O GDR tomou nota da nova economía da aldea asturiana

Entre os días 14 e 17 de outubro o GDR Costa da Morte participou nun encontro interrexional en Asturias no marco do proxecto de cooperación “Nueva Economía para la Aldea del siglo XXI”, proxecto cofinanciado polo fondo FEADER, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia ao abeiro do programa LEADER (PEPAC 2023-2027).
Representantes do GDR Costa da Morte participaron xunto coa comitiva doutro grupo galego GDR Monteval (Ourense) e xunto a outros representantes da “Asociación de Desarrollo Rural Tolosaldea” (País Vasco) e dos GDR asturianos “Oriente de Asturias”, “Comarca de la Sidra y Alto Narcea Muniellos”, nunha visita de estudo a varios puntos estratéxicos do oriente asturiano, para coñecer proxectos locais inspiradores nos termos municipais de LLanes, Cabrales e Cangas de Narcea.
Durante tres xornadas, as delegacións visitaron as aldeas de Porrúa (Llanes), Asiegu (Cabrales) e Moal (Cangas del Narcea), coñecendo de primeira man experiencias innovadoras en sustentabilidade, transformación económica e dinamización social do medio rural.
A primeira xornada comezou en Llanes, onde se presentaron iniciativas ligadas ao turismo sostible, á economía azul e ao patrimonio cultural. A axenda incluíu visitas a iniciativas subvencionadas a través do LEADER e espazos colaborativos como a Asociación Cultural Llacín que apostan pola innovación social no medio rural.
O segundo día tivo lugar en Cabrales, terra de montaña, tradición gandeira e exemplo de como un produto con denominación de orixe (o queixo Cabrales) pode integrarse nun modelo de economía circular. Os participantes coñeceron proxectos de transformación agroalimentaria con base local, xestionados por mozos emprendedores que están a dinamizar a contorna rural sen desarraigarse, todo da man de representantes da Asociación de Asiegu.
A última parada foi Moal, unha pequena aldea que se converteu en símbolo da rexeneración rural no suroccidente asturiano. Alí compartíronse experiencias sobre dixitalización de pobos, gobernanza participativa e novas formas de vida rural que apostan polo retorno de poboación nova.
A comunidade local mostrou como é posible combinar tradición, conservación e tecnoloxía para construír un modelo de vida máis equilibrado.