venres. 09.05.2025
El tiempo
09:00
14/07/11

Hoxe: Trincheira (Morquintián, 1938)

Hoxe: Trincheira (Morquintián, 1938)

A nai lía, nun banquiño baixo a parra, a carta do fillo que estaba na guerra, alá na fronte de Castela.

"¿Qué tal mamaíña? Por aquí seguimos nas trincheiras, con novidades na fronte que vouche contar en forma de diario, xa sabes que sempre fun moi ordenado (e agora máis, que aquí todo o mundo ordena).

Luns

Pillaron ó Rubio zafando de facer a garda de noite; o espelido sempre poñía no seu sitio un moneco feito con mochilas, manta, un casco enriba e cun fusil apoiado. Como castigo vai ter que varrer a trincheira todo o mes, co noxo que da acabar de limpala e que chegue o cabo con lama nos pés a manchar todo...

Martes

Debe haber escaseza de víveres porque cambiaron o cociñeiro galego que tiñamos (pouca carne, pero moita pataca e fabas a fartar) por outro catalán que nos mata de fame; cando nos anuncia pola mañá que "hoxe haberá supremas de llentias caramelizadas con magro apimentonado" sabemos que serán catro lentellas cun anaquiño ridículo de chourizo.

Mércores

Hoxe veu á fronte unha cantante para elevar a moral das tropas. Tan mal cantaba a pobre que o que elevou foi o perigo de todos nós, porque desesperou cos seus cantes aos roxos, que emplearon os seus mellores francotiradores para acabar con ela. A pobre Mariquiña de Úbeda saíu ilesa por pouco, e a peita que levaba rematou con dous furacos de bala.

Xoves

Siguen as escaseces. Onte esgotáronse as municións e non tivemos máis remedio que atacar con pedradas, pumba, pumba. Eles tampouco deben andar moi sobrados porque respostaron con lanzamento de pedras tamén; pero fíxate nai que mala idea, algunhas estaban envoltas en cagallóns (de homes e cabalos). A peste nas trincheiras é irresistible, seguro que moito peor que o gas tóxico da Guerra Mundial.

Venres

Estivemos instalando novos aramados e como se nos acabou o arame trouxeron un tractor de silveiras para colocalas diante das trincheiras; non é mala idea, así cando ataquemos aínda podemos picar unhas moras polo camiño.

Sábado

O recluta Patoso (púxolle ese alcume o sarxento porque non sabe xogar ó tute, pero en realidade é o máis intelixente do reximento) ideou un invento para facer máis levadeira a estancia nas trincheiras: poñer uns toldos para protexernos do sol durante o día; ademáis, o fenómeno pensou en todo porque os pagaría unha empresa de bebidas a cambio de poñer a súa publicidade. Tan só vetaríamos a Cinzano Roxo, que non resultaría moi ben nas filas nacionais; a ver en que queda, que ó mellor a próxima carta chégate dende a trincheira Soberano.

Domingo

Tocou santa misa e ven o cura don Pascual, un pouco perxudicado despois de catro funcións noutras tantas trincheiras abusando do sangue de Cristo. Como non había ostias, a comunión foi con viño tinto que traía o sacerdote nun barril bendecido. Todos repetimos unha e outra vez na cola da comunión (don Pascual nin conta se deu, animadiño o home co alcol) e bebimos con ansia do copón que o cura recheaba repetidamente no barril. A trincheira era unha festa rachada cando ao Rubio se lle ocorreu chamar a berros aos roxos para que se apuntasen á esmorga. ¡E vaia se viñeron! Primeiro tímidos e vixiantes, logo desenvoltos co efecto do viño. Trouxeron guitarras e media ducia de botellas de coñac, que liquidamos entre cancións parrandeiras e chistes verdes. Rematamos tan bébedos que cando chegou a noite algún dos nosos foise por error ás trincheiras do inimigo e algún deles quedou con nós a durmir.

Luns

Naiciña, hoxe na fronte hai resaca e silencio. Xa non poderei disparar nunca máis contra os outros sabendo que está entre eles Roberto. Ai, eses ollos verdes iluminando a trincheira...!"

  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

 

Comentarios