The new ‘Spanish Army’
Hai uns días aparecía publicada na prensa inglesa unha reportaxe baixo o título ‘The new Spanish Army’ (“A nova Armada Española”), facendo referencia á chegada masiva de españois a terras inglesas durante os últimos meses, un tema de conversa que comeza a ser unha constante por estes lares.
O certo é que, nunha cidade como Londres, resulta case tan doado escoitar español como inglés. Na rúa, nun museo, nunha cafetería ou no supermercado: a cidade londinense (caracterizada de por si pola súa multiculturalidade) está ateigada de españois procedentes de todos os puntos da xeografía española, especialmente galegos (xa o di a canción: “hai un galego na Lúa”, e probablemente sexa certo...) e andaluces. A pesar de que moitos son turistas que se atopan na cidade de paso, a maioría de nós somos mozos e mozas de entre 22 e 35 anos –aproximadamente- que viñemos aquí para traballar e labrarnos un futuro.
Asemade, case a totalidade de nós estamos traballando en cafeterías, restaurantes de comida rápida e hoteis. Dito doutro modo, empregos precarios e mal remunerados -a tónica predominante a día de hoxe é percibir o salario mínimo (pouco máis de 800 libras ao mes), nunha cidade na que o nivel de vida está moi por enriba de dita cantidade, como xa apuntei en anteriores artigos-. Non quero dicir con isto que atopar aquí traballo como xornalista, docente, avogado ou enxeñeiro sexa imposible, pero é, dende longo, unha carreira de fondo que require un esforzo adicional.
Malia todo, que ninguén se confunda ou malinterprete as miñas palabras. A miña gratitude cara este país é inmensa, xa que aquí posúo todo o que en España me faltaba: un emprego, un salario, unha vida independente e a oportunidade de loitar por progresar laboralmente.
Quixera rematar o artigo de hoxe cunha adicatoria especial á nosa clase política. Cada vez que escoito a algún deles dicir que a taxa de desemprego está baixando e que a situación socioeconómica comeza a repuntar, non sei se rir, chorar ou ambas cousas ao mesmo tempo. Por suposto que a taxa de desemprego está disminuíndo!! A maioría de nós estamos a buscarnos a vida no estranxeiro, e outros moitos, que aínda (sobre)viven en España, xa fai tempo que baixaron os brazos e deixaron de buscar un emprego a través das “canles oficiais”. Como escribiu recentemente o xornalista vasco Iñaki Gabilondo:
- “Los jóvenes españoles ya no se indignan porque no están. Se han ido”
Dende aquí, e incluso sendo consciente de que as miñas palabras van caer nun saco roto, gustaríame convidar ao noso presidente e aos seus ministros, e ao presidente da Xunta e aos seus conselleiros, a compartir un par de semanas cos emigrantes galegos. Pero non para aloxarse en hoteis de 5 estrelas, viaxar en coche oficial e disfrutar dos praceres da cociña, senón para aloxarse nunha habitación de 5 – 10 metros cadrados, traballar de sol a sombra nun hotel ou nun restaurante e desprazarse en metro. Seguirían opinando que a situación está mellorando notoriamente para os españois? Probablemente non…
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).