venres. 22.05.2026
El tiempo

O minifundismo político da Costa da Morte

O minifundismo político da Costa da Morte

Quen nos viu e quen nos ve. Houbo un tempo, que hoxe semella pertencer á mitoloxía xunto coa Santa Compaña, no que a Costa da Morte era unha soa voz e un só puño. Os que aquí vivimos e aínda peiteamos canas lembramos con orgullo cando nos botamos á rúa, todos a unha, sen importar as cores dos carnés políticos, para esixir e conseguir o noso Hospital Virxe da Xunqueira en Cee. Aquelo foi unha demostración de forza, un verdadeiro "aquí estamos nós" que fixo tremer os despachos da xunta. Hoxe, pola contra, padecemos un mal endémico, unha enfermidade que nos vai esmorecendo amodo pero sen pausa: o minifundismo político.

Perdemos a comarca para gañar o concello. Ou, mellor dito, para non gañar absolutamente nada. Cada alcalde e alcaldesa, coma se fosen os señores feudais dos seus pequenos reinos, dedícanse a pedir migallas para a súa eira, esquecendo que o illamento, o despoboamento e a falta de oportunidades non entenden de marcos nin de fronteiras municipais. ¿O resultado? Unha colección de fracasos e carencias que sofren, como sempre, os de abaixo: os veciños.

Seica nesta terra a nosa clase política prefire ser o rei da súa propia leira, aínda que estea chea de silvas, antes que traballar xuntos nun prado grande onde haxa pasto e progreso para todos.

Basta con dar un paseo crítico polas redes sociais dos nosos rexedores. Hoxe en día, o Facebook ou o Instagram dos alcaldes da Costa da Morte semellan un catálogo de vaidades. Vemos a diario fotos sinalando un fochanco que por fin taparon, sorrisos profident cortando a fita dunha beirarrúa de cen metros, e sobre todo, moito postureo virtual. Buscan o "gústame" e o aplauso fácil dos seus incondicionais mentres se lanzan pullas co concello veciño porque goberna o partido contrario. Moita rede social, moito filtro de Instagram, e moi pouca xestión estrutural. Mentres eles contan "likes", nós contamos mozos que marchan facer as maletas para buscar futuro noutra parte.

Vexamos, con sangrante actualidade, o nivel de despropósito ao que chegamos:

  • A autovía que encolleu con aplausos: o caso máis insultante e recente é a eterna e nunca rematada Autovía da Costa da Morte. Hai nada, a Xunta anunciou a licitación do treito entre Santa Irena a Vimianzo. E cal é a realidade? Que nos venden como gran fito un tramo de apenas 5,8 quilómetros, que nin sequera é autovía (é un corredor dun só carril por sentido), cun prazo de obras de dous anos e medio para rematar alá polo 2029! ¿E a conexión histórica prometida con Cee e o porto de Brens? Ben, grazas, no caixón do esquecemento. O máis triste foi ver nas redes as fotos da presentación: alcaldes da zona, de varias cores políticas, aplaudindo o proxecto. ¿Onde quedou a reivindicación conxunta? Se fosen leais á comarca, e non ao xefe de Santiago ou Madrid, estarían manifestándose cos seus veciños ata conseguir o que se nos debe.
  • O lixo e o medievo administrativo: falemos de servizos básicos. Seguimos ancorados nun modelo anticuado. Cada concello ten o seu propio contrato de recollida de lixo, a súa propia xestión da auga, as súas propias rozadoras. Os sobrecustos son monumentais. ¿Por que non comarcalizar servizos esenciais? Crear unha gran Mancomunidade da Costa da Morte forte, que xestione de xeito unificado o lixo, a depuración de augas ou o transporte. Aforrariamos millóns que poderían ir a fins sociais. Pero claro, se o camión do lixo é comarcal... ¿onde pon o alcalde o seu nome e o logo do seu concello para que o vexan os votantes?
  • ¿Polígonos industriais ou hortas asfaltadas?: a moda estúpida de "un concello, un polígono". En lugar de pelexar xuntos por unha ou dúas grandes plataformas loxísticas e industriais, con conexións excelentes e servizos de primeiro nivel para atraer multinacionais e emprego de calidade, sementamos a comarca de pequenos polígonos illados, sen boas conexións con vías principais ou un porto. Son hortas de asfalto onde ás veces hai máis toxos que empresas.
  • O xeriátrico como "chuchamel" electoral: achégase unha campaña e, abracadabra, o proxecto estrela de todo candidato é o centro de día ou o xeriátrico municipal. Todos queren poñer a primeira pedra. E eu pregunto: ¿non tería máis sentido unir esforzos para crear dous ou tres grandes centros comarcais, punteiros, con médicos especialistas, servizos integrais e prazas suficientes para todos os nosos maiores? Non, o importante é a placa co nome do alcalde na porta, aínda que logo non haxa orzamento municipal para dotalo de persoal.
  • Portos deportivos de xoguete e turismo dividido: Cos nosos marabillosos recursos naturais, preferimos ter media ducia de pequenos portiños deportivos, en lugar de apostar por un ou dous grandes portos de referencia internacional. ¿E a promoción turística? Cada un fai a guerra pola súa conta, imprimindo folletos locais no canto de vender a "Marca Costa da Morte" como a potencia mundial que podería ser.

Os nosos alcaldes e alcaldesas e incluso os membros da oposición municipal, esquecen o principio básico da democracia: débense aos seus veciños, non ás estratexias dos grandes partidos. Cando un político da Costa da Morte pisa San Caetano, a Deputación ou a Moncloa, non debería ir como o militante obediente que vai pedir por favor que lle arranxen a praza da igrexa, senón como o representante dunha Costa da Morte unida, forte, enfadada e farta de ser o patio traseiro de Galicia.

Se seguimos con este minifundismo de ideas, a vindeira tolemia será ver como algún concello pide fondos europeos para facer un estadio olímpico onde poidan xogar os partidos de solteiros contra casados. E mentres os nosos políticos seguen contando os seus "likes" no Facebook, a Costa da Morte seguirá perdendo poboación, perdendo industria, sangrando mocidade e perdendo a nosa dignidade. Ou espertamos, esiximos grandeza e volvemos ser unha comarca, ou acabaremos sendo, simplemente, un fermoso museo da melancolía cara ao mar ou como ben di un curmán meu, unha pequena “reserva india” onde virán os turista ver como se vivía fai un século atrás. 

  •  Juan Manuel Trillo Caamaño. Nado en Raso e orgulloso rapaz de aldea, son un absoluto namorado e férreo defensor da Costa da Morte; técnico en emerxencias, instrutor de SVB e voluntario de Protección Civil en Cee, combinando a miña vocación de coidar da nosa xente co orgullo de 'vender' o marabillosa que é a miña terra.

Máis artigos de Juanma Trillo

Comentarios