Quilómetros de conos e cero descontos

Cando un vai á praza, paga por un bo centolo e acábanlle metendo na bolsa un cangrexo conxelado, como se chama iso? Estafa? Tomadura de pelo? Pois algo parecido, pero con moito máis alcatrán, é o que vivimos a diario os sufridores da autoestrada AG-55, polo visto, chámaselle "día normal na autoestrada A Coruña-Carballo".

Pagamos unha peaxe coa promesa implícita dun servizo claro: fluidez, comodidade e a posibilidade de circular a 120 km/h. É un acordo comercial básico. Nós poñemos os cartos, eles poñen a vía en condicións. Pero a realidade na AG-55 teima en levarnos a contraria, convertendo o noso traxecto diario nunha interminable carreira de obstáculos onde o único que vai rápido é o cargo na tarxeta de crédito.

Xa non falamos dunha fochanca illada ou dun pequeno parche no asfalto. Falamos de quilómetros e quilómetros de carrís pechados ao tráfico. Se un estranxeiro vén visitar a Costa da Morte e colle esta autoestrada, pensará que a flora autóctona de Galicia está composta por toxos, xestas, eucaliptos e conos laranxas. As obras continuas neste tramo xa non son un mantemento, son un elemento paisaxístico permanente.

E por se as reparacións do firme ou o pintado non fosen abondo, ultimamente sumouse un novo actor convidado a este circo: as empresas de telefonía. É habitual atoparse furgonetas e operarios facendo reparacións de fibra óptica en plena autoestrada. Que un se pregunta: estarán a instalar wifi de alta velocidade para que poidamos ver un capítulo da nosa serie favorita mentres agardamos na retención? Porque, sinceramente, pagar unha peaxe para ir a 70 km/h vendo como empalman cables a pé de pista non parece un negocio moi redondo para o usuario.

Pero o máis abraiante de toda esta situación, o que realmente fai que un arquee a cella e respire fondo para non perder a compostura, é a elección dos horarios. Calquera mente loxicamente ordenada pensaría: "Se temos que pechar un carril na principal vía de comunicación entre Carballo e A Coruña, o máis razoable será facelo de noite".
Pois non; aquí semella que as obras precisan de público. 

As reducións de velocidade e os cortes coinciden maxistralmente cos momentos de maior tráfico. Ás oito da mañá, cando todos imos traballar, ou á tardiña, cando só queremos volver á casa.

Noutros lugares do mundo (e sen ir máis lonxe, noutras vías do Estado), os traballos de mantemento importantes fanse de madrugada. Instálanse potentes focos, trabállase cando só pasan os camións de longo percorrido e as curuxas, e pola mañá a vía está despexada. Aquí, pola contra, preferimos o modelo interactivo: que o condutor participe activamente do atasco.

É comprensible que as infraestruturas precisen mantemento. O que non é de recibo é que os usuarios teñamos que asumir en exclusiva as consecuencias dunha planificación deficiente. Se a min me reducen á metade os carrís dispoñibles e me obrigan a circular a velocidades de estrada comarcal (ou menos), o lóxico e honesto sería que a tarifa reflectise esa diminución do servizo.

Ter un chisco de retranca e tomar as cousas con filosofía axuda a non amargarse no coche, pero tampouco somos parvos. O mantemento é necesario, si; pero o respecto polo tempo e os cartos do usuario, tamén.

  •  Juan Manuel Trillo Caamaño. Nado en Raso e orgulloso rapaz de aldea, son un absoluto namorado e férreo defensor da Costa da Morte; técnico en emerxencias, instrutor de SVB e voluntario de Protección Civil en Cee, combinando a miña vocación de coidar da nosa xente co orgullo de 'vender' o marabillosa que é a miña terra.

Máis artigos de Juanma Trillo