Unha aUtopía para a Costa da Morte. Reflexións en torno a unha autovía pantasma
A marcha en favor da proxectada autovía da Costa da Morte reuniu o pasado domingo, 24 de agosto, a dezaoito persoas. Alomenos, once delas forman parte do goberno actual na comarca.
Inician a marcha reivindicativa en Berdoias, por zonas de bosque dunha importancia natural que tal vez o estudo de impacto ambiental non considerou relevante. Camiñan por un trazado que ocupa terras agrícolas, cun mantemento en cultivo que constitúe un importante activo ecolóxico. O xerme de autovía que pisan xa ven tendo consecuencias negativas para os vales debido tanto ao desmonte, como ao desvío e canalización de ríos e regatos.
Tan contentos na súa marcha, estas dezaoito persoas miran a dereita e esquerda da ferida mortal, xa feita sobre o manto vexetal, comprobando como a cortada podería separar poboacións de especies e privar das bondades do intercambio ós veciños da mesma parroquia. Pisan un territorio fraccionado en dous baixo a ameaza de que a poboación desapareza se queda illada e se cada parte non é capaz de recuperar o seu equilibrio de poboación.
Os nosos políticos continúan a andaina pensando nas súas promesas electorais, seu compromiso coa xente de Fisterra, convencidos de que o seu acto reivindicativo non ten nada que ver coas alteracións ao hábitat, motivo da perda de biodiversidade da terra baixo os seus pés. Ante os seus ollos, os bosques intervidos pola maquinaria e a deforestación, albergan menor número de especies de plantas e animais que en agosto de 2011, cando as escavadoras comezaron o seu labor.
O río Grande queixase ó paso da comitiva. O seu val, conformado polos montes de Calo, comparte paisaxe cos Penedos de Pasarela e agora tamén cunha zanxa arrincada da terra repoboada polo tempo de fértiles silvas e vizosos toxos. O tempo, que é o noso aliado contra esta autovía proxectada en 2011 e que tiña que estar rematada no verán de 2013.
Haberá autovía, prometen os políticos, e todos seremos ricos. O parque industrial de Vimianzo queda atrás, baleiro e vítima da rapiña dos da ferralla, pero algún día prosperará como resultado das súas protestas e terá máis fácil o transporte e a comercialización dos seus produtos, aseguran. Aumentaran os usuarios dependentes, cautivos, do coche, a costa da exclusión dos que non o utilizan, que cada vez serán menos. Acabouse a autonomía e a autosuficiencia para formar parte da Globalización. O noso sistema económico non pode contabilizar a perda de béns e servizos ambientais cando se fala de riqueza e de Progreso.
Chegan a Santa Irene e algún quixera saír á estrada nacional pero continúan cara a outro dos 13 enlaces proxectados. Aparecen por Fornelos, onde una estrutura de ferro que semella una planta cementadora atópase xa enferruxada antes de estrear.
Deixamos a clase política coa súa reivindicación e consideramos a actual situación de crise e o absurdo que resulta para nós, a veciñanza da Costa da Morte, pensar como prioritario un proxecto desta índole. A súa necesidade é cuestionada por un importante sector da poboación por múltiples razóns:
- Mentres os técnicos só consideran necesaria unha autovía cando o tráfico diario supera os 7.000 vehículos, pola estrada entre Carballo e Fisterra apenas pasan 1000 vehículos (en épocas de maior afluencia).
- Só se conseguiría aforrar 15 minutos no traxecto, a costa dun investimento desmesurado de 745 millóns de euros. Non hai outros proxectos máis urxentes e necesarios?
- A pesares do descenso en accidentes de tráfico asegurado polos promotores, a realidade indica que a velocidade é o principal índice de aumento da siniestrabilidade nas estradas e máis tratándose dun territorio coa nosa orografía particular (que xustamente forma parte da súa riqueza).
- A construción da autovía contradí a actual política europea sobre transportes, que intenta favorecer outras alternativas á estrada. Non se pode equiparar desenvolvemento coa construción de grandes estradas, xa que unhas boas comunicacións son condición necesaria pero non suficiente para o crecemento económico dunha rexión.
- A autovía prexudicaría tamén ao turismo que, precisamente prima na Costa da Morte, a beleza da paisaxe e da natureza ben conservada por riba da rapidez do desprazamento.
Contramínate non comparte a idea imposta da mobilidade como símbolo de benestar, de que a velocidade é un valor en si mesmo e de que a construción dunha autovía sexa promovida como símbolo de progreso.
Por iso defendemos alternativas vitais, formas máis sinxelas de vivir, acordes coa protección do territorio:
Queremos pedir ós poderes públicos que fomenten a utilización dos transportes colectivos. Que busquen medidas para reducir o tránsito de vehículos, mellorando os accesos a pé ou o uso da bicicleta nos núcleos urbáns. Que miren o modelo da Bretaña francesa, en lugar de imitar modelos como o de Benidorm.
Necesitamos valorar e reconstruír o local en consonancia co medio natural privilexiado onde vivimos, incrementando a autonomía e a autosuficiencia dos pobos, desvinculándonos da dependencia do mercado mundial e de formas de vida impostas.
Sería lóxico investir na mellora das actuais vías de comunicación. Como alternativa á autovía, e cun orzamento moito menor, poderíanse mellorar os trazados da estrada AG-55, en Coristanco e Agolada, AC-423, na Piolla, Zas, Santa Irene, a AC-432 en Vimianzo e a AC552 en Berdoias, o mesmo que outras localidades entre Berdoias e Fisterra, pasando por Cee. Mellorar o seu firme, corrixindo curvas e construíndo carrís de adiantamento.
Igualmente cómpre pensar na posibilidade de que se rescate a concesión da autopista Coruña Carballo facéndoa gratuíta.
Desde a filosofía do decrecemento, pedimos ós gobernos desta comarca que tomen medidas estruturais a longo prazo para reducir o consumo de petróleo. Estamos a favor da limitación da velocidade en todas as vías, non só polo aforro de gasolina que iso supón, senón porque se diminuirán as emisións de gases de efecto invernadoiro, reducindo as emisións contaminantes que afectan á saúde e ao medio físico. Ademais, así baixarían o ruído e a siniestralidade.
Cal é o obxectivo oculto deste proxecto da autovía? Que intereses económicos, políticos e empresariais hai detrás? Imaxinamos que a "combinación de cobiza económica, ignorancia e desesperación" producen unha sobre-explotación dos recursos naturais en menoscabo dos intereses lexítimos do pobo e dun espazo que é común e milenario.
- Lola Schutz en nome de Contramínate ([email protected]).
Novas relacionadas
- 28-08-14: Edgewater volve á carga coa mina de Corcoesto.
- 25-08-14: Os políticos moven ficha de marcha pola Autovía.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected])