sábado. 10.05.2025
El tiempo
09:20
10/02/11

Hoxe: E cando rifaron o sol e as nube (Carnota, 1.905) 
 

Hoxe: E cando rifaron o sol e as nube (Carnota, 1.905) 
 
Cando era novo, o meu abó escribíu esta fermosa historia. Meu pai contouma un día coa banda sonora das pingas na ventá. Nunca a esquecerei. "Hai moito tempo, cada vez que acababa de chover, o Sol baixaba á Terra para recoller gotas de chuvia e devolvérllelas ás nubes. Os seus raios caían sobre mares, lagos e ríos, regresando logo ao ceo co cargamento líquido que alimentaba a voraz colonia nubrada. A actividade era esforzada e rutineira, o que orixinaba frecuentes protestas dos raios do Sol, que recriminaban ás nubes a súa actitude: "Aquí tedes a auga de novo, e a ver se o pensades mellor antes de tirala outra vez". As nubes obxectaban: "Se non chove, a Terra morrerá e non teredes a quen quentar". E pasaron anos e anos nos que se repetía esta historia. Pero unha vez, o Sol non baixou a pola chuvia. E a Gran Nube, advertida por un alarmado grupo de cirros, achegouse apresurada ao Sol para requerirlle a axuda de sempre. "Non podo", contestou o astro rei. "Os meus raios acomodáronse; din que lles é terriblemente canso baixar e máis aínda subir cargados coas gotas. Que non lle ven obxecto a iso e que lles esgota tanta viaxe". A Gran Nube quedou consternada. Reuniu ao atardecer ás demáis nubes para un debate colectivo e durante esa noite houbo abundancia de raios e tronos (o que hoxe coñecemos como tormenta de ideas). Tras moito discutir, acordaron unha proposta: formarían unha escaleira de nubes para que o Sol puidese baixar e subir con comodidade. O novo método probouse durante uns días, o tempo suficiente para constatar o seu fracaso. Os raios, preguiceiros, parábanse nas distintas nubes, charlaban entre eles, recostábanse nos esponxosos chanzos, departían coas aves,...E tras chegar por fin ao seu destino volvían premiosos e cansos, afundíndose na algodoosa superficie, demorando ata o infinito a súa tarefa. A Gran Nube impacientábase. "Isto non funciona. Probaremos con algo máis veloz". E chocaban entón entre si as nubes para provocar raios polos que descendía o Sol. Moi rápido, si, pero tamén moi asustado e mareado, á parte de ter que logo subir sen axuda. Os raios do Sol novamente deixaron de baixar á Terra. Desesperada, a Gran Nube pediu axuda ao Señor Vento. "Dende agora -díxolles aos raios do Sol- empurraravos o Señor Vento ata a Terra e el mesmo traeravos aquí de novo". E así se fixo. Pero tamén xurdiron problemas: o vento provocaba tantas cóxegas aos raios que se volvían tolos no traxecto e se negaban a volver. "Non se pode resistir o formigueo. Mellor deixémolo todo e quedemos arriba", consensuaron os raios entre si, desmoralizados polas continuas propostas falidas. Pero a Gran Nube non recuaba no seu empeño. Pensou e pensou, cavilou e cavilou ata que creu encontrar a solución definitiva: "Os raios abúrrense. É lóxico pois son vitais, divertidos e travesos. Unha tarefa repetida e sen atractivo non lles motiva o mais mínimo. Sei o que necesitan". E dende ese día, cada vez que cesa de chover, os raios do Sol utilizan un tobogán para achegarse á Terra. Un tobogán moi orixinal, de vivas cores e suave tacto polo que soben e baixan con alegría. Dende ese día, contan os maiores, existe o Arco da vella".
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios