venres. 09.05.2025
El tiempo
10:07
13/05/11

Neutral

Hai cousas nas que non se pode ser neutral. Todos entendemos que unha neutralidade en asuntos como a pederastia (“Eu neso dos pederastas non me meto, son neutral”), ou a violencia de xénero (“a min que lle pegue a muller non me incumbe, son neutral”) non só non cabe senón que merece unha reprobación similar a que reciben os que practican calquera das dúas aberracións.

Pero, que sucede cando a barbaridade non alcanza estes calibres?. Por exemplo, vale a neutralidade para a xenofobia ou o racismo?. Para min, xa o dixen, a neutralidade, celme inequívoco da moderación en determinados contextos son unha lacra e un mal a erradicar. Iso si, dentro dun contexto concreto, porque sí me parecen valores a conservar cando se trata de cousas como a afección por certos deportes ou a adhesión a un grupo de rock, por exemplo. Pero, volvendo ao fío, vale a neutralidade diante do dereito?

Que un non sexa un ladrón non o exime de ser un encubridor ou un cómplice, necesario ou non, do delincuente. Para roubar en Marbella miles de millóns Juan Antonio Roca precisou, presuntamente, (que lenta é a xustiza por dios) da cooperación dos alcaldes para os que “traballaba” dende a oficina de urbanismo da cidade. Sen a súa aquiescencia e cooperación non tería malversado e colleitado as cantidades descomunais de cartos que manipulou a vontade. Igualmente, noutros casos máis cercanos, fixo falta, e así o entendeu o xuíz, a cooperación de outras persoas, técnicos fundamentalmente, que obedecendo sen cuestionarse nada ou entrando no xogo dos imputados, cumpría fielmente as ordes recibidas, aínda que estas careceran de calquera viso de legalidade.

Pero, e nós?. Si, nós, os veciños, os miróns, os puros acompañantes desta “feira” que nin temos capacidade de reacción nin reaccionamos, canto de neutrais temos nós?. Eu penso que pouco ou nada, pero admito que poda existir quen crea que si, que el pode ser “de todos e de ningún”, ao modo dunha especie de Suíza unipersoal que no actual estado das cousas, con persoas coaccionando a outras, despedimentos sumarísimos a traballadoras con 11 anos de experiencia nos seus postos por non ter amosado a súa adhesión inquebrantable, violación do correo a funcionarios nada amigos de transixir co delito, faltas habituais de respeto a veciños e administrados que non demostran en publico o seu apoio ao imputado, etc,etc… hai quen crea que neste contexto vale o de ser neutral.

Esquecen esas persoas que Suíza pagou un alto prezo por ser neutral. O de ter que dar milleiros de explicacións e aínda hoxe pagar reparacións a moitas familias xudías as que privaron das súas fortunas os nazis para escondelas en bancos helvéticos. Ser garda dos cartos dos asasinos. Iso fixo Suíza para lograr a súa neutralidade, Delatar e entregar a refuxiados perseguidos polos nazis. Iso fixo Suíza. Ser peor que un can e achegarse irremisiblemente ao fascismo.

En certos casos non vale a neutralidade. Para min polo menos non. Os que consideren que si que pensen tamén que prezo deberán pagar por esa suposta neutralidade. Dicía Groucho Marx que “nunca pertencería a un club que me aceptara como socio”. Eu nunca pertencería a unha entidade que actúa como si fora a camorra napolitana… aínda que non o sexa. Pero alá cada un.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios