Venres. 29.03.2024
El tiempo

O futuro incerto da Casa de Galicia de Montevideo

Casa Galicia de Montevideo
Casa Galicia de Montevideo
O futuro incerto da Casa de Galicia de Montevideo
En Santiago de Compostela (Cidade da Cultura) podemos visitar a moi formativa exposición “Galicia, un relato no mundo” que inclúe unha escultura en madeira policromada de Francisco Asorey que é propiedade da Casa de Galicia de Montevideo. Estou a falar de “A Santa” que puiden admirar na capital uruguaia en varias ocasións. Nunha das miñas visitas levei ao “bo e xeneroso” profesor Chamoso Lamas a quen tiven o honor de presentar na súa conferencia no Patronato da Cultura Galega. Don Manuel era persoa sabia e tamén un erudito comprometido na defensa do noso patrimonio cultural. Emocionouse diante da creación do xenial cambadés e explicoume que “A Santa” formaba parte dunha triloxía que se completaba con “O Tesouro” e “A Naiciña”.

Coido é importante non esquecer que somos unha nación que ten milleiros de corazóns espallados polo mundo enteiro. O triste é que se poña de moda o desprezo a quen ten menos e  que se apoie nas urnas aos que atacan aos desposeídos. As portas abertas da moi nobre República Oriental do Uruguai posibilitaron a construción  dun niño nas beiras do Prata para aquelas familias que buscaban un abeiro solidario despois de séculos de tormentas de inxustiza social. Escribo estas liñas porque estou moi preocupado polo futuro da Casa de Galicia de Montevideo. Hai que salvar a última das tres grandes entidades emigrantes xa que hai tempo que perdemos a primeira, Centro Galego da Habana e recentemente, a segunda, o Centro Galego de Bos Aires.

A miña experiencia indícame que está en perigo a continuidade da Casa de Galicia e por iso aconsello aos membros da directiva que actúen con responsabilidade para non “acabar na lona”. Que estou a dicir? Quizais haxa máis dun que diga que “non teño vela neste enterro” pero a verdade é que dóeme moito –aínda que viva lonxe-- cando recibo novas negativas da miña querida Banda Oriental. Quero evitar as lamentacións que serán moi numerosas nos días previos ao retorno as urnas para elixir o presidenta ou presidenta que asumirá o primeiro de marzo do 2025. É unha verdadeira desgracia que uns poucos milleiros de votos sexan os culpables da importación da peste neoliberal ao país que segundo o FMI “atópase nunha situación envexable logo de 15 anos de crecemento vizoso”.

Fago un chamamento aos directivos da Casa de Galicia para que non pechen os ollos xa que a peste neoliberal que espallará o novo desgoberno non afecta á visión. Se tedes os ollos ben abertos é case seguro que vos salvaredes do envelenamento emocional que afectou aos socios do Centro Galego de Bos Aires. Se aprendemos da desfeita arxentina é probable que se poida chegar con boa saúde a marzo do 2025. En Bos Aires foron de abondo catro anos de neoliberalismo autoritario para afundir o hospital do Centro Galego que está a ser xestionado por unha empresa privada. O máis noxento é que os poucos socios que quedaron (menos de 3.000) están encantados xa que agora teñen unha clínica ao seu serizo exclusivo e non teñen que sentarse na sala de espera xunto a un pobre mal vestido.

A Casa de Galicia é unha propiedade social. O baionés Xosé Mª Rodríguez Barreiro (1871-1923) sudou a camisola para erguer unha mutualista de asistencia médico-hospitalaria que estivese aberta a todos os emigrantes. Aínda que confío na directiva, é o meu deber anticiparlles unha inevitable caída en picado do benestar nos vindeiros cinco anos. O cambio na política económica aumentará a pobreza por efecto directo do incremento da inflación e o desemprego. O sector social máis amolado vai ser o da clase media que perderá ingresos e poder adquisitivo xa que o desgoberno neoliberal transfire riqueza de abaixo ata arriba. Quere dicir que medrarán máis os que máis teñen de acordo coa reflexión de Paul Krugman: Os ricos están sempre a buscar excusas para reducir os seus impostos. É unha constante universal”.

Quero insistir en que o erro cometido nas urnas terá consecuencias negativas sobre da máis grande asociación galega do mundo (é a quen ten máis socios e tamén máis patrimonio) xa que segundo dicía J.F. Kennedy: Nunha democracia, a ignorancia dun votante prexudica a seguridade de todos. Nas urnas, deberíamos autorizar a loita contra das desigualdades sociais mediante o apoio a partidos que defendan a distribución honrada dos recursos públicos. O que ocorreu foi que na miña benquerida terra artiguista, foron moitos os cidadáns  que se “pichicatearon” cos mercenarios mediáticos que ininterrompidamente e durante 15 años, de xeito gratuito, entregaron a súa dose contaminante de insensatez. Cúmprese ao pé da letra coa reflexión do emigrante húngaro Joseph Pulitzer (1847-1911) de que “co tempo, unha prensa mercenaria, demagógica, corrupta y cínica; crea un público vil coma ela”.

 Nuns poucos meses comezará a producirse un descenso na recadación por cotas sociais na Casa de Galicia como resultado da caída de ingresos da clase media o que levará a moitas familias a darse de baixa. Non teño ningún poder de adivinación, só lembro o que xa aconteceu en repetidas ocasións a finais do século pasado. Non é a miña intención a de alarmar pero coido é necesario que as autoridades tomen medidas preventivas para adiantarse, no posible, a escura noite neoliberal que atoará a maioría da poboación. Non é de galegos honrados,  mirar para outro lado e deixar que a peste insolidaria acabe coa lareira que ergueron os nosos esforzados devanceiros. Oxalá poida achegarme ata Montevideo no mes de maio para celebrar o Día das Letras Galegas e poder ofrecer a miña humilde colaboración para que evitar que se deteña a singradura comezada no ano 1917.

 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo


 

Comentarios