sábado. 06.06.2026
El tiempo

A sorte non pode ser un recurso sanitario: A Costa da Morte precisa unha medicalizada xa

Trasbordo de Ambulancias en Arteixo
Trasbordo de Ambulancias en Arteixo
A sorte non pode ser un recurso sanitario: A Costa da Morte precisa unha medicalizada xa

Levo máis de dúas décadas traballando como técnico en emerxencias sanitarias no 061 na nosa terra. Ao longo de todo este tempo na ambulancia, vin case de todo, pero hai semanas que te marcan fondamente e que, sobre todo, poñen sobre a mesa unha realidade que na Costa da Morte levamos moito tempo denunciando: a urxente necesidade dunha ambulancia medicalizada e unha xestión moito máis eficiente dos recursos sanitarios. O que vivimos nos últimos días nesta comarca é o reflexo dun sistema que se sostén grazas á pura vontade e suor dos profesionais e, por desgraza, ao azar de ter ou non un helicóptero libre nese preciso momento.

En apenas unha semana encadeamos situacións que rozan o límite. Comezamos coa evacuación en Corme dun mozo que sufriu queimaduras na cara. A ambulancia que tivo que desprazarse para atendelo viña dende A Silva, en Cerceda. Calquera que coñeza un pouco a nosa xeografía sabe a enorme distancia e o tempo que iso supón cando cada segundo conta de verdade. Tivemos a sorte de que o helicóptero de Santiago estaba libre, pero a sorte non pode ser nin debe ser o noso principal recurso sanitario. 

A fin de semana non deu tregua ningunha. O domingo, a situación volveu poñernos a proba cun veciño de Cabana que sufriu un contratempo. Foi atendido inicialmente polo persoal do PAC de Ponteceso e o noso SVB, pero para darlle a asistencia especializada que requiría, dada a gravidade da situación, houbo que solicitar a axuda dunha ambulancia medicalizada (SVA) que se desprazou dende Coruña. Tiveron que facer unha transferencia en ruta á altura do hotel Punta del Este en Carballo. 

Pero se algo me rompeu a alma e me encheu de impotencia esta semana, foi o sucedido o luns nun monte de Leboreo, en Bértoa. Un veciño de Carballo sufriu un terrible accidente agrícola cunha rozadora que lle provocou a semiamputación dunha perna. As dúas ambulancias de Carballo estaban ocupadas, polo que nos mobilizaron a nós, ao SVB de Ponteceso. A viaxe ata Bértoa fíxose absolutamente eterna. Mentres iamos en camiño, activouse un SVA que tiña que vir dende A Coruña, coa inmensa distancia que iso implica, e tamén un equipo médico do centro de saúde de Carballo. Esta vez, a moeda caeu do revés: os dous helicópteros da comunidade estaban ocupados.

Cando chegamos ao monte, fixemos todo o humanamente posible e máis. Traballamos cóbado con cóbado xunto os compañeiros do SVA de Coruña e do centro de saúde de Carballo, intentando estabilizar ó paciente e realizando manobras de reanimación durante case unha hora sen descanso. Puxemos toda a nosa enerxía e coñecemento intentando salvalo, pero pese ao esforzo titánico de todos os compañeiros, o paciente acabou falecendo alí mesmo.

Un día despois, un veciño de Ponteceso sufriu unha indisposición grave. A mesma historia repetiuse: a ambulancia de Soporte Vital Básico (SVB) que se desprazou tivo que vir dende Carballo xa que a de Ponteceso estaba ocupada e, unha vez máis, houbo que recorrer ao helicóptero de Santiago para poder trasladalo con garantías ao hospital.

É moi duro volver á base despois de algo así como o de Bértoa. Mentres limpas o material e intentas asimilar o golpe, non podes deixar de pensar nos tempos de desprazamento. Os profesionais do 061, os compañeiros do PAC, os xestores de emerxencias da central de coordinación e todos os que formamos a cadea de supervivencia deixámonos a pel en cada aviso. Facemos todo o que está nas nosas mans para darlle á xente unha oportunidade, pero non podemos loitar contra os quilómetros e o reloxo se non temos as ferramentas e recursos axeitados. ¿Cantos sucesos dramáticos máis teñen que concentrarse nunha soa semana para que as administracións entendan que, nas emerxencias, os quilómetros son tempo, e o tempo é vida?

A Costa da Morte non pode seguir sendo tratada como unha zona periférica; necesitamos unha ambulancia medicalizada xa. Non é un luxo, non é política nin é un capricho. É, literalmente, unha cuestión de vida ou morte.

  •  Juan Manuel Trillo Caamaño. Nado en Raso e orgulloso rapaz de aldea, son un absoluto namorado e férreo defensor da Costa da Morte; técnico en emerxencias, instrutor de SVB e voluntario de Protección Civil en Cee, combinando a miña vocación de coidar da nosa xente co orgullo de 'vender' o marabillosa que é a miña terra.

Máis artigos de Juanma Trillo

Comentarios