Venres. 17.05.2024
El tiempo
22:06
07/03/13

Incumpridores de promesas e corruptos

Incumpridores de promesas e corruptos

De cando en vez recorro á lectura dun texto que fai tempo publiquei nun medio de comunicación, titulado Noísmo, un vocábulo virtual sen dúbida moi recoñecido. A mente humana, máis nos nenos, adquire o costume que non escoita ou non pon atención na palabra “non”. Afaise a oíla tanto que é coma se estivésenlle insistindo en facer o contrario. O prohibido chama máis atención. Esta etapa do noísmo maniféstase fortemente cando os nenos teñen de un a seis anos.

E é precisamente neste lapso cando o neno trata de non acatar as instrucións que lle dean, non como sinal de rebelión, senón co fin de medir as súas fortalezas.

Para moitos adultos o “non”, ademais de estético, en ocasións tamén é ético, un lugar de encontro e instrumento político de protesta. Enarborámolo en ocasións por esixencias de responsabilidade social, nunha posición crítica que quere ser claramente construtiva. Por iso que somos moitos os que, independientemente da posición social ou económica, atravesados por ideas, convicións e sentimentos transparentes e acordes coa ideoloxía socio-política de cada un, proclamamos NON á inxustiza, á dor, á insolidariedade, á intolerancia, ás mentiras que danan, ás malas paixóns sen freo, a todas as mortes violentas, incluidas as das guerras, ás malas conciencias, á indignidade, á incultura, á prepotencia e ao abuso do poder e ao fame no mundo.

Pregoamos o NON aos extremismos de calquera signo, políticos ou relixiosos, aos individuos ou ideoloxías apocalípticas, aos manipuladores, á exclusión social ou étnica, á discriminación social e laboral, ao racismo de calquera clase e tipo, á traizón, aos malos soños convertidos en crueis realidades, aos corruptos, á ambición desordenada e á desmesura.

Declaramos tamén o NON á explotación do home polo home, aos resentidos, aos sectarismos, á falta de igualdade de oportunidades, ao odio cara ao diferente, á violencia gratuíta e á desesperación, ás desigualdades ante a lei, á brutalidade e á perversidade, aos violentos e xenocidas, aos que miran para outro lado ante a corrupción actual, a inxustiza e o terrorismo de cualquera clase e cor.

Clamamos igualmente o NON ás oligarquías, caciquismos e clientelismos tan persistentes hoxe en día; aos escuros sotos da política, á miseria moral, ética ou física, ao caos provocado interesadamente, aos que crean delitos artificiais para condenar aos seus contrarios ideolóxicos, aos que usan a liberdade como moeda de cambio, ao trato vexatorio cos débiles, á miseria no medio da abundancia, aos que envelenan o ambiente con insidias ou calumnias e aos sedentos de vinganza.

Proclamamos do mesmo xeito o NON á hipocrisía e aos fariseísmos, ás tiranías e ás ditaduras, aos fundamentalismos e integrismos violentos, aos egoísmos malsáns e aos farsantes, á barbarie humana e aos inmisericordes, aos horrores e aos inquisidores... E hoxe, máis que nunca, clamamos o NON aos secuestradores das democracias, aos partidos políticos que non souberon administrar un sistema que quixo ser libre e solidario e terminou en mans de incumpridores de promesas e corruptos...


Máis artigos de Luís Lamela

Outras novas relacionadas

Fonte

Comentarios