Mércores. 08.05.2024
El tiempo
Manuel Varela
18:20
27/11/13

A Costa do Fútbol

A Costa do Fútbol
Album de cromos do Futbol da COsta

E xa o temos aquí. Se fai un tempo nos din que os esforzados do balón costeiro ian ter unha colección de cromos, non o creeriamos. Pero xa é unha realidade. Uns 1.200 Álbums e máis de 350.000 cromos saíron do forno e a partir da semana que vén estarán a disposición da xente da Costa da Morte, en máis de 40 puntos de venda.

Teñen os cromos certo punto de traballo notarial e outro tanto de labor artística. En tempos pretéritos cumplian unha función fundamental, a de informar sobre os ídolos os que so se chegaba, e con sorte, a través das ondas radiofónicas e de lendas que crecían a forza de pasar de boca en boca. O cromo era case que a única maneira de verte cara a cara con ese extremo percutor do Cádiz ou o dianteiro goleador do Hércules; e sobre todo, cos fenómenos balompédicos de grandes escuadras que tamen competían por Europa; e do noso Deportiviño; ou daquel Racing de Ferrol do Inferniño, ou do Pontevedra do Hai que Roelo.

Os tempos pasan, e na era da información o que sobra é precisamente iso, información. Tanto empacho de datos, anécdotas, declaracións, vídeos, artigos, fotografías e demais quítanlle algo de valor ás cousas do fútbol, e sobre todo mata a imaxinación que fai anos voaba en pos das fazañas deportivas non vistas pero si imaxinadas.

Pero todavía quedan recantos onde este fenómeno se produce. Aínda que duns anos a esta parte o circo mediático tamén se está a instalar no noso futbol modesto, aínda queda unha parte de misterio, de lenda, que fai arder o fogo e a paixón deportiva. Na nosa terra, no fútbol costeiro, todavía imos a xogar os campos sen saber quen é o rival, aínda que ó mellor coincidamos con el nas aulas, na obra ou no bar da esquina facendo de todo menos xogar ó fútbol.

E aquí, na Liga da Costa, é onde todavía ten sentido o cromo. Esa postaliña coa foto do lateral do Volantes, cos seus datos persoais e traxectoria deportiva, vainos acercar un pouco mais a el. E como el, ós mais de 700 xogadores representados no Álbum da Liga da Costa. Persoas coma ti e coma min, que senten paixon por algo que nos une, o deporte rei, practicado nun entorno físico e social como é a nosa, a Costa da Morte, a Costa do Fútbol.

Facédevos co Álbum, coleccionade os cromos dos vosos semellantes, e achegádevos un pouco mais ó que é noso, os nosos equipos de fútbol, fiel reflexo dunha sociedade cun potencial tremendo e á que entre todos temos que darlle un empurrón. Este Álbum é só unha pequena contribución. Disfrutádeo.

Toda a información sobre o Álbum de Cromos

Xa tendes toda a información sobre como facervos co Álbum de cromos en:

Máis novas sobre o Álbum de cromos do #FutboldaCosta

Fonte

Comentarios