venres. 02.05.2025
El tiempo
22:13
21/03/13

Quita

Isto da linguaxe é unha ferramenta ben interesante. En base a multiplicidade, a capacidade de mudar das palabras dependendo do seu senso, do contexto ou da forma na que se usan soe producir curiosos resultados. Pensemos por exemplo en “quita”. Este termo se ven usando en economía para cualificar algo moito mais mundano e menos prosaico. Cando, por exemplo, o FROB fala de quita nas preferentes esta definido o que basicamente todos coñecemos por “roubo”. Para eles, os que deben vestir dalgún xeito o que non é mais que unha estafa a palabra “quita” serve neste caso e neutros coma termino que explica que o que era teu xa non é teu e que o que o banco firmou contigo (onde dicía que ias recibir tal ou cal beneficio a medio ou longo prazo) é papel mollado e non ten ningún valor.

Outro conto é utilizar “quita” para referise a que lle quixeron meter esta semana aos veciños de Chipre. Alí, o asunto era que, dos cartos dos aforradores, se fixera unha “quita” de un tanto por cento non pequeno para pagar os pufos adquiridos pola clase política e financeira local. Pufos que aqueles admitiron en base a criterios, insisto nisto, nunca expostos a cidadanía claramente e nunca votados directamente por esta. Unha cidadanía que, nembargantes, debe sufrir e pasar carros e carretas con tal de devolver (A quen?) eses cartos. Igualiño que aquí, cunha diferenza. Os chipriotas saben elixir parlamento e non outorgan maiorías absolutas.

Isto das quitas deberiamos institucionalizalo. Por exemplo, aplicar unha quita de políticos profesionais. Podemos sacar un 5% ao numero de deputados autonómicos e reducilos dos 1218 actuais (mais de 6 millóns de euros en soldos) a 1157, que chegan e sobran e nos serven para aforrar 305.000 euros e sacar da miseria a 30 dos tres millóns de persoas que, segundo Caritas, viven xa na absoluta pobreza neste pais de Olimpíadas e chourizos. Podemos aplicar a mesma quita as deputacións, do 100%, aforrando os soldos dos 1040 deputados que teñen as provincias españolas. Eses, aproximadamente, tres millóns e medio de euros darían para que outras 365 persoas pasasen de vivir baixo unha ponte a unha dignidade mínima, sen necesidade de que ninguén, ademais, pagase euro algún de mais polo comedor dos seus fillos (de mais porque os comedores ata hoxe os pagamos todos cos nosos impostos, ou daban de comer gratis conselleiro?)

Si, demagoxia. Si, mestura sen sentido. Pero o mesmo principio que asiste a un político calquera a calificar de quita o que é un delito e punto me asiste a min para considerar ladrón a todo aquel que, traballando para o estado, non produce nada. Evidentemente, nesta definición non entran nin mestres, nin médicos, nin barrendeiros, nin condutores, nin enfermeiros/as, nin auxiliares técnicos coa súa praza conseguida por oposición nin calesquera funcionario do estado ou autonómico que viu a súa nómina rebaixada para que os políticos profesionais da caste que sexa non sufriran unha “quita”. Eles, que nada producen, tiveron a lo menos a dignidade de votar non ao enésimo atraco da troika comunitaria. Tal vez se deba a que en Chipre son catro gatos e as súas señorías pensaron “ollo, que despois teño que ir o bar e coincidir con algún deste aforradores. A ver se me van canear”. Pois iso. Quen ten cu ten medo.

Así veñen as cousas por este mundo. Camiño do desastre seguimos sen que pase nada mais que o pasa. Das miserias mais cercanas (políticos que cren que un delito prescribe cando lle apetece a eles, outros que non saben poñer mocións de censura pero ameazan con ir os tribunais a mínima que o alcalde olvida a luz do despacho acesa, de minas, de tubos, de travesías polo deserto e de canto fandango se dedica a xente a falar na vez de acudir ao importante e urxente, a saber, que nos deixen de roubar) xa se encargan outros, con bastante mais tino e capacidade que un servidor. Permitídeme que eu sexa, namentres, o grande angular que tantas veces esquecemos na casa e que nos impide ver que todo isto vai acabar moi mal e non en demasiado tempo.

O dia en que alguén propoña unha “quita” pero de outro tipo que prefiro deixar a libre imaxinación de cada un. Si, unha desas.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios