Martes. 10.09.2024
El tiempo
11:57
11/03/14

Remanente de tesourería

Remanente de tesourería

O presuposto constitúe o epicentro da xestión económico-financeira municipal. Como desenlace da súa execución obtense o remanente de tesourería, un estado contable básico que, tal vez, debería ser máis coñecido por todos, ao permitir avaliar a solvencia financeira municipal.

Este indicador, en principio, pode semellar complexo. Difícil de entender. Pero, nada máis lonxe da realidade. Ocorre un pouco o mesmo que coas persoas tímidas, resultan accesibles e interesantes cando as coñeces e tratas. Pois ben, con este saldo sucede algo similar. Ata que o coñezamos un pouco non aprenderemos a valorar a súa utilidade.

O cálculo desta magnitude dedúcese facilmente. Relaciona, a fin do exercicio, os fondos líquidos (cartos en contas bancarias) máis os ingresos pendentes de cobro, restándolle a esta agregación o importe das facturas pendentes de pago. Así de simple. Sen máis.

Ora ben, como o proceso orzamentario pode introducir distorsións (exceso de financiamento afectado) e, así mesmo, a lexislación contable municipal obriga a dotar provisións, o remanente de tesourería total debe corrixirse con depuracións técnicas, para obter, unha vez realizados os correspondentes axustes, o dato substancial. O relevante. Referímonos ao remanente de tesourería para gastos xerais.

Na táboa, detállase o remanente total, o importe dos axustes e o remanente de tesourería para gastos xerais aprobado polos nosos concellos.

Taboa dos Remanentes de Tesoureria Costa da Morte-Fonte-Domingo Guerra

Observamos como nos concellos de Ponteceso, Carnota, Muros, Corcubión e Cee, o remanente final ofrece resultados negativos, exhibindo unha situación financeira grave.

Este déficit esixe solucións específicas. Por iso, ante o preocupante escenario que revela insuficiencia para facer fronte ao pago das débedas municipais, a lexislación obriga reducir gastos do orzamento pola contía do déficit recoñecido. Si non fose posible, tería que financiarse a través dunha operación de crédito. Por último, cando non poidan adoptarse ningunha desas dúas medidas, a lei determina que o presuposto do exercicio seguinte conteña superávit igual ou superior ao remanente negativo aprobado.

A xestión económica dos nosos alcaldes determinou que se liquidaran os orzamentos de 2012 con éxito desigual. Cinco deles debendo adoptar algunha das medidas correctoras anteriormente descritas. Agora, que estamos en marzo, queda pouco para coñecer a evolución desta variable. Porque, as entidades municipais deben facer pública a liquidación do orzamento de 2013, antes de finalizar este mes.

Confiemos na mellora financeira dos que suspenderon, para evitar os conseguintes sacrificios orzamentarios. E, esperemos, que os demais non decepcionen e continúen proporcionando cifras positivas finais na contabilidade municipal.

En calquera caso, cando dispoñamos da totalidade dos novos resultados, volveremos a informar sobre a situación financeira das nosas entidades locais. Porque, agora que xa nos presentaron ao remanente de tesourería, e que verificamos a súa utilidade, pode resultarnos interesante –como sucede coas persoas tímidas–, coñecer que tal lle vai.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios