venres. 08.11.2024
El tiempo
Domingo Guerra
09:45
08/08/13

Cuestión de confianza e moción de censura

Cuestión de confianza e moción de censura

A actualidade municipal esixe prestar atención a dúas figuras xurídicas –con evidentes connotacións económicas–, que poden provocar a destitución do alcalde. Trátase da cuestión de confianza e da moción de censura. Importa coñecelas porque son canles específicos de control político, dotadas de características comúns e relevantes diferencias que convén precisar.

Desde as últimas eleccións locais prosperaron mocións de censura en Cee (A Coruña), Valadouro (Lugo) e Vilamartín de Valdeorras (Ourense). Tamén existiron intentos na provincia de Pontevedra (Ponteareas e Redondela), que non se materializaron.

Faltan aínda dous anos para as novas eleccións e os tambores de guerra comezaron a soar, de novo, con maior ou menor intensidade, en diferentes concellos do nosa zoa. Así, despois de rexeitar unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos (como sucedera en Valadouro, Ponteareas e Redondela), en Corcubión non se presentou a conseguinte moción de censura, pero si en Vimianzo. Estaremos atentos, porque isto non fixo máis que comezar...

De aí que, hoxe, a pesar de non ter moito encaixe na sección de economía municipal, quixera expoñer sinteticamente algúns trazos destas dúas fórmulas que autorizan cambiar de alcalde sen acudir ás urnas.

A cuestión de confianza, permite superar situacións de rixidez e bloqueo no proceso de toma de decisións en materias de máxima transcendencia municipal. Así, o alcalde -só o alcalde-, pode presentar unha cuestión de confianza sobre determinados asuntos debatidos no pleno que non foron aprobados: presuposto, ordenanzas fiscais, regulamento orgánico e instrumentos de planeamento municipais. Si o alcalde obtén votos suficientes entenderase revalidada a confianza. En caso contrario, iniciarase un novo proceso de investidura para elixir novo alcalde, convocando sesión plenaria para as doce horas do décimo día hábil seguinte á reunión na que se perdeu a confianza.

Non obstante, a normativa establece un matiz para o caso do orzamento. Si no prazo dun mes do rexeitamento da cuestión de confianza non se presenta unha moción de censura, ou si esta non prospera, quedará referendada a confianza e definitivamente aprobado o orzamento.

A moción de censura, serve para rexeitar a confianza no alcalde, para reprobar actuacións de carácter económico ou de política xeral, e para censurar determinados comportamentos inadmisibles. Modificouse en 2011 polo pacto antitransfuguismo, pretendendo evitar situacións de corrupción. A diferencia da cuestión de confianza (presentada polo alcalde), formalízase por concelleiros non afíns ao goberno local e incorpora obrigatoriamente unha nova investidura, contemplando o nomeamento dun novo alcalde no momento da votación.

A moción de censura debe ser proposta, ao menos, pola maioría absoluta dos concelleiros (maioría absoluta que será incrementada si se presenta por tránsfugas), e deberá incluír, sempre, candidato á alcaldía. O secretario municipal verificará que o documento a presentar no Rexistro Xeral do Concello reúne todos os requisitos, asinando no mesmo acto a correspondente dilixencia acreditativa, e quedando convocado automaticamente o pleno para as doce horas do décimo día hábil seguinte. O pleno será presidido por unha mesa, integrada polos concelleiros de maior e menor idade dos presentes, excluídos o alcalde e o candidato, actuando como secretario o da corporación. O candidato quedará proclamado alcalde si prospera a moción.

Sabemos que cambiar de alcalde con estes dous procedementos non é tan sinxelo como se está contando. Hai demasiados intereses. Hai moito en xogo. Pero, nalgúns dos nosos concellos con alcaldes en minoría, os rumores de cuestións de confianza e mocións de censura volven a resoar con forza. Pois iso, como dicía: estaremos atentos, porque isto non fixo máis que comezar…

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios