Luns. 07.10.2024
El tiempo
09:00
10/10/12

Vítor H. Brandalise, un brasileiro seguindo os pasos do caderno de campo do xeógrafo Domingo Fontán por Galicia

Vítor H. Brandalise, un brasileiro seguindo os pasos do caderno de campo do xeógrafo Domingo Fontán por Galicia
"]Domingo Fontán empezara o seu percorrido pola Terra de Soneira en Follente (Zas) [foto X.Mª Lema]

O investigador brasileiro Vítor Hugo Brandalise atópase en Galicia iniciando un ambicioso proxecto, “El primer rostro de Galicia”, que consiste en volver facer a ruta que seguira o ilustre matemático e cartógrafo galego Domingo Fontán (1788-1866) para facer a Carta Geométrica de Galicia, o primeiro mapa completo de Galicia, pois cos rudimentarios métodos dos que dispoñía foi capaz de darlle á nosa terra un perfil que practicamente coincide co actual. Fontán era discípulo de José Rodríguez, “o matemático do Berbés”, do que recibiu, na segunda década do séc. XIX,  a gran tarefa de levantar este mapa en base á triangulación xeodésica, o sistema de medición co que se deseñara o mapa de Francia tempo atrás. A partir de 1817 Fontán emprendería en solitario este traballo, establecendo as primeiras estacións xeodésicas para a medición do territorio galego nunha aldea de Ordes e na torre do Reloxo da catedral de Santiago. Despois de superar múltiples contratempos burocráticos –debidos ás represalias políticas por parte dos conservadores da época, os absolutistas, pola súa ideoloxía liberal- conseguiu rematar o seu mapa en 1834, pero aínda tivo que esperar a 1845 para velo impreso.

Brandalise contactou comigo e con outros membros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) a principios deste mes de setembro para que o acompañásemos polos lugares que percorrera Fontán en 1823 pola Terra de Soneira, pois seica a nosa comarca tivera o privilexio de ser escollida por don Domingo en cuarto lugar de entre todas as de Galicia. Ignorabamos este detalle, e iso vén reforzar os informes históricos que como alegacións enviaramos en 1996 á Xunta de Galicia para que a nosa comarca fose recoñecida como tal no Mapa Comarcal de Galicia, como así o foi finamente en 1997. Todo parece indicar que Soneira tiña nos tempos de Fontán unha singularidade histórica que logo iría perdendo, quizais por mor da creación dos partidos xudiciais en 1836. Dedicamos a todo isto un amplo apartado na obra “A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte”, Xerais 2010 (pp. 15-19).

V.H. Brandalise insistiu en facerme a primera entrevista a pé do pazo de Follente (Zas), pois seica alí iniciara Fontán, en decembro (!) de 1823, a súa andaina de traballo pola comarca. Iso foi seguramente debido a que daquela este pazo –do que só queda o escudo do muro norte- pertencía á familia de Antonio Loriga, personaxe que detentaba o importante cargo de ‘Xefe Político’ (gobernador civil) da recén creada provincia da Coruña. Seguindo o caderno de campo de Fontán continuamos cara ó oeste seguindo a ruta do vello camiño real de Santiago a Vimianzo, que ía por Tines e Salto e non por Baio como a actual estrada (feita aínda en 1897). Seguindo o caderno detivémonos a pé da igrexa de Zas e pasamos pola ponte vella de Vilar en dirección á igrexa de Tines; bo sitio, pois desde o seu adro puido ver, coma hoxe, o Pico de Meda e os montes de Treos.
Despois fomos a Monte Torán (Bamiro), pois Fontán déralle moita importancia a este monte de apenas 220 m de altitude, pois nel situou un dos vértices xeodésicos para a medición triangulada, cousa que aínda hoxe se mantén (o Instituto Geográfico Nacional colocou, sobre un valado da zona leste da ermida, un poste indicativo sobre un piar de cemento). A vexetación impídenos hoxe ver o que seguramente viu Fontán desde alí: o Pico de Meda e o mar de Traba.
O ilustre xeógrafo –que, como se sabe, está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval (Santiago)- preocupouse de sinalar no seu Mapa, na aba norte de Monte Torán, a existencia dunha importante “Feria”, certificando así o que levamos dito desde hai ben anos: que a chamada Feira de Baio sempre estivo na Piroga, polo menos desde 1740, e nunca se moveu do sitio. Pasando a ponte do río –que el chama “del Puerto” (e non Grande)- de xunto á feira, sinala na veciña parroquia de Baio un punto hoxe inexistente: a chamada “Torre de Bayo”, e isto lévanos a pensar no atinado que estaba neste caso o finado erudito baiés Francisco Romero Lema, que nos seus escritos falaba da existencia nesta vila da Torre do Escudeiro, que debía estar situada preto do Campo do Rollo, “y que se derrumbó a fines del siglo XVIII o a principios del XIX”. En pouco se enganou don Paco: o derrubamento foi posterior a estas datas.

Fontán tamén subira ó campo da ermida de San Roque de Monte Coroado (Mira) e ó monte de San Bartolomeu (Salto), para ollar desde eles outras zonas da bisbarra soneirá. Alí estiveron agora co investigador brasileiro os colegas Evaristo Domínguez e Xan Fernández Carrera. No caderno levaba anotados puntos referenciais de case todas as parroquias soneirás; entre eles as Torres do Allo e a Torre de Vimianzo, os montes Faro e Sangre, a torre da igrexa de San Xorxe de Buría, Nosa Señora do Monte e a “Peña del cabo Vilaño”, onde estivo o 17 de decembro de citado ano 1823. Daquela aínda non existía o faro, pois o primeiro data de 1854 e o segundo e definitivo de 1896.

Artigos de Lema Suárez en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios