venres. 02.05.2025
El tiempo
10:16
21/03/13

Sen cainismos

Malia a miña dedicación á investigación histórica e á literatura, non son capaz de escapar da vida real. Todas as semanas véxome na necesidade de poñer o mundo a cámara lenta para ter tempo de pensar e interpretar a actualidade. Hoxe reflexionaremos sobre a errada presentación da moción de censura en Vimianzo que deu moito xogo mediático e que me animou a pensar que o mundo da política é un dos mellores estudios para presentar un bo drama ou unha boa comedia, mostrándose como un esperpento de máscaras dos intereses quizais trileiros.

Os grupos que se sumaron á moción de censura deron a impresión de que carecían dun compoñente ideolóxico ou idealista, revelando unha dubidosa conduta política, alimentando así dúbidas e sospeitas sobre o obxectivo da mesma. Cada un ía ao seu contrariando aos seus respectivos partidos e parecía que non tiñan outro fin e denominador común que o goce do poder, ratificando que o motor da acción humana é sempre o interese propio: o fin xustificou os medios, un lema triunfante desde o levantamento militar de Francisco Franco.

Por iso que, para os que peiteamos canas e perdemos a fe en case todo, témome que o que saíu á luz nos medios de comunicación social sobre dita moción son elementos complementarios dun problema máis profundo. Sempre hai algo trascendental que permanece oculto: unha cousa é a realidade e outra a apariencia. E a verdade é a máis perxudicada. A perda de ilusión e confianza que temos nos nosos gobernantes vén moitas veces das aparencias. Existe xente en aparencia irreprochable pero en realidade podrecida. E ao revés. E tamén parece un signo dos tempos que a realidade sexa miserable.

Gañar algunhas batallas dunha guerra supón unha efémera gloria e máis efémera paz, porque a guerra en política nunca acaba, só cambia, deixando sempre feridas profundas que ás veces o tempo nin cura. Polas manifestacións dalgúns dos líderes opositores, seguen os agravios e as bandeiras levantadas para volver atacar, loitar e vencer, non consentindo a relegación. Non pretendo rizar o rizo, pero a Manuel Antelo quédalle unha tarefa farto difícil: camiñar pola corda frouxa. Romper todos os espellos e pontes e deixar cadáveres no camiño non foi quizais a mellor solución. Por iso, vai ser difícil a paz con algún dos grupos opositores.

Para evitar o aburrimento, o fastío e cansazo dos veciños, a pesar do abismo que lle separa da oposición non lle queda máis remedio que desenvolver estratexias de man tendida en lugar de defensiva, sumar vontades e pactar unha tregua custe o que custe, asinar un protocolo de respecto mutuo e pechar capítulos e gretas para non tentar tanto a sorte, illando ao mesmo tempo ao núcleo opositor máis radical.

Chegou a hora de calar para non danar, de recobrar a serenidade e abandonar o diálogo de xordos. Sen cainismos.

  • Luís Lamela (luislamela@quepasanacosta.gal).

Máis artigos de Luís Lamela

Outras novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios