domingo. 10.11.2024
El tiempo
19:16
29/09/10

Hoxe: Tres días (Muxía, 1.949)

Hoxe: Tres días (Muxía, 1.949)
Lucía estaba viúva había seis anos. O seu marido emigrara a Brasil tras a Guerra Civil e pereceu nun accidente laboral tras esborrallarse a estrutura dunha nave industrial sita nos arredores de Río de Janeiro. Morreron varios obreiros e entre eles Tomás, segundo lle comunicara a Lucía a empresa construtora. Dimas tiña corenta e seis anos, pero permanecía solteiro por unha covardía paralizante en materia de mulleres. Con todo, a atracción por Lucía foi tan poderosa que por unha vez superou o seu terror ás relacións amorosas, axudado tamén polo apromo que lle reportara o paso dos anos. Lucía e Dimas cortexáronse, coñecéronse e chegaron a quererse con loucura. Era abril cando fixaron a data da súa voda para un seis de xullo e a espera fíxoselle eterna a Dimas, que se inquietaba presentindo unha incerta desventura. O presaxio tiña fundamento: cando faltaban tres días para o enlace, Tomás apareceu no pobo. E con el, mil tristezas. Efectivamente, Tomás non falecera no sinistro, senón que resultou malferido e estivo varios días entre a vida e a morte, para salvarse finalmente. A empresa á que pertencía precipitouse na comunicación aos familiares, e o feito de que non mediase rectificación posterior na información era imputable ao propio Tomás, do que non tivera noticias Lucía ata o seu regreso. Aduciu o aparecido que unha das secuelas do accidente fora unha potente amnesia que non remitira ata había pouco tempo. A Lucía non lle convenceu  a escusa, pero gardou as dúbidas no seu tormentoso interior, onde batallaban en loita terrible a súa responsabilidade como esposa dun estraño co desexo irrefreable dun novo proxecto con outro home, ó que xa consideraba o amor da súa vida. Transcorreron días axitados, no fondo máis que nas formas, que gardaban con absoluta hipocrisía os tres implicados. Dimas deu explicacións ao presunto defunto polo proxecto de casamento, cancelado ipso facto. Tomás aceptou as desculpas e refundou a súa relación marital con Lucía, que deixou de ver a Dimas a pesar dos esforzos deste por manter alomenos a súa amizade. A medida que as semanas avanzaban, o tormento de Lucía facíase máis e máis insoportable. O seu corazón, inflamado había apenas un mes por unha xigantesca chama de paixón, agora murchaba ao frío da foto dunha modesta fogueira. Iso era Tomás: o recordo borroso dun morno entendemento. Por máis que intentou Lucía esquecer a Dimas e retomar a complicidade con Tomás, foille totalmente imposible. Lucía quitouse a vida colgándose dunha árbore no patio da súa casa. En realidade quixo castigar á súa existencia, que logo de darlle todo retirárallo cunha crueldade intolerable. A Dimas rachóuselle a alma e estivo moito tempo sen saír de casa preso dunha depresión infinita. Tomás sorprendeu ao pobo pola súa reacción, máis contrariada que aflixida. E volveu asombrar novamente cando, pasados tres meses, realizou unha viaxe a Brasil da que volveu aos poucos días cunha rechamante mulata e un neno de tres anos. O parecido do rapaz con Tomás era tan evidente, que ninguén no pobo creu a súa historia acerca de que era un fillo dunha anterior relación da súa nova parella, unha moza que segundo dixo xa coñecía de antes e que dada a súa actual condición de viúvo pensou en converter na súa esposa. O escándalo veciñal foi grande pero breve, e aos poucos días de anunciarse a voda a xente do pobo asumiu o episodio con certa naturalidade. Excepto Dimas. Cando se decatou dos plans de Tomás, a rabia que sentiu foi tan intensa que dúas azuladas veas emerxeron indignadas en pescozo e fronte como pinturas de guerra que anunciaban vinganza. Faltaban tres días para a voda e Tomás desapareceu. Os veciños e a Garda Civil buscárono varios días sen éxito. Unha parella de policías que chegou desde A Coruña encargouse da investigación e cando obtiveron información suficiente deduciron o acontecido: desenterraron a Tomás na tumba de Lucía e detiveron a Dimas como autor do asasinato, que confesou de inmediato. Dimas estivo preso varios meses, condenado a pena de morte. Achegándose a data da execución, comentaba aos outros recluídos que esta se suspendería: sabía que tres días antes do seu enlace coa morte chegaría a orde de conmutación do axustizamento por unha condena de reclusión. Sen embargo trabucábase: a orde non chegou e Dimas camiñou con decisión o día sinalado cara ao garrote vil, dando grazas ao destino que por fin lle permitía reunirse con Lucía.
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Comentarios