Tesouros da Fundación: Óleo de Fernando Blanco de Lema
09:27 23/07/11
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despóis da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Federico de Madrazo y Küntz (Roma, 1815 - Madrid, 1894) era fillo de José Madrazo y Agudo, un dos grandes pintores do
neoclasicismos español, e de Cecilia Küntz, filla do pintor Tadeo Küntz. Neste ambiente privilexiado medrou Ferderico, o que propiciou que dende mozo desenvolvese as súas dotes para a pintura. O mesmo aconteceu cos seus irmáns Pedro, Juan e Luís, adicados á crítica da arte, á arquitectura e á pintura respectivamente.
Foi discípulo do seu pai, empezando a pintar co gusto da escola neoclásica, pero as constantes viaxes por Europa, fixéronlle sentir a influencia do romanticismo alemán e francés.
Traballou no taller de Ingres e tivo contacto con Overbeck e o grupo dos nazarenos, reforzando así a súa destreza innata para o debuxo.
Nunha época que valoraba fundamentalmente os cadros de historia ou a pintura relixiosa, Federico de Madrazo decidiu especializarse no retrato, revolucionando coas súas dotes un xénero daquela considerado menor e inevitable para os artistas que non tiveran outra forma de asegurar os recursos económicos imprescindibles.
O principio da súa carreira cultivou o cadro de historia e algúns de temática relixiosa. A partir de 1842 adícase case por exclusiva ó retrato,sendo autor de máis de 600 obras deste xénero.
A súa pintura está definida por medio dunha pincelada preta e moi brilante. Os seus retratos distínguense pola corrección e a elegancia do debuxo e pola distinción do colorido, sendo éstes un reflexo fiel de toda a xeración contemporánea do artista.
Madrazo pinta retratos para a aristocracia, gozando por elo dunha situación social elevada, o que o introduce en ambientes privilexiados. Federico de Madrazo contaba cun prestixio excepcional posto que foi
primeiro pintor de cámara da raíña Isabel II, director da Academia de San Fernando e director do Museo do Prado.
De toda a súa obra destacan os retratos que fixo da raíña Isabel II, o do rei Francisco de Asís Borbón, o do duque de Osuna, o de Leocadia Zamora, o da condesa de Vilches, o do presidente da primeira república española Nicolás Salmerón, ou os de Ramón de Campoamor ou José de Espronceda
Óleo de Fernando Blanco de Lema

- Tesouros da Fundación – Óleo de Fernando Blanco de Lema
- Autor: Federico de Madrazo y Küntz (1815 - 1894).
- Cronoloxía: 1884.
- Clasificación: Obxectos artísticos / Sección: Pintura.

- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.
Outros artigos de Darío Areas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).