luns. 11.11.2024
El tiempo
09:00
27/01/11

Hoxe: Póker (Ponte do Porto, 1977) 

Hoxe: Póker (Ponte do Porto, 1977) 
- Eu xa tiña quince anos, Pardal, e me acordo perfectamente do Dandy, todo elegancia, todo chulería, todo vicio. Recordo telo visto na sala de festas A Xunqueira de Cee, e daquela xa levaba con el a mulata. -¿Que mulata? - Unha que trouxera dunha viaxe a Venezuela. O Dandy era un mozo de Ponte do Porto que navegou un tempo nun mercante que facía unha ruta entre Maracaibo e Baltimore. Na  cidade venezolana coñecíu a Estrella, unha despampanante mulata que trouxo para España nunhas vacacións. - ¿Casaron? - Non; o Dandy a exhibía polas verbenas e salas de festa como un trofeo para envexa dos demáis. A trataba moi desconsideradamente, prácticamente como unha escrava. A rapaza adorábao a pesares dos desprezos, e soportaba con dignidade as ultraxes do Dandy, que tampouco se cortaba en andar con outras mulleres á súa vista. - Pobre rapaza, Tinito. - Cando a coñecín xa non era a moza apampanante que viñera de América. Recordo, coma se fose hoxe, os seus ollos, moi negros, seguro que antes misteriosos, de luto cando os vín eu. Lucía unha expresión orgullosa e a envolvía un aire máxico que botaba medo. - ¿Medo? - Non sei, Pardal, era un non sei qué, irradiaba algo paranormal que transmitía unha forza oculta, coma se fose unha santa. Na vila dicían que facía vudú, xa me dirás ti, que ignorantes, se iso é en Haití. Pero a verdade é que a mirada impresionaba polo intensa, que parecía estarche lendo o pensamento. O conto é que o Dandy comezaba a dar mostras de estar canso dela, segundo os comentarios que lle facía ós achegados. Xa che dixen antes que era un vicioso integral, e entre as súas afeccións incluía o xogo. No casino de Camariñas xogábanse partidas de póker que duraban ata a madrugada; algunhas con fortes apostas no que se tiña arruinado máis dun paisano. - ¿Pero eran partidas legais, Tinito? - Claro que non, Pardal, o que pasaba alí quedaba entre os catro ou cinco xogadores e Mari, a encargada do Casino que atendía o bar; supoño que as propinas garantirían a súa discreción. O Dandy estaba nunha desas partidas cando chegou a un man a man con Evaristo de Ozón, un animaliño con moitos cartos polas herdanzas de terras e piñeiros que lle deixaran os pais. O Dandy tiña de man un póker de cabalos, e tras unha nefasta noite esperaba recuperar o moito que perdera con esa cotizada xogada; foi elevando as apostas progresivamente ata que quedou só Evaristo, que tiña sona de faroleiro. Podía ser a súa última oportunidade, e ocorréuselle apostar a Estrella contra o resto de Evaristo. - ¿Apostar á rapaza? - Así foi, Pardal. E o Evaristo aceptou tras pensalo un tempo. Todo o mundo estaba expectante cando o Dandy ensinou oufano as súas cinco cartas: un as e catro cabalos. Entón Evaristo baixou ó tapete moi a modiño as súas: un as e catro reis. - ¡Póker de reis, vaia pao! - Así foi como Estrella marchou a vivir a Ozón coa besta de Evaristo. Non durou moito a pobre: mallaba nela por calquera cousa, e cando a mulata fuxíu a Ponte do Porto, Evaristo localizouna na casa dunha amiga e levouna de novo á aldea, onde lle deu unha terrible malleira da que nunca se recuperou. Morreu un mes despois dunha hemorraxia interna; cartos, amigos e influencias taparon o crime, que se disfrazou de caída polas escaleiras da casa e posteriores complicacións de saúde. - ¡Que cabestro, o de Ozón! ¿E o Dandy non fixo nada? - Nada. Incluso puido ser un alivio para el, porque estaba vendo que Estrella ía voltar á súa casa tarde ou temprano. - Malos bechos, Tinito... - Malos bechos, Pardal. Pero a todo porco lle chega o seu Sanmartiño: non pasaran nin dez días da morte da rapaza cando Evaristo faleceu ó caer dun cabalo a un precipicio.- ¡Veña! - Certo, Pardal. Galopaba pola súa gran finca cando o animal se encabritou sen motivo aparente e se dirixíu a un barranco no que freou en seco, provocando a caída de Evaristo ó abismo. No velorio, unha alporizada Mari dirixiuse tremoenta ó Dandy... - ¿Que Mari? - A do bar do Casino de Camariñas. Confesoulle que na xogada famosa, na que apostaran a Estrella, ela fixéralle un sinal a Evaristo tras ver dende atrás a xogada do Dandy. Contou que lle debía cartos ó animal por uns préstamos que lle fixera, e Evaristo prometera perdoarllos se lle axudaba nas partidas. Agora tiña medo de que Estrella se vingase dela, do mesmo xeito que castigara a Evaristo co accidente. - ¿Pensaba que a venezolana era unha bruxa, meu? - Certo, amigo. O Dandy non fixo moito caso, pero ó cabo doutra semana enterouse de que Mari estaba en coma tras recibir a couce dun cabalo na feira de Quintáns. Quedoulle claro que non era unha coincidencia e non tiña a máis mínima dúbida de que o seguinte sería el. Pasou os días posteriores con tódalas precaucións, e cando vía un cabalo nun sitio, marchaba en dirección contraria. Comezou a ir á igrexa, el, que  era un descrido de moito coidado, e ata fixo unha promesa a san Roque. - ¿Con éxito, Tinito? - Sen éxito, Pardal; pasara unha semaniña desde o ocurrido con Mari cando o destino estaba esperando ó Dandy á beira da estrada a Camariñas: morreu atropelado por un automóbil que  quedou sen freos. - Pero Tinito, se foi  un coche, puido ser unha casualidade... - Non, meu: atropelouno un dous cabalos. - ¡Dous máis dous, catro: póker!
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

Comentarios