Luns. 14.10.2024
El tiempo
Digna Rdgz. Romar
12:40
12/05/21

12 de Maio, Día Internacional da Enfermería

Enfermeiras en loita no Hospital de Santiago
12 de Maio, Día Internacional da Enfermería

Un ano máis celebramos o Día Internacional da Enfermería, en referencia ó día do nacemento da precursora da Enfermería moderna, Florence Nightingale. 

Hoxe tamén se cumpren 423 días do inicio do Estado De Alarma pola Pandemia da Covid19.

423 días nos que as enfermeiras, en todos os nosos ámbitos, nos deixamos a vida, algunhas literalmente, por salvar a do resto da poboación.

423 días, coas súas noites, nos que non paramos de traballar, dobrando e triplicando quendas para sacar a diante ós nosos pacientes.

423 días, onde inventamos como protexernos, para protexervos, dese ser invisible que nos cambiou a vida por completo.

423 días, nos que chegamos as nosas casas rendidos, non só fisicamente, nos que non podiamos recibir unha aperta dos nosos fillos ata que conseguiramos darnos unha ducha ben completa e desprendernos un pouco da tensión acumulada. 

423 días nos que moitos, por precaución, abandonamos as nosas familias para protexelos, pero quedando nos sós coas nosas bágoas e a frialdade dunha habitación ou dun piso que non son nosos.

423 días, nos que os nosos compañeiros de traballos se volveron o noso maior apoio, en quen podiamos compartir os nosos medos e en quen desafogarnos despois de ver marchar ós nosos pacientes.

423 días nos que, ante a soidade dos nosos pacientes, repartimos un pouco de cariño, tras eses EPIS, que só deixaban ver os nosos ollos.

423 días nos que lle vimos as costuras ó noso sistema sanitario. Costuras que dende diferentes colectivos levamos loitando para que se subsanen, pero que a Administración segue sen ver que existen.

423 días, nos que as Enfermeiras Eventuais en Loita, deixamos as nosas reivindicación apartadas, despois de un ano de loita continua, para adicarnos en exclusiva a nosa profesión: A Enfermería.

423 días nos que os nosos dereitos desapareceron por completo en prol das necesidades do Sistema.

423 días nos que despois dos aplausos, volveron a chegar os paus. Nos que se nos volveu a tachar de pouco profesionais, de blindar os nosos centros para non traballar, amparados polos medios de comunicación e dirixidos os ataques dende a propia Administración, a cal, se encargou de recortar a presencialidade nas consultas. Non, non foron os médicos e as enfermeiras os que pecharon as consultas, foi dende a Administración, pero sempre é mais fácil culpar ó que vemos día a día que o que está nun estrato superior.

423 día nos que a Administración nos intentou “premiar” con bonos turísticos e  días libres, que aínda que quixeras solicitar, polo ben do Sistema, non o fixemos, non nos podiamos permitir ceder nin un só día para desfrutar.

Hoxe tamén se cumpren 2 anos da OPE en NEGRO, na que 8000 enfermeiras acudimos a Silleda, nun día de calor abafante, vestidas de loito, para visualizar a morte dos nosos dereitos. Neste día naceu o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, ó que me sinto moi orgullosa de pertencer, que puxo no foco a situación que levamos vivindo dende fai moitos anos, conseguiron que a nosa voz se escoitase en Europa, reclamando unha situación totalmente ilegal, que con diferentes decretos e leis ampara o noso Estado.

FELIZ DÍA DA ENFERMERÍA!!!!

  • Digna Rdguez. Romar: Enfermeira, eventual do Sergas en A.P. e Atención Especializada. Moi orgullosa de ser de Camelle.

MÁIS ARTIGOS DE DIGNA RDGZ. ROMAR

Comentarios