Infancia, adolescencia e redes sociais: decidimos sobre eles ou con eles?

Cando como sociedade falamos de limitar o acceso das persoas menores ás redes sociais, facémolo dende unha intuición profundamente lexítima: sabemos que ese espazo dixital se converteu nun auténtico "salvaxe oeste". Un territorio sen lei clara, gobernado pola lóxica do consumo neoliberal, pola polarización, polo odio que dá clics, polos algoritmos que amplifican o extremo e silencian o matiz. Un ermo cru ao servizo dun mercado descarnado.

Como non imos querer protexer diso á infancia e á adolescencia?

O problema non é ese impulso protector. O problema é pensar que a solución pasa só por apartalos do medio, sen cuestionar a fondo o propio ecosistema. Porque, que ocorre despois? A partir dos dezaseis anos, barra libre neste mesmo salvaxe oeste? Non parece unha resposta seria.

Tal vez o que toca non é simplemente prohibir, senón parar e reformular o marco completo: os límites éticos das plataformas, o funcionamento dos algoritmos, os mecanismos de polarización, a presenza de contidos delictivos, a impunidade de quen fai dano. Iso é o que está verdadeiramente en xogo.

E é precisamente aí onde todas as voces deberían ter cabida, tamén a da infancia e a adolescencia. Como orientadora escolar e como nai, estou en contacto habitual con preadolescentes e adolescentes. Iso permíteme escoitalos con tempo e fondura. 

Non se pode construír unha resposta social xusta sen contar coa voz das persoas directamente afectadas. Nin na educación, nin na saúde, nin na lexislación. Velar pola integridade da infancia e da adolescencia non pode implicar despoxalas da súa palabra. Iso é profundamente adultocentrista.

Vivimos nunha sociedade que presume de plural, pero que segue tomando decisións estruturais sobre nenos, nenas, mozas e mozos sen integralos nos procesos de diálogo. Existen iniciativas como as Cidades Amigas da Infancia, que buscan precisamente arbitrar mecanismos reais de participación infantil nas políticas locais. Sabemos facelo. O problema é que raramente o facemos cando as decisións son incómodas. E esta é incómoda.

O máis interesante das conversas mantidas con adolescentes é que non negan os problemas das redes sociais. Recoñecen os riscos: acoso, contidos inadecuados, manipulación, adicción, exposición temperá a dinámicas que non sempre poden xestionar. Non parten da negación. Son quen dunha análise crítica e lúcida.

Pero discrepan da solución. Para eles, as redes cumpren unha función de xogo, relación e pertenza moi semellante á que teñen para os adultos. Son espazos de socialización, identidade e comunicación. 

Non entenden que se lles retire sen máis unha ferramenta central da súa vida cotiá, especialmente cando —segundo a súa propia análise— a maior parte dos danos teñen a súa orixe en usos indebidos ou directamente delictivos por parte de persoas adultas.

Aquí aparece unha idea moi potente de xustiza: quen causa o dano debería ser quen pague o prezo.

Lonxe de limitarse á queixa, propoñen alternativas. Falan de acceso gradual segundo a idade (non prohibición total), de utilizar a propia tecnoloxía —IA, algoritmos, sistemas de detección— para identificar contidos abusivos, bloquear publicacións, localizar orixes e penalizar aos seus autores. Falan tamén da posibilidade de crear redes específicas para adolescentes, con verificación de identidade e control real de contido.

Non estou dicindo que estas propostas sexan a solución perfecta. Non é ese o punto.

O punto é outro: estamos diante dunha xeración capaz de analizar un problema complexo, recoñecer riscos, cuestionar respostas simplistas e imaxinar medidas alternativas. Iso merece respecto. Iso merece presenza no debate público.

O obxectivo desta reflexión non é determinar se teñen razón ou non nas súas propostas. O obxectivo é reclamar o seu dereito a participar nunha revisión integral do marco no que se move a súa vida dixital. Participar en pensar os límites, a lóxica, o funcionamento das plataformas, o papel dos algoritmos, os mecanismos de protección e as responsabilidades das empresas e das institucións. Porque unha sociedade que toma decisións sobre a infancia sen escoitala non está protexéndoa: está exercendo poder sobre ela.

Seguimos pensando a protección como control. Seguimos confundindo coidado con prohibición. Seguimos falando sobre eles, en vez de falar con eles.

E mentres tanto esquecemos algo esencial: non hai democracia completa se parte das voces quedan fóra.

Quizais chegou o momento de deixar de mirar a adolescencia como un problema a xestionar e empezar a vela como unha cidadanía emerxente á que lle debemos espazo, escoita e responsabilidade compartida. Porque sen a súa voz, calquera medida que lles afecte será sempre parcial.

 

Artigos relacionados

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco