Mércores. 08.12.2021
El tiempo
David Castro
09:34
02/10/13

Entrevista de David Castro co xogador internacional David García Pichel

Entrevista de David Castro co xogador internacional David García Pichel
O carballés David García Pichel xa ten xogado ata un Mundial coa Selección Española de balonmán

David García Pichel, nado en Carballo o 16 de xaneiro de 1994, é actualmente xogador da Sociedade Deportiva Teucro. Este rapaz, que se formou no Balonmán Xiria, pode actuar como central ou como lateral esquerdo. García Pichel foi internacional coa selección xuvenil en 33 ocasións marcando un total de 70 goles.

Anteriormente, o carballés xa formara parte da selección española, en categoría de promesas. No seu palmarés, conta con campionato de España en categoría cadete coa selección galega, ademáis dun campionato galego de categoría xuvenil co Balonmán Xiria.

  • David Castro: Boas David! Como comezaches a xogar ao balonmán?

Pois empecei dende moi cativo, nas actividades que facía o meu colexio no recreo e despois das clases.


  • D.C.: Como te definirías dentro da pista? Cal é a túa mellor faceta? E a peor?

Pois definiríame como un xogador que intenta dar sempre o máximo e facelo o mellor posible. A mellor faceta pois creo que é a de intentar aprender e mellorar, e despois a peor pois diría que a defensa. A defensa é unha asignatura pendente que teño xa dende fai un par de anos e que debo mellorar.


  • D.C.: Que xogador de balonmán foi o teu ídolo na infancia? Por que?

Non che podería dicir un en concreto, sinalaríache calquera xogador da selección nacional que quedou campiona do mundo no ano 2005 en Túnez: Alberto Entrerríos, Juanín García, Barrufet... Foi a época na que eu comezaba a competir de maneira máis "oficial" (por chamalo de algunha maneira) e quizá por iso marcáronme moito máis.

  • D.C.: E na actualidade en que xogador te fixas máis? Por que?

Gústame moito Nikola Karabatic. É un xogador moi completo, que pode tanto atacar como defender. Para min, quizá o mellor xogador do mundo.


  • D.C.: Con que compañeiro disfrutaches máis sobre a pista? Por que?

Está claro que a miña etapa no Balonmán Xiria seguramente sexa na que máis disfrutei con calquera dos meus compañeiros. Éramos todos amigos (e seguímolo sendo).

David co Xiria
  • D.C.: Con que momento te quedas da túa corta, polo de agora, e grandiosa carreira como xogador de balonmán?

Sen dúbida destacaría este último Campionato do Mundo en Hungría, ou o de Europa o ano pasado en Austria. Son experiencias que non se poden vivir doutro xeito, e nas que aprendes moito como xogador.


  • D.C.: Tras toda unha vida no Balonmán Xiria, que significa o conxunto verde para ti?

Pois o clube onde me formei, onde aprendín e me ensinaron a xogar ao balonmán e onde fixen moitas amizades.


  • D.C.: Sendo cadete, proclamácheste campión de España coa selección galega. Como describirías ese momento?

Foi unha satisfacción moi grande. Estivemos adestrando moitísimas semanas para preparar esa competición, ao rematar o partido poidemos dicir que o traballo dou os seus froitos.

David e Miguel campeons de Espana categoria cadete coa Seleccion Galega
  • D.C.: Formando parte do equipo carballés chegou a chamada da selección española, nada máis e nada menos. Como recibiches a noticia?

Acórdome moi ben da primeira convocatoria. Ao saír do instituto cheguei a casa e chegara unha carta da Federación citándome para ir adestrar unha semana á localidade de Soria, para as actividades de tecnificación que se facían todos os anos. A alegría foi moi grande.


  • D.C.: Que significa para ti, vestir a camisola da selección?

Pois para min é un orgullo poder vestir esa camiseta e representar a España na miña disciplina. Un recoñecemento ao traballo feito durante todo o ano.


  • D.C.: Este ano tiveches a oportunidade de disputar un campionato do mundo do deporte que para ti é a túa pasión. Como nos relatarías o que se sinte xogando un mundial?

Persoalmente sempre hai algo de nervios, incertidume, non saber se van saír ben as cousas... Pero unha vez tes posta a roupa de xogo todo eso esquécese e xogas dándoo todo coma en todos os partidos.

David agarrado polo seu ex companeiro Cuco na sua visita co filial do Ademar a Carballo
  • D.C.: A pasada tempada fichaches polo Ademar León para xogar no filial, co que realizaches un gran ano. Debido ao bo traballo que estabas a facer co ULE Ademar León, recibiches a chamada do primeiro equipo para debutar na Liga Asobal. Finalmente debutaches ante o FC Barcelona e con gol incluído. Como describirías ese día, que supoño que che quedara marcado para toda a vida?

Buf, si que foi e será un momento moi especial. Horas antes falara coa miña familia de que ía ir convocado para o partido dese día, e meu irmán non o pensou e xa colleu o coche directo para León. Despois durante o partido pensei que non ía saír nin disputar ningún minuto pero ao final fíxeno, e con gol. Como ti ben dis, nunca o esquecerei.

David Garcia Pichel xa no Teucro
  • D.C.: Esta tempada firmaches pola SD Teucro. Por que razón decidiches voltar a Galicia e fichar polo conxunto pontevedrés?

O ano pasado había moitos problemas económicos en León e esa inestabilidade quizá me fixo decidirme a vir para Pontevedra. E tamén o tema de estar máis cerca da familia, que para min é moi importante.


  • D.C.: Cal é o obxectivo da SD Teucro para esta tempada?

Pois temos como obxectivo a permanencia. Despois se as cousas van saíndo ben pois miraremos cara arriba, pero é unha liga moi igualada.


  • D.C.: E, persoalmente que obxetivos te marcas?

Eu veño para axudar ao equipo en todo o que poida, pero si hai un obxectivo que me marco é o de mellorar a miña defensa.


  • D.C.: Moitas grazas, moita sorte e esperamos verte pronto dando guerra na Liga Asobal.

Gracias a ti David, saúdos!


Novas relacionadas

Outras entrevistas de David Castro

Máis entrevistas

Fonte

comentarios