mércores. 26.03.2025
El tiempo
09:34
17/02/11

Hoxe: Amigos (Corcubión, 1.965) 

Hoxe: Amigos (Corcubión, 1.965) 
- Ola, san Roque. Trouxen unhas galletas para o can. ¿Pódollas dar? Nada, a túa ferida non dá sanado. E que só coas lambeduras do animaliño... ¿Por que non lle pos curocromo? E xa vexo que a tirita que che dei o outro día non a puxeches. Mira, san Roque, pensei unha cousa. A ti o canciño pouca falta che fai, e despois de que cures a perna, menos. ¿Podíasllo deixar a santa Lucía? A pobre está cega e seguro que lle viña moi ben... - Virxe das Mercedes, mellor que deixes un pouco ó neno no chan ou vaiche pasar como á miña tía Enriqueta, que por tanto tempo que levou a miña curmán Lali no colo  tivo que ir ó médico pola dor nas costas. Non lle vai suceder nada ó pequeno, virxenciña, e así tamén aprende a andar que xa está no tempo... - Xesucristo, ¿non queres baixar da cruz? Mañá traio uns alicates, que ten meu pai uns ben grandes, e quitamos os cravos entre san Marcos e máis eu. A altura non é problema, que na sacristía hai unha escaleira. É que me gustaría limparche o sangue e sacarche esa coroa de espiñas. Dame carraxe verte con ela posta e rezo  todos os días para  que desapareza. Rezo moito por iso, ti ben o sabes, que xa cho dirá o teu pai... - ¿Que me queres facer un agasallo? Pois moitas grazas, san Marcos. Eu non acertei co meu, aqueles ósos que trouxen para o teu can nin os probou. ¿Que é un león? ¿Con ás?  Será un león máxico... San Marcos, ¿algún día pódesme deixar ver o que escribes coa túa pluma no libro? ¿O Evanxeo? Iso estamos estudiando nós na cataquese. Pois xa me podías axudar no exame. ¡Ah, era iso o regalo! ¡Agradecereicho para sempre, amigo! -------------------------------------- - Escoita Senén: onte, cando levei ao rapaz á igrexa para face-lo exame final da cataquese, estiven falando antes con don Ramón, o cura; díxome que o neno está distraído todo o tempo, que non lle fai nin caso ás cataquistas e que o ve moi intelixente, pero non o cre preparado para facer a Primeira Comuñón. Xa  ves  que desgraza, a esperar un ano co traxe de mariñeiro no armario, e seguro que co que medrará non lle vai servir. E atende que vén o mellor: despois de falar con don Ramón rifeille duro ó neno e el díxome todo pancho que non me preocupara, que o seu amigo san Marcos habíalle de axudar. ¡San Marcos! Menos mal que non o escoitou o cura, ía pensar que o noso fillo está tolo. ¡Onde se víu, suspender o catecismo! Cando chegue coa nota voulle dar unhas azoutas, a ver se... - Para, Ana, que xa chegou o fillo coa nota. Levou un dez. - ¿Un dez? ¿Como é posible? ¿E por que tés esa cara? - Díxome don Ramón que o exame estaba feito con pluma. E o neno levaba  bolígrafo.
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

Comentarios