costa da Morte por iso mesmo pero, no noso caso estábamos equivocados. Cantos serán os que bufen agora contra esta decisión unilateral da Xunta e do PP? Se son tantos coma os que o martes se manifestaron contra o maior recurte en materia de educación publica na historia da democracia na bisbarra deámonos por fusionados.

A única razón que media neste asunto entre o “globo-sonda” e a realidade lexislativa é a convocatoria de eleccións autonómicas probable cada día máis neste mesmo ano,. De feito, de gañar o PP aqueles comicios cando se produzan, este novo mapa será lei no primeiro consello de Ministros. Ao tempo.

Outro eufemismo propio da bisbarra é o da suposta “potencia turística” na que se quere converter a Costa da Morte en base a inverstimentos sen sentido e pouco meditadas (aló menos ata o nacemento da patronal do sector, hai poucos anos). A Costa da Morte non é destino turístico porque, nin ten bases para esto, nin estrutura que o coloque como bastión económico dentro da estrutura xeral nesta materia. Pesca, agricultura e, en terceiro lugar a gran distancia, servizos. Pero servizos no senso a comercio, non a hostelería que se ubica nun honroso quinto lugar das “canteiras” económicas na nosa bisbarra.
O sector primario segue a ser a base fundamental e primordial e así vai seguir sendo porque, cando un Parador Nacional é a única baza a xogar por un territorio coma o noso en demanda de maior atención a un sector no que se ten investido moito (nin se sabe) con nula recollida de beneficios (tampouco se sabe) é que se ten ben pouco que dicir.

Que a principal campaña de promoción do territorio a teña que facer o propio sector cunha minúscula aportación da administración publica e en explotación da efeméride do maior desastre ecolóxico da historia do país deixa ben as claras cal é a interese real na nosa comarca e na súa capacidade turística.

U-lo Neria? Onde están os “esforzos” e as “importantes mencións” e o “posicionamento” presuntamente logrado polas millonarias bacanais en Madrid coa excusa de FITUR? U-lo os millons de visitantes… os milleiros… os centos? En resumo, a que tanto eufemismo?

Falemos claro. Vivimos nunha merda sen futuro porque nos vale a mediocridade como aval político e para o liderazgo. Así de claro. Agora, sigamos co noso. A mendigar. Eso se nos da moi ben.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios