venres. 09.05.2025
El tiempo
09:00
07/07/11

Hoxe: O desafío (Cereixo, 1942) 

Hoxe: O desafío (Cereixo, 1942) 

Teño que aguantar, teño que aguantar. Alí vai Xusto, parece que nin se está esforzando. Cando cheguemos á costa abaixo de Merexo recortarei a distancia con el. Aí está mirando para atrás o moi pallaso; pero dende aquí vexo que tamén está suando arreo, ou sexa que tampouco lle será un paseo a carreira. Estame provocando coas olladas, pero quen rí último...

Non o soporto. Ninguén o soporta, tan só os seus amiguiños de Camariñas, que lle teñen medo. E non me arrepinto do desafío, non pode ser que ninguén pare os pes á súa chulería. Sempre faltando aos muxiáns: que si no mar navegamos ben pero que en terra andamos coma patos, que se non hai quen lle gane en toda a  Costa unha carreira, que prefire non vir a Muxía a abala-la pedra porque a racharía coa forza que ten nas pernas,... ¡Fanfarrón do carallo! Levaba tempo pensando en retalo, e saltei cando hai dous meses escoiteino dicir na festa de Moraime a barbaridade aquela ("non se merecen os aldeáns de Muxía unha virxe tan milagreira, un día vou roubala ó santuario e lévoa para Camariñas correndo, que ninguén de Muxía e quen de alcanzarme, ho, ho, ho"). Alguén tiña que enfrentarse a el e fun eu; teño velocidade nas pernas e resisto unha hora remando duro sen parar: era o máis preparado en todo Muxía para vencer a Xusto.

¡Deus, esta calor! Non sei por que aceptei a norma de que non se puidera beber no percorrido ¡Vaia tontería! Estou desfalecido, pero teño que seguir. Aí ven a costiña, vou recobrar fol. E Xusto está baixando o ritmo; cando eu recupere o tono... ¡como hai Deus que o adianto!

Unha carreira entre Moraime e Cereixo, territorio neutral. Aceptou todo rufo e reclamou que fose carreira de ida e volta, ben alto para que escoitasen a miña moza e os meus amigos, "porque se non sería a carreiriña dun can". Non tiven máis remedio que dicir que si. E entrenar a fondo dous meses. A fondo...máis ben cando podía, que houbo moito traballo no barco esta tempada; chegaba desfeito cada día da faena e ala, a correr polo monte ata a noite. Pero que orgullo nos ollos de miña nai ("non me chega o momento de que pida perdón polo que dixo da virxe, e de xeonllos ademáis..que fachendosa estou co meu filliño!"). Ese era o desafío: se gañaba eu, retiraba o da virxe poñéndose de xeonllos no medio de Muxía; se gañaba el  tiña que ser eu o que de xeonllos no medio de Camariñas dixese berrando que os da miña vila non merecían a virxe que tiñan.

Dous kilómetros, xa estou cerca de Moraime. E non vexo a Xusto, case non vexo nada, estoume mareando... pero teño que seguir, miña nai está na meta... non podo máis, trémanme as pernas... maréome.

A luz do sol cégame. Non debín mirar para arriba. Xa estou mellor. Veña, Quique, veña que agora vas lixeiro. Ese descansiño sentoume de maravilla, que agora vou coma o vento. Aí está Xusto, xa verás que sorpresa vai levar... Toma adiantamento! A cincocentos metros da meta! Vexo á xente na chegada, estarán Susi e miña nai. Xa non me chega o momento de ver a Xusto en Muxía, si, si,... aí está a árbore de onde saímos. Vencín a Xusto! Por Muxía, pola Virxe, por miña nai! Deus, que orgullo sinto, que benestar!

Uff, agora ven o baixón e si que nótome esgotado, nin escoito os aplausos. ¡Naiciña, gañei!  Aí chega Xusto...¡chorando! Que é o que vocifera? A ver que inventa este agora. E agora vaise correndo e a xente detrás del. Non entendo nada, irei ver onde van todos. Están facendo un círculo no medio do camiño. ¿Que pasa? ¡Todo o mundo berrando e chorando, isto é incrible! Fareime sitio entre a xente a ver... Hai alguén no chan...un home...¡¡eu!!

¡Isto ten que ser un soño! Virxenciña da Barca, fai que que me desperte á beira de miña nai. Virxenciña, ¿por que está Xusto de xeonllos mirando para o ceo? ¿E por que agora se poñen todos en xeonllos saloucando mentres miran para arriba coma Xusto? Virxenciña, ¿por que os estou vendo cada vez máis lonxe? 

  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

 

Comentarios