Culminada a renovación integral da travesía de Ponte do Porto

Visita instituciona da comitiva da Deputación onte, mércores 17 de setembro á Ponte do Porto, para anunciar o remate das obras da estrada provincial DP-1603 ao seu paso pola travesía da vila que une os concellos de Camariñas e Vimianzo.
As obras provinciais permitiron renovar un novo tramo da travesía, de 400 metros entre os puntos quilométricos 0+330 e 0+740, contando cun investimento de 694.957 euros nesta segunda fase.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no acto inaugural acompañado da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, o exalcalde de Camariñas, Manuel Alonso “Pichurri”, o exdeputado de Vías e Obras José Manuel Pequeño, así como moitos veciños e veciñas da zona.
Os traballos desta segunda fase incluíron a construción de novas beirarrúas de formigón continuo, reposición do paseo con firme de formigón impreso, renovación integral do firme da estrada, unha intervención completa na praza de San Roque —que gaña un novo enlousado de pedra granítica e abre a súa fonte ao contorno—, así como melloras no sistema de drenaxe e recollida de pluviais, instalación de nova iluminación pública con farois e luminarias empotradas no murete do paseo, restauración da varanda e colocación de novo mobiliario urbano, como bancos de pedra granítica.
Esta fase dá continuidade a unha primeira intervención realizada anteriormente na ponte e nos primeiros metros da senda, cun orzamento de 500.000 euros e unha lonxitude de 300 metros. En conxunto, ambas actuacións supoñen xa un investimento próximo a 1,2 millóns de euros.
“Só nos queda agora pasar o marco e chegar a Cereixo, onde temos xa o proxecto redactado desa terceira fase. Como se demostra con este proxecto, cando dicimos que o imos facer, acabámolo facendo”, engadiu Formoso.
Pola súa parte, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, puxo en valor o resultado final e agradeceu o compromiso da Deputación. “Inauguramos as obras do paseo marítimo da ponte e da praza de San Roque, unha intervención de case 1,3 millóns de euros, que non son doados de conseguir. Naquela reunión que tivemos no Casino cos veciños hai uns anos, poucos crían que isto ía saír adiante, pero hoxe é unha realidade e un cambio de cara total para a Ponte do Porto. De noite vese moi bonita e penso que estamos nun momento importante, de moitas cousas boas e de evolución positiva”, afirmou a alcaldesa, antes de agradecer tamén o apoio para outras obras que están a piques de comezar, como as da Xunqueira, Liñares ou o asfaltado no Allo, financiadas a través do Plan Único- POS+ provincial.