mércores. 30.04.2025
El tiempo
09:27
23/07/11

Tesouros da Fundación: Telégrafo de Morse

Tesouros da Fundación: Telégrafo de Morse
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despóis da inauguración do Colexio- Instituto no 1886. Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Telégrafo de Morse

Tesouros da Fundación – Telégrafo de Morse
  • Inventor: Samuel Morse (1791 – 1872).
  • Fabricante: Maison & Breguet (París).
  • Cronoloxía: 1890 – 1891.
  • Clasificación: Obxectos educativos /Instrumentos científicos / Sección: Electroloxía.
Descrición e funcionamento Telégrafo que consta de manipulador e receptor. O manipulador consiste nunha panca metálica que pode oscilar sobre un eixe. Presenta tres bornes en forma de pivote externo, co contacto e o resorte no mesmo lado. Pulsando o extremo da panca prodúcese o contacto eléctrico. O receptor está formado por un electroimán que atrae unha pequena placa metálica que, no seu movemento, arrastra unha panca móbil sobre un eixo. Esta panca remata nun pequeño punzón que deixa un risco, curto (punto) ou longo (raia), sobre unha banda de papel envolta nun tambor que recibe un movemento regular dun aparello de reloxería. Os telégrafos constan de catro partes fundamentais: pila, aramio de liña, manipulador e receptor. O manipulador e o receptor están enlazados polo aramio, o cal conduce a corrente dunha pila dende o primeiro ata o segundo. Cando o manipulador non funciona o aramio de liña está en contacto co receptor. Cando se pulsa o manipulador a corrente da pila pasa ó arame da liña. A grande innovación deste aparello consiste na capacidade de rexistro das comunicacións recibidas sobre unha tira de papel, collida como nun laminador entre dous cilindros que se moven por un mecanismo de reloxería. O telégrafo de Morse requería unha linguaxe especial baseada en contactos longos e curtos do manipulador (código Morse). Combinando varias raias e puntos téñense, segundo convenio, signos equivalentes ás letras do alfabeto. O inventor Naceu en Massachussets en 1791. Fillo dun pastor calvinista, Samuel Morse, durante os seus estudos na Academia Phillips e na Universidade de Yale, nunca demostrou demasiado interese polas clases, agás pola pintura e a electricidade. Despóis de graduarse en Yale, viaxou a Londres a estudiar belas artes, converténdose alí en retratista e escultor de éxito. Ao seu regreso a EEUU converteuse nun dos pintores máis importantes e respetados do país. Pero pouco a pouco Morse foille prestando máis atención á química e á electricidade, e así, nunha viaxe de barco, e despóis de oir unha conversa acerca do invento do electroimán, concebiu a idea de crear un telégrafo eléctrico que servise para enviar mensaxes a longas distancias a través dun cable. En 1835 xa tiña o primeiro prototipo de telégrafo, e en 1838 xa creara o código que permitía cursar as mensaxes. No 1843, o Congreso de EEUU asignoulle 30.000 dólares para construir unha liña telegráfica de 60 km. Que uniría as cidades de Baltimore e Washintong. En maio de 1844, a primeira liña telegráfica electromagnética estaba xa lista para a proba. O 24 de agosto dese mesmo ano, Morse enviou dende o Capitolio a primeira mensaxe telegráfica do mundo, converténdose así nun heroe nacional. Unha vez demostrada na práctica a posibilidade de enviar mensaxes, comezou de inmediato o rápido enlace entre as diferentes cidades de EEUU. Unha parte da fortuna que lle proporcionou o telégrafo adicouna a subvencionar obras benéficas. Samuel Morse morreu de pulmonía en 1872, pero o seu sistema de transmisión de mensaxes telegráficas por cables de forma inmediata e a longas distancias, así como o código que él mesmo ideou, é o máis sinxelo e práctico que a humanidade empregou durante moitos anos. A pesar da aparición moito despóis do telex e do fax e, por último, do correo electrónico, aínda hoxe séguese empregando, aínda que a moita menor escala que antes, o código de telegrafía inventado por Morse.
  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios