“Montemineo”
06:43 07/11/18
El vapor CABO DE HORNOS en Bilbao. Foto remitida por Juan Mª Rekalde a vidamaritima.com
Manuel Suárez Suárez durante a súa infancia en Tines, Vimianzo
O 7 de novembro de 1958 embarquei no “Cabo de Hornos” pero case non teño recordos deste día e non lembro o afastamento do barco do peirao coruñés. Aquel neno de 5 anos da aldea vimiancesa de Tines ía para Montevideo onde o esperaba seu pai.
Non entendía a razón do desprazamento pero ir a “Montemineo” (así o pronunciaba) era o seu maior desexo.
Tiña que taparlle a boca a un par de lareteiros da aldea que o encirraban coa trangallada de que seu pai xa non se acordaba de el. Aquelas parvadas non lle gustaban nadiña. O pai era ferreiro e antes de marchar fixólle un triciclo de madeira con rodas de ferro no que pedalaba ata a casa da Gala ou dos de Vicenta, sempre que non chovese.
Houbo un adiamento na viaxe pois en novembro xa debería de estar correndo polas rúas montevideanas. O retraso está motivado polo seu ingreso obrigatorio no sanatorio do doutor Baltar en Santiago de Compostela. Quizais fose unha proba para determinar se o seu desexo de vivir lonxe de Tines era sincero. O que fose foi superado con éxito logo da cicatrización de 33 feridas.
Enriba do barco todo era abanear e vomitar. Disque era a súa derradeira singradura. O que máis botaba en falta era o moi saboroso follado que a avoa Concepción lle facía para merendar. A nai dicía que axiña faremos unha parada no Brasil, en Santos, e vainos visitar o tío Xosé de Romarís.
O tío Xosé estaba casado con Fina do Rei que era irmá do pai e levaba uns anos nesta banda do Atlántico. Aquel tío era garimoso e moi espelido xa que estaba informado de que eu non comera case nada durante a viaxe. Viña carregando cun acio de froitas amarelas que lle chamaban bananas. Alegría! As bananas foron unha apócema máxica que axiña me fixeron coller cor nas meixelas para que meu pai me recoñeza cando chegue a Montevideo.