Venres. 03.05.2024
El tiempo
Beto Rouget
09:46
22/12/13

Este Nadal, sabes o que comes?

Este Nadal, sabes o que comes?
adivinha_langostino_camaron Hoxe vou falar -mal- dun produto ultimamente habitual nestas datas nas nosas mesas: o langostino (Penaeus vannamei). Amigos da Terra (AdT) e Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) levan anos a traballar no Golfo de Fonseca (costa pacífica de Nicaragua, Honduras e El Salvador), onde opera a camaronicultura industrial, que consiste na cría comercial de langostino en piscina artificial. Cooperan con socios locais para avaliar a situación. Agora, consideran pertinente comezar a sensibilización "en destino", para pechar o ciclo. Están a desenvolver unha campaña natalicia moi orixinal nas redes sociais, coa etiqueta #SabíasQue para desvelar curiosidades sobre o tema, e cunha banda deseñada titulada "A Verdadeira Historia de Rodolfo". Ben, gustaríame destacar catro aspectos da produción global de langostino tropical, exemplificada en América Central: 1. Dereitos Humanos. O comercio do langostino mata persoas. Así de claro. As empresas que controlan o Golfo someten a poboación local e xa houbo asasinatos impunes. Ademais as condicións de traballo son pésimas, e moi inferiores son os postos que ofrece este sistema (na comunidade hondureña de Guamerú, por exemplo, dos 450 pescadores e pescadoras artesanais que conforman a comunidade apenas 4 están empregadas nel). 2. Medio Ambiente. A camaronicultura intensiva destrúe os ecosistemas de manglar, bosques de auga salgada que protexen a costa de temporais ou infiltración de auga salina. Esta poderosa industria non dubida en deforestar e converter en piscinas cada vez máis espazos protexidos. 3. Soberanía Alimentaria. As terribles condicións descritas permiten un prezo que, malia a distancia, compite co do noso marisco e mantén os beneficios nunhas poucas mans avarentas. No país de orixe fican para consumo os exemplares de peor calidade e a xente do mar é desprazada pola forza do seu modo de subsistencia. 4. Saúde. O langostino foráneo que consumimos engórdase en piscifactorías nas que se usan antibióticos e outros fármacos sen trazabilidade. Ademais adoitan empregarse elementos químicos nocivos para a súa conservación durante o transporte. Mal corpo? Pois hai alternativas! Temos unha variante propia de camarón da ría (Palaemon serratus), pratos tradicionais de Nadal como o bacallau con coliflor e unha enorme variedade de solucións máis económicas. Sexamos positivas: cunha sinxela escolla persoal podemos colaborar en atallar unha causa estrutural de inxustiza, o cal algo mellor é que as superficiais obras de caridade dos tempos que corren. Mais a nosa responsabilidade colectiva non remata aí: dúas das tres multinacionais que monopolizan a camaronicultura en Honduras, son españolas. Conclusión: A produción artesanal é a opción máis xusta e a que máis respecta o medio ambiente e a sustentabilidade do sector pesqueiro. E na Costa da Morte hai algunhas iniciativas nese sentido, como a de O canto da Balea no mar de Lira.

Máis artigos de Roberto Rouget

Máis información

Outras novas

Fonte

Comentarios