Venres. 26.04.2024
El tiempo

A por nós

Non estamos nunha época nin nun estado con benquerenza á liberdade de expresión e opinión, e sendo partidario das opinións e pensamentos propios, de que cada un teña cadanseu xuízo en base á máxima información posíbel, imos reflectir información.

Na sexta 7 de maio de 2021 publicáronse no DOGA o decreto 77/2021 mais a súa Orde.
Comeza dicindo ou recoñecendo que:
Primeiro. Obxecto e alcance
1. Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas de prevención específicas, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia tendo en conta a finalización do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro.

Polo que xa temos o estado d’alarma findo. E chegamos os puntos que despertan o meu interese: o terceiro:
Terceiro. Limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados.

Mais o cuarto:
Cuarto. Limitación da mobilidade nocturna.

E ven-me á mente a Constitución. Polo que, comezando a le-la. Título segundo, dereitos e liberdades. Sección primeira, artigo 19:
Artículo 19. Los españoles tienen derecho a elegir libremente su residencia y a circular por el territorio nacional.

Mais o artigo 21:
Artículo 21. 1. Se reconoce el derecho de reunión pacífica y sin armas. El ejercicio de este derecho no necesitará autorización previa.

Xa poderiamos debater se o estado d’alarma pode ou non pode suprimir dereitos e liberdades, xa que a Lei Orgánica que o regula, 4/1981, fala de “limitar”, non de “suprimir”, mais sen o abeiro dun estado d’alarma, de excepción ou de sitio, que lei habilita ó executivo dunha comunidade autónoma a pasar por riba da constitución?

Xa que non hai moito, os mass media e unha parte da poboación do estado bramaron pola aplicación de 155 na Cataluña, por incumprir a constitución. Veremo-lo mesmo na Galiza? TVG difundindo que o executivo pasou por riba da constitución? A Voz solicitando a intervención da autonomía? Xente nas rúas de Murcia ou Sevilla berrando “ a por nós”? Xente nas rúas galegas apupando ó executivo ou lexislativo?

Porén non teriamos que chegar a ler 155 artigos, xa paramos no 19. Un executivo dunha autonomía suprime/limita, nunha orde, os dereitos constitucionais de liberdade de movemento mais o de reunión.

E si, xa sei que hai texto en castelán. Mais após 41 anos, se queres consulta-la constitución en galego na páxina do BOE, di que “contido non dispoñible en galego”.

Alguén pensa que sería necesario, xusto, correcto... que a Garda Civil mais a Policía Nacional disolvan o Parlamento Galego? Xa vos garanto que non vai acontecer, estade tranquilos, xa que nese caso habería unha muller presidenta da Xunta. Índa hai cousas que renxen máis que a unidade do estado.

 
  • José María Carretero, licenciado en ADE pola University Collegue of Dublin, Técnico Superior en prevención de riscos laborais, Mestrado en Asesoría Laboral, Conselleiro de Seguridade no Transporte de Mercadorías Perigosas, Mestrado en Profesorado e Ex CEO dunha multinacional do Transporte de Mercadorías por Estrada. Lé o DOGA para QPC.

Comentarios