xoves. 01.05.2025
El tiempo
09:45
26/08/11

Mercenarios

A Mostra de Teatro de Cee é unha pura miragre. Unha miragre xurdida do amor por esta forma de arte representativo, pola propia capacidade de sacrificio dun grupo de persoas e polo modo de entender o altruismo de individuos como Artur Trillo, alma, impulsor e mantenedor do espiritu que provoca que, contra vento e marea, durante 24 anos, teña lugar en Cee, na Costa da Morte, algo tan grande coma esta semana dedicada as artes escenicas en galego.

Non é só culpa súa. El xa o sabe, e moitos dos que participan, de gratis, porque si, organizando, transportando, axudando e xestionando un evento que enche todas e cada unha das representacions que realiza (a catro por día dende hai xa bastantes edicións) simplemente merecen ser recoñecidos ainda que nin o pidan nin o desexen.

A Mostra de Teatro leva moitos anos esmorecendo entre os dedos dos que a queren pola habitual estupidez dos dirixentes. Pero neste caso, ademais, nunha curiosa unanimidade, pola inutilidade e mala idea de todos os dirixentes e a todolos niveis da administracion. Morre a Mostra pola xeral inutilidade dunhas autoridades municipais encantadas de coñecerse e que non acudiron nin un so día a ningunha das representacions (Autoridades, non técnicos. Estes si se gañan o pan a diario).

Morre a Mostra pola total ausencia de criterio e sentido común da Xunta de Galicia que, baixo o goberno do PP, ignora sistematicamente canto teña que ver coa cultura na Costa da Morte sempre que non entendamos por cultura algunha patochada desas que moven as masas e queda tan ben promocionar (festas gastronomicas, macrofestivais que disfrazan fins de semana de inxesta xeralizada de alcohol ou drogas, etc...)

E o peor é que ainda non falei do máis vergoñento. Porque, a verdade é que o teatro gusta. E gusta moito. Xa sexa pola tradición ou pola ausencia de auténticas oportunidades de desfrute de eventos culturais a este nivel de calidade e novidade na bisbarra o feito é que, sistematicamente, día tras día, queda xente fora. En cada representación. Cincuenta, cen persoas deixan de acudir pola absurdidade da obra da Casa de Cultura de Cee, ese mausoleo que leva en obras dende os anos 90 e que segue valeiro, como a cabeza dalgun dirixente máis preocupado polo aparcamento que pola necesidade perentoria de espazos adecuados onde situar eventos dun calibre o que, evidentemente, moitos non chegan.

Cada ano, a fin de cada edición, penso si será a última. Non, non se trata de pesimismos estranos ou fatalismos sen sentido. É a pura realidade de cada edición, onde en demasiadas ocasións as cousas precisas para organizar un evento deste tamaño e características proveñen da boa vontade das persoas, do altruismo ou cando non dunha caridade que algunhas empresas entenden dende o punto de vista correcto. Axudar no que se poida e como se poida, nada máis. E nada menos.

Coa dúbida expresa de si chegaremos a ver a edición numero 25 da Mostra de Teatro de Cee onte pechabamos a 24. Penso nos mercenarios, os aplaudidores de compromiso encantados de coñecerse que acodían estes días a algunha das sesións coa cara de quen pensa que esta diante dunha actividade obrigatoria desas que pon “o concello”, ignorando que si existe tal evento en Cee é soa e exclusivamente pola vontade particular e privada de un fato de persoas felices de ver cada ano como sae adiante o programa da súa querida Mostra. A Mostra.

Os mesmos mercenarios que, cando desapareza, non a votaran de menos e ademais culparan a organización pola morte, debidamente encauzados polas autoridades “competentes”. Mercenarios que nunca pagarían 3 euros por ver a Panorama en ningunha festa pero que facían cola durante máis dunha hora para mercar a súa entrada na quen sabe si derradeira Mostra de Teatro de Cee. Ogallá que o ano que vén poda ver de novo as súas caras e dende o fondo do meu corazón, de novo, se forme un leve sorriso burlón. Dedicareillo a todos os mercenarios e ignorantes que enchen os despachos das administracions públicas. E despois, me sentarei na miña butaca, abrirei ben os ollos e denovo, quedarei sorprendido, asustado, triste, preocupado, enrabietado, enternecido ou retorcido pola risa. Quedarei feliz. Quedarei no teatro.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios