Que se perde cando convertimos o coidado en heroísmo?

(Spoiler para lecturas rápidas: este texto non cuestiona en ningún momento O VALOR HUMANO E ÉTICO DAS ACCIÓNS DE AXUDA ESPONTÁNEA NUNHA SITUACIÓN DE EMERXENCIA. Todo o contrario: recoñéceas como modelo de conduta. O que se analiza é O RELATO MEDIÁTICO QUE SE CONSTRÚE ARREDOR DESAS ACCIÓNS E O SEU EFECTO NA MANEIRA EN QUE PENSAMOS O COIDADO, a responsabilidade colectiva e o imaxinario social).

 

Tres persoas chegan ao lugar dos feitos inmediatamente despois dun grave accidente ferroviario e fan o que sería o modelo esperable de conduta humana: axudar. Que relato mediático se constrúe?, o do heroe invididual. Abonda con buscar titulares: case ningún recoñece o xesto como acción compartida. Algúns medios mencionan no corpo da noticia ás tres persoas, pero o foco volve sempre ao mesmo lugar: o “heroe”, o “anxo”. Non atopei ningunha noticia nin vídeo mainstream que nomee aos tres como suxeito principal no titular, manteña ese encadre ata o final e evite a palabra heroe.

Que persoas comúns podan actuar por motivos éticos, porque ven dor e se mobilizan dende a compaixón non encaixa ben no relato mediático, que necesita personaxes heroicos, foco, emoción empaquetable e consumo rápido. Entón, faise a operación clásica: converter o humano en heroico para non falar do estrutural. Por que contamos un relato individual onde houbo acción compartida?

Porque se o contas como o que é, sen forzar un relato épico —uns rapaces e unha nai que pasaban por alí responderon de forma natural— non hai noticia. Iso non vende. Así se constrúe o relato: “mozo de 16 anos heroe do accidente”. E con isto, a ética convértese en excepcionalidade, o coidado convértese en virtude individual e o estrutural queda fóra de plano.

A lóxica é a seguinte: se alguén fai o que debería ser “normal”, chámase heroe, co cal o “normal” segue sen existir como dereito. Quero crer que ese rapaz, ou mellor dito, esas tres persoas, fixeron o que faría calquera persoa cun mínimo de humanidade posta nesa situación. E iso é precisamente o que incomoda: que a dignidade non sexa excepcional, senón común. Por iso se heroíza: para que non se imite como norma, para que non se pregunte por que isto non está garantido, para que todo quede nunha historia emotiva que se consome e se esquece.

Cando chamamos heroe ao que debería ser xesto humano por defecto, o que estamos confesando é que xa non esperamos humanidade como estándar. Cando chamamos heroico ao xesto de coidado, o que facemos é eximir ao colectivo da súa responsabilidade. E iso é grave.

O sistema mediático fai tres cousas: individualiza unha acción que foi compartida, heroíza para que non pareza "normal" nin replicable e infantiliza o relato, neutralizando a análise estrutural. O resultado é emoción consumible sen pensamento crítico.

Que acontecería cun titular tipo: “Tres persoas axudan de inmediato ás vítimas antes da chegada dos servizos de emerxencia”, cambiaría algo na emoción colectiva se poñemos o acento na colaboración e non no heroísmo individual?, a quen incomodaría?, que valores aparecen cando o coidado é compartido e non hai protagonista único?, é posible organizar o coidado comunitario nunha emerxencia sen depender de “heroes”?

Unha sociedade sa non necesita heroes para sobrevivir, necesita unha ética de coidado asumida dende o colectivo. Chamar “heroico” ao coidado básico fainos pensar que non é responsabilidade común.

 

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco