Venres. 19.04.2024
El tiempo
David Lourido
11:00
16/04/13

“Algún día poderei dicir que son palestino e libre ao mesmo tempo”

“Algún día poderei dicir que son palestino e libre ao mesmo tempo”
Mohamed Safa

Achegarse á historia de Mohamed Safa, oftalmólogo e activista ou, mellor dito, activista e oftalmólogo afincado en Corcubión, é achegarse á realidade do conflito entre Israel e Palestina. Realidade que se agocha detrás do muro da desinformación construído por gobernos e medios, que provoca que non teñamos información senón versións interesadas das realidades que non temos ao alcance da man.

Ademais do mencionado conflito, metemos na gravadora a importancia dos “matrimonios culturais”; o concepto descubrirédelo dentro dunhas poucas liñas pero adiántovos que, neste caso, a poligamia non só é legal senón que ademais é moi recomendable.

As preguntas boas non son culpa miña senón de quen coida este xornal todos os días. A tarefa non era doada; é habitual velo conversar rodeado de xente interesada nun discurso mestura de historia e historias, cultura e experiencia persoal.

Non fagades como que non vistes unha entrevista na que se fala sobre o que ocorre en Palestina. O muro do que vos falaba só ten unhas liñas de alto e é cousa de todos botalo abaixo.


  • Que fai un palestino na Costa da Morte?

Estou aquí por traballo. Emigrei coa intención de prepararme e volver o antes posible a Palestina. Ese era o obxectivo. Despois as cousas non van como un pensa... Estudei en Santiago, fixen a especialidade en Asturias, e cando me enterei de que había unha vacante en oftalmoloxía na Costa da Morte..., non o dubidei. Quería volver a Galicia.

Era a terra na que me sentira máis integrado. Sempre dixen que os galegos fante sentir un deles, a emigración forma parte da cultura galega. Por outra banda a min non me consideran emigrante. En Europa emigrante é sinónimo de necesidade pero cando un ten traballo e non ten problemas económicos... Eu repito ata a saciedade que son inmigrante, que formo parte desta sociedade. Sempre dixen que o mellor matrimonio da miña vida é o matrimonio cultural, aprendín moito desta cultura e intentei aportar cousas da miña.

Na Costa da Morte síntome integrado. Estiven en Cataluña, Asturias, Andalucía... pero sempre quixen volver a Galicia. Aquí aprendín a sentir morriña.


  • Nunca te plantexaches volver a Palestina?

Esta é a miña ilusión. Vivín moitos días felices pero penso que o máis bonito aínda está por chegar. Pronunciei moitas palabras pero aínda non fun capaz de pronunciar as máis fermosas: poder dicir que son palestino e libre ao mesmo tempo. Eu emigrei e emigrou comigo Palestina, eu medrei e medrou comigo Palestina; a miña ilusión é volver, e volver a unha terra libre.

Mohamed Safa, activista palestino en Corcubión
  • A que adicas o teu tempo?

A miña profesión ocupa un lugar importante. Pero o “horario mental” está marcado polo compromiso co meu pobo; necesito estar en contacto, saber se atacaron, encarceraron ou asasinaron a un palestino. Non quero sentirme anestesiado ante as informacións que nos chegan.

Hai dous elementos que acompañan as informacións: velocidade e veracidade. Cos últimos avances tecnolóxicos conseguimos que algunhas cousas pasen da realidade á pantalla directamente. Pero fáltanos o segundo elemento. Como di Ignacio Ramonet: vivimos na época da inseguridade da información; por isto necesito estar ben informado.

Son médico e activista. Intento axudar sempre que mo piden e sempre teño a dúbida de se fun capaz de transmitir á xente a mensaxe de dor e sufrimento do pobo palestino.


  • O que pasa en Israel e Palestina, aínda que nos últimos dous meses desparecese dos medios, doe máis estando alí ou cando se está tan lonxe da casa?

E moito maior a angustia que padece un cidadán palestino que sae á rúa e non sabe se vai poder chegar ao traballo, a visitar á familia... Eu son un privilexiado, cunha ferida na alma pero privilexiado; eu admiro a vida dun cidadán baixo a ocupación.

Cando nalgún momento sinto que estou canso e solicitan a miña axuda para colaborar coa causa respondo automaticamente que si; non se pode comparar a vida que eu teño aquí coa vida no cárcere da ocupación. Pero si hai un sentimento arraigado en todos os palestinos; aínda non conseguimos liberar un centímetro do noso territorio pero conseguimos concienciar 8 millóns de palestinos que sabemos que a ocupación non é o noso destino.


  • Nunha charla do Cosal Costa da Morte á volta dunha viaxe a Palestina, en Que pasa na Costa facíase un resumo da mesma cunha lista de termos: controis de seguridade, armas, militares, humillación, resistencia, relixión, cárcere, morte, estratexias de ocupación, asentamentos, colonos, campo de refuxiados, mobilización, muro, bombas de gas, agresións… Que quen poida queira marchar é lexítimo?

Si. De feito a política israelí está baseada niso, en facernos ver que imos rematar no cárcere, asasinados ou humillados na nosa propia terra. Pero o pobo palestino está conciencidado, e sabe que significa irse e irse a un campamento de refuxiados: a situación aínda é peor. É comprensible, dende un punto de vista humano, que outros busquen outros camiños, pero dentro da loita que mantemos non se entende.


  • Non se pode explicar o conflicto entre Israel e Palestina nunha resposta dunha pregunta dunha entrevista pero..., como están as cousas hoxe? Ou, mellor dito, como vive hoxe un palestino en Gaza ou Cisjordania?

A situación é cada día máis difícil. As negociacións están estancadas, o resultado das últimas eleccións en Israel, que deron como resultado un goberno radical e de ultradereita, non nos favorece... Non hai ningunha ventá á esperanza. A política de “seguridade” israelí estase agravando; hai unha política de encarcelamento que provocou, por exemplo, que hai unhas semanas se detivese, torturase e finalmente se asasinase a un cidadán palestino nos cárceres de Israel.

A situación económica é moi mala, as posibilidades de traballo son mínimas e os espazos de liberdade cada vez máis reducidos. Por todo isto fálase da posibilidade dunha terceira Intifada que lance un SOS internacional. Necesitamos un respaldo internacional á nosa reivindicación: a de chegar a ser un pobo libre. Nós sabemos que seremos libres, o problema é reducir o tempo de sufrimento; canto tempo lle queda á ocupación? Sei que o mañá é noso.


  • Como cres que van a evolucionar?

Se analizo a situación o resultado vai ser pesimista. Hai un goberno israelí de extrema dereita que non quere rematar coa ocupación nin negociar, unha administración americana incapaz de presionar, e sobre a comunidade internacional pouco podo dicir despois de 60 anos de conflito. E por último hai unha superioridade militar aplastante.

Pero eu estou cargado de entusiasmo que xorde do compromiso. Son optimista; porque confío en que a nosa militancia, o noso compromiso, vai cambiar as cousas.


  • Poderiamos falar horas da parte de culpa que teñen os gobernos de Occidente pero, que pode facer un cidadán de Occidente, unha persoa da Costa da Morte por exemplo…

A fin do apartheid en Sudáfrica non foi por un espertar moral senón que foi resultado da presión internacional. Temos que facer ver que a ocupación israelí é inxusta. Os cidadáns implícanse en asociacións tipo BDS para o boicot dos produtos fabricados por colonos en territorio palestino. Trátase de presionar á súa propia cidadanía, de buscar deste xeito a solidariedade do goberno israelí coa causa palestina.

A palabra “Europa” está composta por dúas palabras: “ollos” e “grandes”; e os que teñen ollos grandes son miopes e teñen moi pouca vista. Isto é o que demostrou Europa respecto ao conflito entre Israel e Palestina. Pero os cidadáns europeos non poden mirar para outro lado porque “non o sabían”; necesitamos o respaldo internacional para acabar con isto canto antes.

Para reivindicar os dereitos dun pobo non fai falla rematar co outro. Gañar en Palestina é unha victoria para o dereito internacional. A industria militar determina a axenda en Oriente Medio. Queremos que iso pase a mans dun pobo que quere vivir en paz e en liberdade.


Novas relacionadas

Máis entrevistas en As Bondades da Fala

Fonte

Comentarios