Domingo. 13.10.2024
El tiempo
09:56
08/02/13

Quita

Voume referir por segunda semana consecutiva (non, non levo comisión, que pensades que son... do PP?) ao xornal El País, pero esta vez pola entrevista realizada o pasado mércores ao ensaísta, filosofo e escritor canadiense John Ralston Saul.

Traslado esta frase “Unha boa política tería sido, por exemplo, que o Goberno anunciase que pagaría tódalas hipotecas ata unha cantidade determinada, poñamos 300.000 euros. Dáslle os cartos a xente que está na sua casa e que ten unha hipoteca, e de paso salvas os bancos: é o cidadán ó que dá os cartos os bancos ó cancelar a súa hipoteca.”

De entrada o argumento me encanta e, na liña habitual do que me quita o sono (agora, un pequeno individuo recén nacido hai semanas) dediquei parte desas noites en vela a investigar. E o que vexo non me gusta. Por partes.

En primeiro lugar, a débeda das familias en materia hipotecaria pode asustar aos máis sobresaltables. A débeda hipotecaria (cartos que os españois, as empresas, outras entidades, etc.. deben os bancos) roldaba os 650.000 millóns de euros a 4 de xaneiro. Casi ná.

Por buscar unha analoxía coa solución ofrecida por Ralston, o estado español leva inxectado máis de 110.000 millóns na banca (e moito máis que falta, abofé). E aínda que para un servidor, ter regalado os bancos 50 euros me parece infame, a realidade é que non dan as contas. Seis veces máis faría falla para facer borrón e conta nova do desastre financeiro no que o estado, a banca e os mass media sumiron a maioría das familias españolas.

Porque que quede claro; foron eles. Esta semana, Ada Colau, voceira da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, cualificaba (dicíallo a cara, vamos) de “criminal” ao representante da asociación de entidades hipotecarias (os bancos) no marco das comparecencias do debate da ILP (iniciativa lexislativa popular) que están celebrándose no congreso.

Como queira que este é un país de medianías, onde os “moderados” teñen consumido de tal xeito a virtude de dicir a verdade e ser realistas que calquera cousa nos parece “durísima” e “moi forte”, o escoitar a esta señora dicir que alguén que defendía que o sistema hipotecario está ben cando hai xente suicidándose polos desahucios é un criminal “e que non lle tirei un zapato porque cría importante poder dicir o que estou dicindo” a alguén lle pareceu moi forte e durísimo. E, pos mira... non.

Sabedes o que é forte?. Cobrar en negro cando se supón que es o valedor da virtude e do respecto a lei. Forte é que cada día, neste país, se realicen máis de 500 desahucios. Ó día.

Forte é que, segundo o Tribunal de Contas, as condonacións realizadas a partidos políticos pola banca entre 1993 e 2002 supuxeron 25,4 millóns de euros. Así o indica no seu informe de 2002 (publicado no 2005. Lentos son de carallo).

O 51% desa cantidade, 9,78 millóns de euros, corresponde a condonacións ao PSOE, a maioría delas de créditos impagados do BBVA. No 1998 o Central Hispano perdoou os socialistas 5,7 millóns de euros. Practicas similares figuran constatadas tamén para PP, CIU e IU.

A eles perdóanlles as débedas, que segundo o mesmo informe soben ata os 60 millóns de euros no caso do PP (xa sabemos a que dedicaban as doazóns en negro, normal que deban) 17 no do PNV, 16 no de CiU, 15 no de IU... e outros 60 no dos socialistas.

Así as cousas, outra das frases que Ralston deixaba nesa entrevista da que vos falaba o inicio de este espazo semanal ven que nin pintada. “O diñeiro é unha convención. Unha árbore é real, os cartos son unha convención. Os necios, cando chega a crise, están convencidos de que o diñeiro é real. Enrique IV foi considerado como “O Rei Bo” porque Francia estaba afundida pola débeda e a fixo desaparecer; a partires dese momento viviron 250 anos de prosperidade (...) o imperio norteamericano está enteiramente construído sobre unha quita, quitaron a débeda de diante cinco veces entre a guerra civil e o 1929”.

Mentres, no reinos de Taifas, cada quen segue a sua e o BBVA, o Santander e Bárcenas... a de todos. Sigamos leirando.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios