Mércores. 08.05.2024
El tiempo
09:58
27/12/12

Miculita-Sieso-Manín: tridente letal

Miculita-Sieso-Manín: tridente letal
UD Cee na tempada 81-82. Adestrados por Manolín, e onde coincidiron o tridente: Miculita, Sieso e Manín.

Non gosto utilizar terminoloxía bélica na escrita, por outra banda, algo tan habitual na ámbito xornalístico fútboleiro. Mais recoñezo que dialogar con dous “killers”, con certeza dos mellores xogadores que a Costa da Morte dou para este deporte en todos os tempos, foi un privilexio que xa disculpa toda dificultade que conleva desenvolver investigacións desta natureza. Un sábado de liga, Luis e máis eu, entrevistamos primeiramente no Ara Solis de Fisterra, a José López Marcote “Manín”. Os saúdos mesmo reverenciais que os seareiros locais lle dedicaban ao veterano de mostacho rexio mentres íamos cara as bancadas deste feudo do fútbol, son reveladores do que significou Manín para estas terras e xentes.

É longuísima a relación de equipos nos que militou como dianteiro nato. Máis longa é listaxe de éxitos acadados: desde o trofeo Chacho en 73-74 como máximo goleador e que voltaría a conseguir en múltiples equipos, a campionatos de liga e copas da costa, en calidade de xogador e adestrador. Home de fútbol, anuncia o gol moitos segundos antes de que se materialice. Diserta e olla para o partido entre o SD Fisterra e a SCD Malpica, achega anécdotas e datos, alaba unha finta, recoñece un erro do seu fillo, central no equipo local.

Exhala vivencias, lembra ex compañeiros: “O mellor? Miculita”. Recorda goles: “Fíxen moitos ao xeito de Santillana”. Evoca trifulcas: “Mi madriña, as mulleres eran tremendas aquí e en Camariñas!”. Ten nostalxia do pasado para volver a protagonizar xogadas, finais ou revivir sensacións: “No vestiario, xusto antes de saír, mexaba tres ou catro veces”. Mariñeiro de profesión desde hai uns anos, recoñece chegar do mar e un taxi estar agardando por el no peirao. Ou que a xente lle pedira ao patrón que o liberase de ir ao mar por haber partido. As fotos e recortes que atesoura son actas notariais que dan fe dunha vida por terreos de xogo de Noia a Lugo, de Cabana a Fisterra, inzados de berros e laios. Manín, un mercenario do fútbol que fusilaba porteiros rivais pero que mesmo era alabado polos contrarios: “Houbo goles nos que me felicitaban os defensas”, asegura.

Rematado o partido, lévanos a pá doutro histórico da SD Fisterra, Manolo “O Negro”, jaiteiro e lenda viva do fútbol costeiro nos 60. Entrar na súa casa é adentrarse nun santuario pagán na honra do balón. Convalecente de senllas operacións, Manolo amosa obxectos, sinala nomes, achega lembranzas penduradas da parede e do corazón. Prometemos ser notarios de tanto apego.

E o noso cicerone desta tarde de vento soán, condúcenos ao encontro doutro xogador inigualable, José Ramón Gómez Ayala “Sieso”. De amables maneiras e falar pausado, sempre risueño, alecciónanos con datos e fotografías. No UC Cee foi todo un referente, mais tamén militou no Cádiz de 2ª División ou adestrou a equipos da costa. Os xornais de amarelas páxinas pola pátina do tempo reflicten un pasado de éxitos, mesmo da man doutro inefable protagonista do fútbol na Costa da Morte, Manolín Oliveira “o filósofo”. Mestre de adestradores, levou da man a moitos destes excelentes xogadores que aderezaron de entretemento, ledicia e paixón a centos de afeccionados que tiveron a sorte de velos xogar. Nós, tivémola, de aí a dobre alegría da xornada de hoxe: dialogar con xogadores míticos e manifestar o noso respecto, aprezo e afecto ás súas persoas.E saímos á escuridade de Cee mentres brúa o vento que, mergullado no Océano, reta a proa do Centolo. Pouso, farallón e marca: Manolín, Miculita, Manín e Sieso.

Fútbol de fasquía atlántica!

Outros artigos

Artigos do Mar de Paixón

Máis información

Fonte

Comentarios