Venres. 19.04.2024
El tiempo
Diego Dourado
11:33
24/01/18

Uso adecuado dos antibióticos: Unha cuestión que nos atinxe a todos

Uso adecuado dos antibióticos: Unha cuestión que nos atinxe a todos

As bacterias son a forma de vida máis exitosa da Terra. Están aquí dende fai uns 3500 millóns de anos, é dicir, estaban no noso planeta moito antes que a especie humana e con toda seguridade continuarán tras a nosa extinción. O segredo de tal éxito débese á súa alta velocidade de reproducción e á súa elevada capacidade de adaptación, que á súa vez é transmitida de forma inmediata a posteriores xeracións.

Neste último punto é onde me quero deter. As bacterias ó longo da súa evolución foron capaces de desenvolver modificacións na súa estructura que lles permitiron sobrevivir a compostos moi diferentes, incluíndo os antibióticos. Podemos considerar que cando unha poboación de bacterias se enfrenta a un antibiótico, aquelas bacterias consideradas naturais ou sensibles morrerán ou quedarán inhibidas, e aquelas chamadas mutantes ou resistentes, sobrevivirán. Estas últimas continuarán reproducíndose e acabarán sustituíndo á poboación orixinal, é dicir, sobrevivirán “as máis fortes” (teoría da evolución pura e dura). Por se isto fose pouco, as bacterias son capaces de intercambiar material xénico, polo que ditas resistencias poden ser adquiridas por outras bacterias de outras poboacións distintas.

Como podemos ver, os antibióticos actúan como elementos de presión e seleccionan aquelas bacterias que sobreviven a el. Por isto, non será moi difícil de entender que un uso abusivo e incorrecto dos antibióticos promoverá a dispersión destes micrororganismos resistentes, o cal constitúe un grave problema de saúde pública a nivel mundial. De feito, o informe O'Neill sobre Resistencia Antimicrobiana (publicado en maio de 2016) sinala que actualmente as bacterias multirresistentes causan 700000 mortes ó ano no mundo, e prevese que para o ano 2050 sexan responsables de 10 millóns de mortes, superando ás mortes causadas polo cancro e a diabetes xuntas.

Pero a magnitude de dito problema ten repercusións tamén a nivel veterinario, medioambiental e incluso económico. O Banco Mundial advertiu que estas resistencias poderían ocasionar para o ano 2050 danos na economía comparables á crise financieira de 2008. Tendo en conta a complexidade deste problema, abordalo require de un enfoque global e multidisciplinar que involucre tanto a institucións, administracións, profesionais sanitarios e ó propio cidadán de a pé.

¿Qué podemos facer a nivel individual?

- Os antibióticos deben ser prescritos por un médico. Non se automedique e tome os antibióticos seguindo as pautas e recomendacións do seu médico e farmacéutico. Complete o tratamento aínda que note melloría, e se lle sobran non os garde nin os comparta con outras persoas.

- Os antibióticos non son eficaces frente a resfriados e gripes. Estas infeccións son de orixe vírico, e os antibióticos unicamente sirven para tratar infeccións de orixe bacteriano. Recorde tamén que os antibióticos non son analxésicos (non alivian a dor), nin antipiréticos (non alivian a febre).

- Da saúde dos deus animais domésticos debe ocuparse o seu veterinario. Polo tanto, tampouco administre antibióticos ós seus animais sen ser prescritos por un veterinario.

Ademáis destas medidas que atinxen exclusivamente ó correcto uso dos antibióticos, podemos tamén actuar de forma preventiva frente ás enfermedades infecciosas. A Organización Mundial da Saúde recomenda:

- Lave as mans de maneira frecuente. Está demostrado que é unha das maneiras máis eficaces de previr as infeccións a nivel respiratorio.

- Realice unha correcta hixiene e tratamento dos alimentos. Lave as froitas e verduras, non mesture alimentos crus con alimentos cociñados, etc.

- Cumpla puntualmente co seu calendario de vacinas. As vacinas son definitivamente unha das formas máis exitosas de previr as enfermidades infecciosas e de mantelas a raia a nivel comunitario.

- Utilice preservativo se vai manter relacións sexuais de risco. Moitas das ETS (Enfermidades de Transmisión Sexual) son de orixe bacteriano. Un exemplo delas é a gonorrea, cuxo axente causal é Neisseria Gonorrhoeae, unha bacteria que está comezando a presentar problemas de resistencia frente a antibióticos clásicos que a erradicaban, imposibilitando o seu tratamento nalgúns casos.

Dende que se descubriu a penicilina (ano 1928), xurdiu un gran boom de novos antibióticos, chegando a pensar que as mortes causadas por infeccións bacterianas serían cousa do pasado. Pero o actual problema das resistencias unido a que practicamente dende os anos 70 non apareceron novas opcións terapéuticas, ditas infeccións van camiño de convertirse en clínicamente incontrolables, podendo incluso retornar á situación da era preantibiótica, segundo os expertos. E as malas noticias non rematan ahí, posto que sen antibióticos eficaces para o tratamento e prevención de infeccións, o éxito dos transplantes de órganos, de cirurxías maiores e en definitiva dos logros da mediciña moderna poderían verse seriamente comprometidos.

Polo tanto, se non queremos que os peores presaxios se cumplan, asumamos a responsabilidade que nos corresponda

   

Artigos de Diego Dourado

Fonte

Comentarios