Os concellos e a crise
08:55 09/06/14
A vixente crise acentúa os problemas financeiros das entidades locais. Pero esta evidente realidade, que se traduce especialmente na presión sobre o gasto asistencial, menor recadación tributaria e restricións ao crédito, parece non preocupar en exceso a determinados dirixentes municipais.
Porque, observamos con rubor, na contabilidade dalgúns concellos, como os gastos innecesarios se dispararon coa velocidade e ruído dos foguetes das festas, que tamén se dispararon; ao igual que as dietas de cargos electos, gastos de representación, actos protocolarios, etcétera, que se dispararon tamén.
Comportamentos que decepcionan. Porque os dirixentes municipais son elixidos para gobernar con sensatez, o que implica adoptar medidas de austeridade en tempos duros, minimizando custes, optimizando recursos e, loxicamente, non dilapidando cartos en gastos improdutivos.
Certamente, o verdadeiro problema das finanzas do municipalismo galego non deriva da crise. Está diagnosticado fai tempo: dispoñemos de orzamentos escasos por unha cultura fiscal deficiente. É certo que a crise agrava calquera situación, claro que si. Como tamén é verdade que os nosos concellos deben superar, dunha vez por todas, a insuficiencia permanente de ingresos.
Pero, estamos acostumados a que o retraemento impositivo se compense usando o “enchufismo” das subvencións, chegando incluso a consideralo como mérito político. Sen embargo, a dependencia municipal doutras administracións xera comportamentos que atentan contra os principios de suficiencia financeira, responsabilidade tributaria e, sobre todo, condiciona a autonomía local.
Quen non escoitou ao seu alcalde ou alcaldesa dicir que non se pode arranxar esa beirarúa, porque non deron subvención. Non se poden reparar os colexios, porque non deron subvención. Non se pode corrixir a desfeita do mal tempo, porque non deron subvención. Ou, non se pode atender “ese problema”, ata que consigamos a subvención.
Sabemos que os recursos son escasos, limitados, e que deben distribuírse sempre con eficiencia, non só en tempos de crise. A estas alturas, algúns estamos cansos da frivolidade coa que se nos trata. Porque, os fondos malgástanse sen responsabilidade e outórganse subvencións en función da cor política do concello, e de quen as concede.
Mentres non esixamos rigor e seriedade na xestión pública, seguiremos sendo tratados sen respecto.
- Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
Outros artigos de Domingo Guerra
- Reposición da legalidade urbanística.
- Loito por culpa do mar.
- Remanente de tesourería.
- Eficacia recadatoria.
- Oportunidade perdida.
- Gasto de persoal.
- Rendición da conta xeral.
- A Conta Xeral.
- A contribución.
- Cuestión de confianza e moción de censura.
- Débeda municipal.
- A prórroga do orzamento municipal.
- Presión fiscal dos nosos concellos.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).