Nin os datos son reais nin a “medicalizada” é a única solución
Hai escasos días, o Parlamento de Galicia volveu ser escenario dun debate que leva 25 anos resoando na nosa comarca, a dotación dunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado (SVA), coñecida popularmente como "medicalizada", para a Costa da Morte. O resultado da votación, con todo, foi o de tantas outras veces. A maioría do Partido Popular rexeitou a proposta defendida pola deputada socialista Patricia Iglesias, argumentando que, se ben a SVA é un recurso útil, os datos "non acreditan o volume de actividade nin a saturación do servizo".
Para soster esta negativa, dende o goberno autonómico escúdanse nunha serie de cifras de actividade, como as activacións das SVA da Coruña ao concello de Carballo ou as 807 activacións anuais do SVB de Cee. Non obstante, cando a frialdade dos números de despacho choca de fronte coa realidade das nosas estradas, a obriga dos que traballamos a pé de rúa é cuestionar o relato oficial.
As cifras oficiais nas que se basea o Parlamento son, sendo francos, unhas estatísticas maquilladas e nesgadas que non fan referencia á nosa realidade diaria.
No propio debate parlamentario, o Goberno galego puxo como exemplo o volume de chamadas recibidas dende o concello de Carballo, destacando a porcentaxe daquelas que foron resoltas de xeito puramente telefónico –que se atopa na media do resto da comunidade– e a cantidade de veces que finalmente se mobilizou unha ambulancia. Con todo, esta é unha lectura tramposa do problema por dous motivos fundamentais:
Primeiro, porque illan os datos dun só concello, ignorando a realidade xeográfica e sanitaria global de toda a comarca da Costa da Morte, moito máis extensa e complexa. E segundo, porque eses números absolutos de servizos non se traducen na métrica que realmente importa nunha emerxencia: os quilómetros percorridos e o tempo de desprotección. As estatísticas non din canto tempo real queda unha zona completamente desprotexida e sen un recurso próximo mentres esa ambulancia está ocupada nun traslado que, en moitos casos, implica ir ata os hospitais da Coruña e volver.
A todo isto hai que sumarlle outras lagoas que se omiten deliberadamente no reconto oficial:
- As transferencias denegadas: Non din a cantidade de veces que os profesionais da Costa da Morte solicitan unha transferencia en ruta coa SVA e esta denégase porque dita ambulancia xa está prestando servizo noutra emerxencia. Cómpre lembrar que eses vehículos de SVA cobren todo o inmenso ámbito da cidade da Coruña e a súa área metropolitana.
- O baleirado dos PACs: As estatísticas non teñen en conta as innumerables ocasións nas que un paciente crítico ten que ser trasladado nunha ambulancia de Soporte Vital Básico (SVB) acompañado de urxencia por persoal médico e de enfermaría do Centro de Saúde ou do PAC correspondente. Cada vez que isto ocorre, un centro médico local queda sen os seus facultativos durante horas.
- O uso dos helicópteros medicalizados: O relato oficial obvia un detalle crucial, a mobilización dos helicópteros sanitarios do 061 (o H3 con base en Santiago ou o H4 de Ourense). Estas aeronaves actúan, a todos os efectos, como unha "SVA voante" e son requiridas ante situacións de risco vital inminente debido á enorme distancia aos centros hospitalarios. A realidade é que as SVA terrestres da Coruña non se mobilizan a localidades como Cabana, Ponteceso, Malpica, Laxe e menos aínda a Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Corcubión ou Fisterra porque os tempos de resposta son inasumibles. Se a comarca contase cunha medicalizada propia, poderíase evitar a mobilización do helicóptero —un recurso moi custoso e dependente das condicións meteorolóxicas— en algúns destes casos, garantindo unha asistencia avanzada moito máis rápida e sostida no tempo.
Mentres o debate político e mediático se focaliza case en exclusiva na ambulancia medicalizada, é de xustiza poñer o foco en quen realmente sostén o sistema a pé de rúa. O traballo que realizan os recursos de Soporte Vital Básico da Costa da Morte é, sinxelamente, excelente.
As dotacións das ambulancias de Cee, Vimianzo, Ponteceso, as dúas unidades de Carballo e a da Silva (Cerceda) son a primeira liña de defensa. Eles, xunto co incansable persoal médico e de enfermaría dos nosos centros de saúde e PACs, son os que salvan vidas a diario en condicións moitas veces precarias.
Unha ambulancia SVA é unha gran axuda e unha ferramenta vital, pero que ninguén se engane: sen a rede de ambulancias de SVB e sen os profesionais da atención primaria, unha medicalizada non serviría de nada. A SVA é a punta da lanza, pero o corpo que dá forza e sostén o impacto desta lanza, é a asistencia das SVB e os nosos sanitarios locais.
Dito isto, o debate debe ser honesto en todas as súas frontes. Non podemos obviar que os recursos sanitarios son limitados e moi custosos. A solución non pasa unicamente por esixir máis e máis vehículos ás administracións.
Como xa expuxen hai unhas semanas, de pouco ou nada vale encher a zona de recursos de emerxencia se carecemos dunha boa base de educación sanitaria. O éxito das emerxencias basease nun uso responsable, e isto é unha tarefa que nos implica a todos:
- A cidadanía: A poboación debe estar concienciada para facer un uso racional dos recursos. Se mañá mesmo se dotase á comarca de varias ambulancias medicalizadas sen esta educación previa, acabarían saturadas enseguida.
- Os centros sanitarios: Tamén é necesario un uso proporcionado e rigoroso por parte do persoal dos PACs e dos centros de saúde á hora de tipificar e solicitar os traslados, priorizando sempre a gravidade real do paciente.
- A xestión do 061: De xeito crucial, requírese unha mellor e máis eficiente xestión por parte da Central de Coordinación do 061. A coordinación das decisións debe afinar ao máximo para optimizar os recursos que están na rúa, evitando xerar demoras innecesarias, longas distancias en baleiro ou disfuncións na mobilización da unidade máis adecuada para cada caso.
Necesitamos unha SVA na Costa da Morte para as emerxencias reais de risco vital, si. Pero tamén necesitamos políticos que non maquillen os números, un apoio total aos profesionais do SVB e dos PACs que xa se deixan a pel hoxe en día, e un sistema onde cidadáns, sanitarios e xestores de emerxencias remen xuntos coa máxima responsabilidade.
- Juan Manuel Trillo Caamaño. Nado en Raso e orgulloso rapaz de aldea, son un absoluto namorado e férreo defensor da Costa da Morte; técnico en emerxencias, instrutor de SVB e voluntario de Protección Civil en Cee, combinando a miña vocación de coidar da nosa xente co orgullo de 'vender' o marabillosa que é a miña terra.
