Sábado. 21.09.2019
El tiempo
José Luis Louzán
19:03
24/07/09

O Complexo de inferioridade

O Complexo de inferioridade
As verdades como puños de José Luis Louzán

Para quen non o saiba, Carlos Rey é o máximo responsable da organización e celebración do Mercado Medieval de Corcubión. Como saben os que me seguen, teño por costume non nomear directamente a ninguén, pero esta vez o mencionado gañouse o dereito a que o nomee a pulso. Este organizador e un dos homes mais preocupados pola súa labor que coñezo. De feito, non teño moi claro que interese, ademais do puro altruísmo, o leva a pegarse as palizas a traballar que se pega cada ano para organizar un evento que, por outra parte, resulta interesante e adecuado as características da vila onde se celebra. Pero como soe pasar, tanta felicidade xunta non cabe nun corpo, que dirían os mais vellos, e resulta que onte descubrimos que Carlos... sofre un complexo.

Un xornal da comarca publicaba onte unha entrevista con este persoeiro na que, o comentar a celebración hoxe venres da recreación do desembarco que en época medieval tivo lugar nesta ria, o citado representante afirmou que “en Corcubión, temos a peculiaridade de que saímos victoriosos, de que non estamos a celebrar derrotas, como por exemplo teñen que facer os nosos veciños de Cee.”. Vale, viva e bravo... Imos ver.

Partindo da base de que, o mellor, o Sr. Rey faría ben en coñecer do feito histórico a recrear, e dado que, como afirma, todos os que naquela batalla participaron eran veciños de Corcubión (os de Cee so celebran derrotas) seria necesario que aportase filiación e censo de todos cantos naquel feito histórico participaron na época. Vexo que se trata dunha persoa moi ben informada e supoño que estará en posición de poder avalar con probas as súas verbas.

De igual modo, xa volvendo o presente, estaría ben que tamén lle pegara un vistazo o libro-folleto-programa da festa, onde mais do 75% da publicidade que nel figura pertence a locais situados no termo municipal que el insulta coas súas verbas. Así, tería oportunidade de revisar que pasaría coa financiación do mercado medieval sen o apoio do comercio e das empresas de Cee (que por certo, pouco perciben dos ingresos que o citado evento xenera).

Estaría ben tamén que o Sr. Rey, tivera en conta os seus paisanos con empregos en empresas con sede na vila da Xunqueira, aplicando aquilo tan manido de “non morder a man que che da de comer”, e de igual maneira esquecese complexos, ou os tratase debidamente nalgún psicólogo ou psiquiatra titulado, polo risco de que este tipo de padecementos puideran derivar noutros mais graves e difíciles de tratar. Tamén estaría ben que o citado representante entendese que non ten concedida patente de corso ningunha para ser os únicos con dereito a celebrar eventos relacionados con feitos ou épocas históricas. Si a este señor ou a outros de similares opinións lles molesta que noutras vilas se celebren eventos dedicados a exaltar partes da historia diferentes a que eles utilizan para a súa festa (ou as mesmas, se así fose) so teñen que deixar de asistir a eses eventos. Sempre será mellor que insultar os veciños dun pobo que tanto peso ten no crecementos económico da súa vila de residencia.

Igualmente, todo o antedito queda total e absolutamente sen efecto si, como desexo, a frase procedera dun erro de transcrición ou dunha pura manipulación das verbas do Sr. Rey. Todo tería mais sentido, pero evidentemente esixiría dunha rectificación no citado xornal.

Dito todo isto, so agardo que o tempo, a choiva, respete a festa como o Sr. Rey non fixo cos veciños de Cee, sobre todo con aqueles que defendendo Cee (e Corcubión) da invasión francesa no 1809 perderon a súa vida para verse agora vilipendiados por un veciño notablemente acomplexado. Unha lástima.

  • José Luis Louzán.

comentarios