sábado. 03.05.2025
El tiempo
11:00
30/08/12

Liderado

A raíz dun recente debate ao que asistía xurdiu unha pregunta que penso que merece que lle dedique este espazo semanal. A cuestión era a seguinte: Dado que unha vez máis (e van non sei cantas) a Costa da Morte vén de ser insultada por un goberno (o da Xunta) e de novo, unha obra estratéxica primordial, a Autopista, queda á espera de tempos mellores a pesares de promesas e demáis enganos… ¿Quen ou que debería reunir tras del á Costa da Morte iniciando unha xusta reclamación, masiva, pública e directa?, ¿Quen ou que debería “acaudillar” ou mellor “liderar” ao territorio e aos seus veciños nesa protesta clara e manifesta diante do enésimo insulto á nosa dignidade? E dende aquí comezaron a xurdir nomes. E silencios. O primeiro, a denominada “Plataforma da Costa da Morte”… non, en serio. O primeiro foi ningún, porque este non conta. Chiringuitos e chupóns de medio pelo, expertos en puticlubs, “cheas” e mamandurrias (parafraseando á insigne Esperanza Aguirre) non paga a pena nin valoralas. Penso eu. Si, xa sei, o exemplo da ITV e tal. Bueno, permitídeme que ría, que o faga ata escachar e que, despois, considere que unha reunión de 4000 persoas, por orde dos seus partidos ou caciques locais non pode ser considerada “movemento masivo” e menos que nada obra do liderado de ninguén. Porque un dos problemas serios que temos aquí pasa pola confianza e nese senso o liderado nunca medra nin existe sen confianza. Sen confianza nin respeto. Hai moito tempo, por non dicir sempre, que o territorio carece de líderes porque nin se respeta a ninguén nin a si mesmo. Moitos son os que teñen traballado en crear ese clima de perpetua disidencia, de total desafección de cara a quen amosa certo grao de implicación. Os públicos e privados “conseguidores”, os concelleiros “cambiachaquetas”, capaces de dicir hoxe “non, nunca pactarei” e o día seguinte firmar o pacto non axudaron en nada a consolidar un perfil de líder solido, de amplos e claros valores no noso territorio. Se sumamos que as poucas organizacións con base no territorio levan dedicado máis a dilapidar capital público (financeiro e do outro) que a crear auténticas bases para o liderado temos o cadro completo e unha explicación sinxela a por que, por moito que o pensemos, non somos quen de atopar  alguén solvente e sinceiro que nos manifeste a súa vontade clara de encabezar por e para todos unha demanda lexítima. Se algunha vez houbo líderes, eles mesmos acabaron soterrándose por propia vontade. Ou ben encollidos polo medo a perder o seu espazo ou ben condenados por un modo de actuar caciquil e cuasi-delictivo os que poderían liderar nin poden facelo nin serian tomados en serio. E os que si poderían temen aos primeiros, máis preocupados en destruir que en deixar medrar a aqueles de entre nós que nun momento dado poderían chegar a ser auténticos líderes, portavoces dunha auténtica maioría popular. Unamos a isto décadas de tripartidismo fraticida no eido político e teremos o coctel perfecto para o desastre. Estamos sós e así seguiremos. Non hai autopista e, esta mesma semana, a explicación do por que do enésimo incumprimento dunha promesa (“A autopista estará rematada antes da fin da actual lexistlatura” Agustín Hernández, Conselleiro) por parte do partido no goberno foi que “houbo un adianto electoral. Pero en 2013 a autopista estará rematada”. Xa.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios