Venres. 19.04.2024
El tiempo
08:27
03/01/11

Pazo de Antonio Leira e Castro

Pazo de Antonio Leira e Castro
Polo minucioso traballo de investigación de A.G. Velasco (La Voz de Galicia - redacción de Ribeira, 29 e 30 de marzo de 1995) (*) e (**), despréndese que tivo acceso a unha ampla documentación sobre a figura do hidalgo Antonio de Leira e Castro. Pero non deixa de chamar a atención, neste traballo tan concienzudo, que non mencione unha das máis destacadas actividades desta importante personaxe.

Patente de Corso

E é que no ano 1800 o rei Carlos IV concedeulle a Antonio de Leira e Castro patente de corso. Para desenvolver esta actividade armou os buques "A Vinganza" e "Barquintín". Xunto a el coincidiron na mesma profesión: Anxo Escaja Bo e Pedro Lastres de Corcubión, e Meréns, José Sánchez e Pedro Díaz Porrúa de Cee, este grupo de curtidos corsarios, coa súa aguerrida actividade, converteron o porto de Corcubión nun dos máis importantes do Atlántico na poxa de barcos apresados a flotas inimigas (sobre todo británicos e portugueses) así como na venda de mercancías de todo tipo. De entre todos eles, Antonio de Leira e Castro destacou excesivamente pola súa coraxe e valor naquela esquecida guerra do corso. Outra das actividades polo que destacou Antonio de Leira, foi a súa participación activa durante a invasión francesa ao formar parte da primeira e segunda Xunta de Defensa de Corcubión. Ata o punto que na súa condición de ex vicecónsul de Inglaterra en Corcubión, un fillo seu, de mesmo nome, foi comisionado para que buscase algún daqueles buques da armada británica que navegaban polas nosas costas prestos a brindar axuda e armamento aos levantados. Documentos da Guerra da Independencia revelan que Antonio de Leira e Castro (o pequeno), logo de longas xornadas de mar, conseguiu avistar á altura do cabo Fisterra a dúas fragatas inglesas, a "Endymion" e a "Loire". Cando logrou darlles alcance, nada máis subir a bordo, pediu entrevistarse co capitán da "Endymion". Logo de presentarlle as credenciais da Xunta de Defensa e porlle ao tanto da situación de inminente perigo que corría Corcubión, solicitoulle axuda. Non é raro que se sorprendese moitísimo cando os británicos comentáronlle que descoñecían a existencia de Corcubión, argumentando que nas súas cartas marítimas non figuraba. Seguro que neste punto da conversación, para convencer ao capitán, acreditou a condición de exvicecónsul do seu pai e púxolle ao día do importante comercio sostido entre a súa nación o porto de Corcubión.

Pazo de Leira

Como moi ben explica A.G. Velasco, o cargo de factor soamente confiábase a persoas distinguidas ou hidalgas, con patrimonio considerable e "casa propia". Antonio de Leira e Castro ademais de estar avecindado en Corcubión, cumpría amplamente os dous primeiros requisitos, era hidalgo, vicecónsul de Inglaterra en Corcubión, ademais rexedor perpetuo e un importante home de negocios. A condición de posuír casa propia resolveuna comprándolle a don Vicente de Osorio e de Moscoso, marqués de Astorga e conde de Altamira, un solar nos arredores do pobo, no que construíu o seu pazo no ano 1771 segundo rezaba o gravado que campaba na pedra dintel da porta principal (lamentablemente recentes obras de restauración borraron esta data baixo a presión da auga proxectada a pistola). A planta deste pazo, moi modificada, ten forma de L, dúas alturas e patio amurallado. A fachada principal (poñente) ten varios accesos, tres a nivel da rúa, e o principal ou rexio no primeiro piso ao que se chega a través dunha ampla escalinata. Parte da fachada de pedra está encintada en cor branca, que desvirtúa e rompe a unidade do pazo. Preside a fachada un barroco escudo de armas de cuarteis moi borrosos (segundo versións veciñais, nos anos corenta do pasado século, nun impulso de limpeza o seu anterior propietaria levoulle a aplicar con contundencia cepillo, xabón e lejía, provocando a perdida dos elementos heráldicos (versión crible ás vista do que pasou coa data no dintel que antes comentaba). Este escudo tiña no seu cuartel superior esquerdo o distintivo dos Leira, en campo de azur unha faja de ouro acompañada de tres losanges (rombos) do mesmo metal, dous arriba e un abaixo, e no cuartel superior dereito os róelles en sabre dos Castro sobre campo de ouro. Sería moito especular a composición do resto dos cuarteis. O edificio posúe unha corpulenta cheminea que ao superponerle un moderno tellado eliminou as seis anforitas de barro que como remate ornamentábaa. Pero o máis lamentable foi a modificación nos anos setenta da súa fachada de levante, que ao engadírselle un corpo de formigón, perdeu o magnifico balcón losado de considerables dimensións, que apoiado sobre grandes ménsulas, estaba enriquecido de torneados balaustres e pináculos. O pazo foi saqueado e posteriormente incendiado na invasión francesa de 1809, a cabeza de Antonio de Leira foi posta en prezo polos invasores, do mesmo xeito que a dos demais membros da Xunta de Defensa. Antonio de Leira, xunto coa súa familia, despois do segundo ataque francés do día 21 de abril de 1809, fuxiu a bordo da fragata Endymion facía Vigo. Totalmente arruinado, sen casa nin facenda, Antonio de Leira soamente volveu a Corcubión para vender as ruínas do seu pazo, que a partir de entón sería dividido en dúas vivendas independentes. O barroco pazo de don Antonio de Leira e Castro, foi rebautizarlo recentemente co nome de "Pazo dos condes de Traba", nada menos... (*) Antonio de Leira e Castro chegaría a ser factor dos portos de Costa da Morte. Un vicecónsul de Inglaterra galego.
  • Alejandro Lamas Costa (janolamas[arroba]quepasanacosta.gal).
  • Máis información

    • La Voz de Galicia (Ribeira): A.G. de Velasco 29/mar/1995.

    Novas relacionadas

    Outros artigos de Jano Lamas

    Capítulos do libro "Corcubión y su Jurisdicción en la Guerra de la Independecia"

    Comentarios