Sábado. 21.09.2019
El tiempo
José Luis Louzán
09:55
09/01/09

A mente sobre a materia

A mente sobre a materia
As verdades como puños de José Luis Louzán

A Gran Depresión foi unha crise económica mundial que tivo o seu inicio en outubro do 1929, e que se prolongou durante toda a década do 1930, sendo particularmente intensa ata o 1934. Son moitas as causas esgrimidas para explicar o seu arranque e persistencia. É un feito claro que o fenómeno tivo o seu inicio nos Estados Unidos, despois dunha década de crecemento económico, incremento do endebedamento e especulación na bolsa de valores, con beneficios rápidos e fáciles.

Naquel tempo, sobre todo entre o propio ano 29 e finais do 34 a situación chegou a ser dramática para moitas familias. En paro, vivindo en situacións infrahumanas , moitas nais e pais decidían enviar os seus fillos o campo, a vivir con familiares ou directamente a traballar coma man de obra barata para terratenentes con problemas económicos tan graves ou mais que os dos pais dos rapaces, pero con recursos posibles no campo, como froita ou carne, e imposibles na cidade. O desemprego chegou a taxas do 30 por cento, un de cada catro americanos da época estaba en paro, e mais de 9.000 bancos quebraron e pecharon as súas portas.

Sen ir tan lonxe, casos similares de miseria e penuria se viviron no noso pais, sobre todo na década dos 40. Despois de tres anos de guerra civil, con medio pais devastado polas bombas e o outro medio fuxindo o estranxeiro cara o exilio ou morto e soterrado nas cunetas o consumo parou en seco. Os prezos do pan, da carne e doutros produtos de primeira necesidade se dispararon pola escaseza e as cartiñas de racionamento eran moeda de cambio. Vivir volveuse sobrevivir. E así durante anos sen capacidade de mellora algunha en décadas.

O ano 2009 comeza cunha das taxas de empregados maiores da nosa historia recente e co maior numero de persoas empregadas na historia de España, mais de 22 millóns de traballadores, entre por conta propia e allea. O PIB nacional en 2007 foi de 1.362 billóns de dólares e nese mesmo ano exportamos mercadorías por valor de 248,3 miles de millóns de dólares. Todos estes son datos oficiais da OCDE, a organización que estuda o estado dos países democráticos a nivel mundial e que fan pensar a estudosos do mundo mundial que para nada a situación a vivir nos próximos anos ten nada que ver co que podemos denominar coma crise. Para nada.

Alguén, algúns mais ben, están empeñados en que todo isto, o paro elevadísimo, a enorme carga de endebedamento das familias ou a inseguridade económica se volvan mais un motivo que unha oportunidade. Un motivo para a catástrofe, o apocalipse económico, que vai converter España na Etiopía, con fames inmensas e gravísimas, miles de persoas sen casa vivindo baixo as pontes e drama tras drama nas persoas e nas cousas.

Pois non. Para nada. No día de onte se revelaba o dato de que as familias Españolas aumentaron a cota de aforro ata o 5.1%. De cada cen euros cinco se gardaron. Pero non quedaramos que non había carto ningún, que os bancos non prestan, que o paro era brutal, que os cans e os gatos revelaran e se liberaran das súas cadeas e gaiolas?

Para nada. Nin hai cinco anos eramos millonarios como moitos crían nin hoxe somos mais pobres. Antes é agora son outros os que nos dictan como estamos exactamente e que é o que debemos facer cos cartos que gañamos. Así que ala, a aforrar, que os que mandan din que é o que toca. Mentres o paro no sector servizos se acumula, locais de hostalería e tendas en xeral pecharan as súas portas e autónomos de tódalas clases engrosan as listas do INEM. Pero non pasa nada.... aforren, aforren...

  • José Luis Louzán.

comentarios