mércores. 30.04.2025
El tiempo
12:30
24/08/11

Tesouros da Fundación: Abeto grego

Tesouros da Fundación: Abeto grego
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do ricopatrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886. Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Abeto grego

Tesouros da Fundación – Abeto grego (Abies cephalonica - Loudon, 1838).
  • Orixe xeográfica: Grecia.
  • Cronoloxía aproximada: 1886.
  • Ubicación: Xardín botánico que arrodea ao IES Fernando Blanco.
Abeto grego (Abies cephalonica) O abeto grego, de escasa presenza nos parques e xardíns de Galicia, é unha árbore de porte espectacular, con cinco pólas grosas, baixas e despregadas, de chamativa cortiza, dispostas arredor do tronco, adoptando forma de candelabro. É a árbore emblemática do xardín da Fundación, a de maior singularidade do espazo axardinado. O abeto grego é unha árbore da familia das pináceas, nativo das rexións de Grecia, fundamentalmente do Peloponeso e da illa de Cefalonia. É unha árbore que prospera xeralmente en altitudes de 900 a 1700 metros, en montañas con precipitacións superiores ós 1000 mm. A súa madeira era moi empregada no pasado para a construcción en xeral, pero actualmente apenas se usa debido a súa escaseza. Prántase como árbore ornamental en grandes parques e xardíns, evitándose as zonas de xeadas tardías, posto que poden danalo gravemente, xa que é unha das primeias coníferas en renovar as follas en primavera. O xardín botánico da Fundación Na actualidade, rebasado claramente o século da súa creación, con mínima documentación dispoñible para poder certificar a autoría do proxecto xardinístico (presumiblemente foi obra do arquitecto José María Aguilar y Vela, o mesmo arquitecto encargado dos dous edificios da Fundación), é de supoñer, como punto de partida, que o xardín se trazase ó rematar a edificación do Colexio-Instituto (1886), e que, polo tanto, este sexa o momento de incorporación do catálogo florístico compoñente da plantación orixinal, do que perviven algúns exemplares. O certo é que estamos perante un espazo de pequenas dimensións e sinxela traza, de estilo ecléctico, que combina, nos seus diferentes compartimentos, a xeometría co paisaxismo, tendo a súa faceta máis reseñable na flora que alberga, caracterizada pola súa diversidade e monumentalidade. Con fins descritivos, o xardín pode ser estructurado en dous compartimentos: xardín antigo e pradeira arborada. O xardín antigo desenvólvese en torno ó edificio escolar, mentras que a pradeira arborada e de máis recente creación. Como remate, ademáis da personalidade que emana do inventario florístico, convén ter presentes os atributos que aporta o mundo da pedra, que contribúen á valoración da entidade do xardín (o edificio; a reixa e a muralla; a casa do bedel; a fonte, etc).
  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Outros artigos de Darío Areas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios