Xoves. 18.04.2024
El tiempo
David Lourido
10:17
25/09/12

Martín Varela: “Para a Xunta non son deportista de alto nivel”

Martín Varela: “Para a Xunta non son deportista de alto nivel”
Martín Varela no porto de Corme - Foto- David Lourido

Nas facultades de xornalismo, moi alonxadas da realidade sobre a que aspiran a informar os seus alumnos, algún idealista aínda ten a fe suficiente para ensinar un concepto: o da responsabilidade social. Mito que chama a atención sobre a necesidade de pensar dúas veces que publicamos polas consecuencias que esas informacións poidan ter na sociedade.

Pero na porta dos grandes medios teñen detector de metais e principios que sucumben a intereses pouco saudables. A historia do cormelán Martín Varela, o mellor xogador de España de tenis en cadeira de rodas, é desas que non interesan, que non chega a tanta xente como debería por todo o que ten que ensinar. Non interesa aos medios nin a unha Administración que non o considera deportista de alto nivel; currículo sóbralle pero fáltalle poder xogar de pé.

Nas seguintes liñas atoparedes información, obxectivos, opinións, sorpresas… e nin un só pelo na lingua.

  • QPC: Poderías gañarte a vida xogando ao tenis?

En España é moi complicado. Se non consigues suficientes patrocinios de empresas privadas… Con cartos públicos é imposible. Aínda indo e tendo bos resultados en torneos internacionais… Porque nos nacionais o torneo que máis paga da 500 €. O máximo que cheguei a conseguir foi recuperar os gastos e quedarme cos premios. Pero o meu obxectivo é non perder cartos. Dende o 2006 non perdín cartos só en dúas tempadas.


  • QPC: Tes algún tipo de axuda ou beca?

Este ano tiven aportacións contadas…, de particulares. Haberá unha aportación de Apligasa, dende V de Valarés axúdanme no que poden e teño pendente unha posible colaboración do Concello. Dende a Federación Galega danme unha pequena axuda para entrenamentos.

Nunha temporada gasto entre 30.000 e 35.000 euros e en axudas podo conseguir 7 ou 8.000 euros. Cheguei ata aquí gracias a amigos; o meu problema e non ter un amigo que sexa directivo de Inditex…

Eu, co palmarés que teño, para a Xunta non son deportista de alto nivel. Eu, e vou falar dos meus para que ninguén se sinta ofendido, estou á altura do Corme e iso péchame moitas portas, danme menos axudas... Co meu palamarés, se xogara de pé, sería considerado deportista de alto nivel. Esa consideración son só 3.000 € ao ano pero…


  • QPC: Eres nº1 do ranking nacional, gañaches torneos a nivel autonómico, nacional e internacional… Con que victoria te quedas?

Coa primeira, en Tenerife. Xogaba moito peor do que xogo agora e o meu tenis era outra cousa pero despois de 3 anos entrenando… Vivimos nun pueblo, non nunha gran cidade. Empecei nunha pista dunha asociación en Corme onde se fan as festas, co meu irmán licenciado en Inef e que nunca collera unha raqueta nun lado e eu no outro cunha silla feita por min. Estivemos así un ano e medio ata que mercamos unha de segunda man.


  • QPC: E cal che falta?

Varias. Fáltame a do Máster Nacional que xogamos os 8 mellores do ranking, fun dúas veces finalista pero non o gañen nunca. E fáltame algunha vitoria nalgún torneo internacional importante pero esta xa é unha cuestión máis ben económica. Este ano ata maio adiqueime plenamente ao tenis e estaba ao nivel dos 20 mellores do mundo. Pero adicarse só ao tenis, ser profesional, supón un gasto moito maior. Franceses ou holandeses, por exemplo, entrenan xuntos e contan cun apoio co que nós non contamos.

A curto prazo, a próxima tempada vai ser de mantemento, vou facer menos torneos porque é un ano posolímpico que todos competimos menos, vou ser pai… Quero separarme dos resultados e mellorar certos aspectos técnicos.


  • QPC: Non estar en Londres 2012 foi unha decepción…

Foi unha decepción pero non por min, porque xogaba coa miña ilusión e coa de moita xente. Para chegar a onde estou, a familia, os amigos, os entrenadores…, son fundamentais. Para que eu xogue a miña muller queda no negocio, o meu entrenador dame clases que non me cobra, meu irmán e o meu preparador físico, teño un amigo que é o que me fai a dieta, o meu irmán maior é osteópata e é o que me cura…


  • QPC: Pero ás Olimpiadas de Río 2016 non faltamos…

Vai depender única e exclusivamente de diñeiro. Para intentar ir a Londres fun ao banco pero non podo volver permitirme ese luxo. Dependerá dos apoios que consiga, intentarei ir recaudando antes de 2015…

É unha cuestión económica porque clasificámonos por ranking internacional e puntúan os 9 mellores torneos que fagas. Se tes orzamento só para ir a 10 ou 11 a marxe de erro que tes é moi pequena e hai máis presión. Vai depender de diñeiro porque motivación non me falta.

Martin Varela no Faro Roncudo - Foto- David Lourido
  • QPC: Coñecémoste por ser un gran xogador de tenis en cadeira de rodas pero…, cómo é a túa vida cando gardas a raqueta?

Eu son estanqueiro e a miña muller ten unha papelería, son os negocios que temos. E vivo e disfruto do paraíso aquí en Corme. Estiven en Corea, Sudáfrica, Canadá…, pero cada viaxe sérveme para valorar máis isto.

E por outra banda o meu proxecto a medio-longo prazo é crear unha escola de tenis en cadeira de rodas. Cando comecei en Galicia estabamos Álvaro Illobre e mais eu. Agora somos 12, a Comunidade Autónoma con máis xogadores federados. Levamos 4 anos sendo a mellor selección autonómica con diferencia. Conseguir que Galicia sexa referencia neste deporte é unha das mellores vitorias. Non vai ser sinxelo poque necesitarei cartos públicos pero intentarémolo.

  • QPC: Que che pareceu que o Premio Príncipe de Asturias dos Deportes fose para Iker Casillas e Xavi Hernández e non para o Comité Paralímpico Internacional?

Independientemente dos merecementos do Comité Paralímpico, optaron pola opción máis sinxela. Estás gravando non? Pois aseguraría que o ano que vén daranllo á nadadora paralímpica Teresa Perales. Hai que compensar.

E se lle das o premio ao Comité Paralímpico é noticia 5 minutos. Se llo das a Iker durante 5 días non se fala do mal que están as cousas. Vivimos nun país onde o xornal máis vendido é un xornal deportivo…

Despois, a nivel paralímpico estase traballando moi mal porque non se invirte na base. Non podemos pagarlle a un tío para que vaia entrenar nunha piscina a Madrid para que gañe unha medalla máis que a ía gañar igual, e non invertir na base. A media de idade dos nosos medallistas é demasiado alta. Pero é un problema que é para os paralímpicos e para os olímpicos.


  • QPC: Para rematar, hai 14 anos que sufriche o accidente no que perdiches unha perna e polo que agora te adicas a xogar ao tenis en cadeira de rodas. Cal é a mensaxe para os que a diario sofren problemas como o teu?

Só tes túas opcións: ou sigues ou non sigues. Podes coller o touro polos cornos ou deixar que che pase por enriba. Eu pensei que morría. Entrei no hospital despedíndome do meu primo e da miña madriña. Cando espertei primeiro valorei que estaba vivo, despois toca facerse á idea de que non teño unha perna, tiven a sorte de estar rodeado de familia e amigos… Eu son a mesma persoa antes e despois do accidente. Saín do hospital e aos dous días estaba dentro dunha pista de coches de choque con tornillos ata nas pestanas. Axuda moito involucrarse en actividades con xente que estea na mesma situación ca ti, fixarse noutros… Buscade en Youtube a Nick Taylor, xogador de tennis quad e veredes do que vos falo.

Non hai nada que quixera facer e non poidera. Igual o teño que facer doutra maneira ou dando unha volta, pero chegas igual.

Máis información

Novas relacionadas

Máis entrevistas en As Bondades da Fala

Fonte

Comentarios