mércores. 13.11.2024
El tiempo

Festexemos a vitalidade e a esperanza de futuro de máis de 700 anos de cultura e literatura escrita en galega

Letras Galegas 2020
Festexemos a vitalidade e a esperanza de futuro de máis de 700 anos de cultura e literatura escrita en galega
O 17 de maio festexamos o Día das Letras Galegas, celebración que naceu no ano 1963 por decisión da Real Academia Galega co obxectivo de facer unha festa de cultura ao redor da memoria dun personaxe que escribise en galego. Deste xeito, pretendíase render tributo a todas as persoas que ao longo da súa vida traballaron a prol da lingua galega e tamén, homenaxear a ese pobo que soubo gardar a nosa fala durante séculos, para que chegase a nós coa vitalidade e a fortaleza suficiente. Agora tócanos a nós salvagardala e proxectala no futuro.

Escolleron o día 17 de maio, porque nesa data de 1863, publicouse o libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, primeira obra mestra da literatura galega contemporánea.

O primeiro ano dedicouse a Rosalía de Castro, o segundo a Castelao, o terceiro a Eduardo Pondal,...e así, un a un (coa excepción do ano 1998, edición na que houbo unha homenaxe colectiva a tres trobadores), foron homenaxeados 60 autores (4 mulleres e 56 homes) nestes 58 anos. Uns eran escritores da época medieval, dos tempos das cantigas de amigo; outros do século XIX, tempo do rexurdimento; e outros máis recentes, do século XX, como é o que homenaxeamos este ano.

A Real Academia Galega, no plenario do 22 de xuño de 2019, decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2020 ao profesor e escritor ferrolán, Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero.

Como ben di a Real Academia Galega, foi unha das figuras máis relevantes da cultura galega na segunda metade do século XX; desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo, foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou no ámbito da creación literaria, así como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

A Academia, co seu nomeamento salda unha débeda histórica cunha persoa comprometida na defensa da cultura de Galicia, e danos a oportunidade de proxectar a literatura e as letras galegas ao redor dunha figura da que, como galegos, debémonos sentir orgullosos.

A título persoal, como bibliotecario, desexo que esta celebración das Letras sirva para afondar na interesante, variada e rica obra literaria que deixou o profesor Carvalho Calero, parte da cal forma parte da colección bibliográfica da Biblioteca “Francisco Mayán”, coa categoría de préstamo a domicilio.

Desde o ano 1991, o Día das Letras Galegas é festividade oficial de Galicia. É unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa cultura e da nosa lingua, arredor da cal se celebran numerosas producións e eventos culturais, co obxectivo de dar a coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da figura homenaxeada. A Real Academia Galega, Xunta de Galicia, deputacións, concellos, bibliotecas, centros de ensino, centros galegos, e outras entidades culturais e agrupacións civís, organizan actos que fan do mes de maio unha continua festa de cultura galega.

Este ano, ante a situación provocada pola pandemia do Covid-19, moitas celebracións canceláronse o aprazáronse, tal como fixo a Real Academia Galega, que decidiu trasladar o acto central da homenaxe a Carvalho Calero ao 31 de outubro, data que coincide cos 110 anos do nacemento do intelectual ferrolán.

A Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee súmase ao chamamento da Real Academia Galega, para que este 17 de maio sexa igualmente unha gran celebración colectiva. Co obxectivo de coñecer a figura e a obra do filólogo, escritor e profesor Carvalho Calero, e valéndonos das posibilidades do mundo dixital, recoméndovos visitar as páxinas web da Real Academia Galega (academia.gal), a do proxecto da RAG para o público infantil Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), a da iniciativa da RAG e a Fundación Barrié do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal), así como O Portal da Lingua Galega (lingua.gal); páxinas que, entre outras moitas, ofrecen en aberto para a súa consulta e descarga de balde numerosos materiais do homenaxeado máis dixital das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero.

Festexemos a vitalidade e a esperanza de futuro de máis de 700 anos de cultura e literatura escrita en galego, desexando que o espírito do Día das Letras e o interese pola literatura galega vaia máis aló do mes de maio.

“O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega. Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras Galegas”.
*(Cita extraída da proposta de celebrar un Día das Letras Galegas, presentada á RAG o 20 de marzo de 1963 e asinada polos académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo).

  • José Ramón Rey Senra.- Técnico da Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán” do Concello de Cee.

Comentarios