Tesouros da Fundación Fernando Blanco de Lema
Comezamos, de novo, con esta sigradura colleitando os Tesouros que alberga o Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema, en Cee. Baixo este título, e da man do coordinador do museo e Secretario da Fundación, Darío Areas, trataremos de amosar parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio-Instituto no 1886.
Cada mércores publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección.
Tratarase dunha selección de pezas de moi distintos estilos (artísticas, didácticas, científicas, etc), selección coa que se pretende dar a coñecer un “pouquiño máis” o legado do vello Instituto da vila da Xunqueira.
Aínda que o lóxico sería que as pezas fosen aparecendo ordeados por seccións, é dicir, os cadros en primeiro lugar, as pezas de ouriveiría logo, etc., o que faremos é ir intercalando pezas de distintas seccións para evitar así a monotonía e a previsibilidade.
As pezas que irán desfilando por Que pasa na costa, aínda que moi variadas e distintas, terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Bibliografía de Darío Areas Domínguez

Naceu a carón da pequena ría de Lires - Cee o un de outubro do lonxano 1971.
A súa infancia discurriu tranquila, como a de calquera outro rapaz, na pequena aldea, a carón do Atlántico, e dela garda, con nostalxia, lembranzas das primeiras patadas á pelota, dos primeiros baños na praia, do xogo dos agochos, das trasnadas propias da nenez, e tamén, como non, das partidas de truco, de tute e das conversas “filosóficas” da taberna da súa nai, porque nela naceu.
Curiosamente foi alumno de párvulos no edificio da antiga Escola de Nenas da Fundación Fernando Blanco, (hoxe sede do Museo no que traballa), a onde diariamente o levaba o seu pai, que naquel tempo exercía de taxista en Cee; do Colexio Eugenio López e do Instituto de Bacharelato Mixto.
“Emigrou” a Santiago, e alí, a pesares da movida nocturna dos xoves, cursou a carreira de Xeografía e Historia en Santiago, rematándoa no 1995 con dúas especialidades: Museoloxía e de Historia da Arte Antiga e Medieval.
Traballou no Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense), no Museo de Belas Artes da Coruña e no Museo Militar da cidade herculina.
Dende o ano 2001 é coordinador do Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee, sendo tamén Secretario do Padroado da Fundación, o que él considera un verdadeiro privilexio posto que como di: “traballo no que me gusta, e por enriba no lugar onde nacín”.
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Outros artigos de Darío Areas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).