Venres. 29.03.2024
El tiempo

A distanasia do sentimento galego en Bos Aires

A distanasia do sentimento galego en Bos Aires
Moi prezado don Álvaro: Sei que non lle sorprenderá a miña carta con comentarios persoais sobre os actuais e tristes acontecementos no CENTRO GALEGO DE BOS AIRES. Os que o coñecemos sabemos que está afectado pola acedume que se respira na esquina de Belgrano e Pasco. Vostede foi protagonista nunha etapa [1986-1990] na que houbo que axudar para evitar o endebedamento. Así foi que botou man do seu patrimonio para facer un préstamo ao Centro Galego, sen intereses, dun millón de dólares. Entendo que non queira falar do pasado pero eu son agradecido cos bos e xenerosos. Non esquezo que os seus cartos fixeron posible, tamén, que o gran cineasta Prelorán puidese realizar o moi necesario filme “Castelao”. Síntome moi alporizado porque sei que lle doe cando ve a membros trampulleiros da súa agrupación ir detrás do interventor macrista para afundir o que foi o fogar emigrado más importante do mundo. Supono que estará a preguntarse se os descendentes tolearon xa que a misión das agrupacións é o apontoamento. Os actuais membros da súa agrupación (non merecen que escriba o nome) son pouco máis de media ducia de infelices que perderon as raíces. Quixeron ir de espelidos e levaron nos fociños. Hai que ser paspán para presentarse a unhas eleccións con candidatos non habilitados por non ser socios. Os xefes mafiosos do interventor premen. É mester liquidar axiña o hospital dos pobriños galeguiños. O certo é que a todo hai quen gañe e os seus sucesores na agrupación xa están fóra da primeira liña no xogo privatizador. O interventor ten novos papóns ao seu servizo. Son os escasos membros da agrupación máis antiga (fundada o 12 de setembro de 1926) que en vez de extinguirse en paz, volven convertidos en enterradores. Poida que teñan desculpa –-non sei o que vostede opina--- xa que a agrupación estaba en estado terminal. Nestes casos, case sempre, optamos por agarrarnos a un clavo ardendo. O interventor-necromante repartiu a mesma dose de veleno que utilizou don Mauricio para gañar as eleccións. A apócema é moi efectiva aínda que a súa composición é moi sinxela: envexa-impostura-traizón a partes iguais. Non sei, don Álvaro, se ir falar co párroco de Santa Rosa de Lima. Non o coñezo pero é quen está máis perto dos desaquelados asociados que queren vender o patrimonio social. O meu preferido para unha reflexión pastoral é o cura Olveira pero sei que os católicos das agrupacións non pisan Isla Maciel. Haberá que invocar a axuda divina para convencelos de que vender é sinónimo de perder. A propiedade social evita o peche do hospital. Non corresponde o quedar sen edificio para pagar o salario dos pandorcos inútiles da garda pretoriana que protexe ao interventor. É curioso que os mesmos que votaron para non manter preguiceiros sexan agora animados pagadores de quen lle está desfacendo a súa casa. Teño tamén que facer un apuntamento sobre a escasa solidariedade da comunidade galega coa crise no Centro Galego. Semella que non son conscientes de que están sendo parte activa do maior fracaso na historia da emigración galega. O peche do Centro Galego é un fracaso colectivo. A gran maioría dos dirixentes de entidades galegas están centrados no mantemento da súa taberna pero o esforzo para celebrar a festa da aldea non debe de frear o compromiso identitario coa permanencia do Centro Galego. É inevitable que a taberna parroquial teña cada vez menos siareiros pero debemos de unir forzas para loitar contra da estafa privatizadora no moi nobre Centro Galego de Bos Aires. Sen máis e antes de despedirme quero informalo sobre o moi boa xestión municipal de Sandra no seu querido Tomiño. Coido non esaxero se digo que ten máis alumeado a praza do Seixo que medio barrio de Belgrano ou de Caballito. Reciba unha fonda aperta de irmandade desde Santiago de Compostela. * ÁLVARO CAMPOS (de Tomiño) foi presidente do CGBA  
  • Manuel Suárez Suárez.
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

 

Comentarios